Dende Vilalba Aberta queremos darvos a benvida á Plataforma do Programa Participativo e que, baixo o nome de Vilalba Decide, vos permitirá a posibilidade decidir punto por punto o programa que Vilalba Aberta defenderá nas vindeiras Eleccións Municipais coma o Programa Electoral de todos/as.

 

Un novidoso procedemento de participación online, aprobado por unanimidade na nosa asemblea no marco dunha máis ampla folla de ruta cara ás Municipais de 2019, co que unha vez máis nos queremos desmarcar do xeito de facer dos partidos políticos tradicionais, involucrando tanto aos veciños dos barrios da vila coma aos que o sodes de cada unha das nosas parroquias na construción da Vilalba que virá.

 

Fronte aos clásicos programas cunha listaxe de medidas atomizadas, dende Vilalba Aberta apostamos por atopar consenso naquelas medidas prioritarias para a veciñanza e que, sendo capaces de dar resposta a varias problemáticas á vez, supoñan ademais un uso máis eficiente dos recursos á hora de satisfacer as necesidades da maior parte dos vilalbeses/as.

 

Un Programa, en definitiva, que poña de relevancia a intelixencia colectiva, a través dun proceso participativo que faga posible que decenas de veciños/as tomedes parte na creación, discusión e priorización das vosas inquedanzas. Un programa, que demostre que se pode facer política doutro xeito, coa participación da xente e sen concibir á veciñanza coma se se tratara dunha clientela á que convencer.

 

Porque non queremos que en 2019 elixades entre varios programas que lle vos impostos. Queremos, que os vilalbeses/as teñades ao fin a posibilidade de vos decantar por unha programa que sintades voso, isto é: coma algo do que formastes parte e no que vos recoñezades á hora de votar.

A construción colectiva do Programa atópase activa dende o momento da presentación en redes desta plataforma de participación online. Na mesma, todas as persoas empadroadas no Concello poderedes enviar as vosas propostas ata o vindeiro venres 15 de Febreiro, ás que se lles sumarán aquelas que poidamos recibir logo da convocatoria de ao menos dúas asembleas programáticas presenciais. Un engadido, pensado para favorecer tamén a participación de todos aqueles veciños/as que non dispoñan de conexión ou acceso a internet e desexen igualmente participar da elaboración colaborativa.

 

Neste senso, e unha vez expirado o prazo, activarase un procedemento de avaliación de dous días a fin de analizar a viabilidade xurídica e económica das achegas, para de seguido establecer unha síntese final previa á elaboración de:

  1. Un “Plan de Choque” para os primeiros meses de mandato e integrado polas 15 medidas máis votadas
  2. Un Sub-Programa para as Parroquias que se entregará á veciñanza coma un anexo ao Programa Electoral. Unha medida que suporá, por primeira vez na historia do Concello de Vilalba, que as Parroquias teñan un programa electoral propio, ademais do establecido para as mesmas no Programa Electoral Xeral.
  3. O Programa Electoral xeral que defenderemos nas vindeiras Eleccións Municipais.

O que a continuación vos presentamos é a relación dos eixos temáticos que nos servirán de base para estruturar a elaboración colectiva. Unha proposta marco que, agardamos, sexa o suficientemente ampla para responder ao xeito de facer que coa posta en marcha deste Programa Participativo ambicionamos, isto é: Un continuado procedemento colectivo, baseado na participación e a corresponsabilización da veciñanza na construción da Vilalba que soñamos.

Rexístrate no Foro do Programa Participativo de Vilalba Aberta, escolle un dos eixos temáticos e crea a túa proposta. 

Foros
 

Programa Participativo - Rexistrarse

¡Únete e participa coas túas propostas no noso Programa!

Email *

  Despois do rexistro, recibirás unha confirmación por correo electrónico cunha ligazón para configurar un novo contrasinal

 

 

 

Compartir: