Proposta 1. Compromiso coa ampliación do chan industrial, en base ao interese de varias empresas por asentarse no noso Concello e ao afán por conseguir que outras dean ese paso. Ao carón do Polígono hai 300.000m2 que lograron da Xunta a consideración de Área de Expansión de Galicia, polo que nin tan sequera sería precisa unha modificación das normas urbanísticas.

A este respecto, garantir a futura produtividade e evitar a compravenda de parcelas que logo non teñan actividade industrial nin comercial ou que, segundo se acabe de construír unha nave, o propietario/a a alugue a terceiros, sen que se poña en marcha ningún proxecto empresarial; será unha prioridade municipal.

Proposta 2. Negociación dun acceso directo do Polígono coa autovía do Cantábrico, co fin de darlle un mellor servizo e incentivar que cada vez máis empresas fixen o seu centro de produción en Vilalba. A nosa condición de privilexiada encrucillada de camiños viuse reforzada pola construción da transcantábrica (A-8) e da autovía Ferrol-Vilalba (AG-64). Unha realidade, que levou ao asociacionismo empresarial de Vilalba a solicitar un acceso directo coa autovía do Cantábrico. A medida, mesmo foi apoiada en Pleno, mais sen verse ningún avance ata o de agora.

Vilalba atópase nunha inmellorable localización e hai que actuar nese sentido.

Proposta 3. Creación dunha liña anual de bonificacións fiscais para a contratación á Pequena e Mediana Empresa. Unha medida fiscal nunca antes explorada no noso Concello, mais de contrastada eficacia á hora de fixar poboación.

Existen numerosos exemplos de Concellos rurais e semirurais nos que se levaron a cabo programas de axuda á contratación de mozas e mozos da localidade, bonificando fiscalmente á súa pequena e mediana empresa. Este tipo de medidas, foron aplaudidas e contaron cada vez con máis beneficiarios, pois alá onde se puxeron en práctica, axudaron á xente nova á hora de conseguir un traballo, evitando que tivesen que emigrar ou trasladarse.

Proposta 4. Plan Municipal para o Retorno da Mocidade. Unha iniciativa, dirixida a facilitar o regreso da mocidade vilalbesa que reside e traballa no exterior. Mozas e mozos que tiveron que marchar en busca de oportunidades laborais e que, nos máis dos casos, están a desenvolver unha importante traxectoria laboral noutros Concellos, xerando un capital humano altamente valioso.

Neste senso, e entendendo que captar este capital humano resulta fundamental para o desenvolvemento económico e social do Concello de Vilalba, para a rexeneración do noso tecido empresarial e para a atracción de novas oportunidades de negocio e emprego de calidade; as actuacións que lle darían forma serían as seguintes:

  • · A Convocatoria dunha liña de axudas para o Retorno da Mocidade ao Concello de Vilalba, dotada cun orzamento total de 127.840€                destinados a axudar durante 4 anos ás empresas e emprendedores vilalbeses (ou con centro de traballo en Vilalba), así coma ao                          conxunto da mocidade vilalbesa que decida volver. O 50% do seu financiamento, sairá do que se aforrarán as nosas arcas municipais, en          base á limitación salarial imposta ao noso Candidato á Alcaldía e que suporá un aforro de 15.980€ por cada ano de lexislatura. Os custos subvencionables afectarán sobre o salario e os custos da Seguridade Social, en cálculo anual, con excepción da remuneración en especie, períodos e gastos de locomoción. A este respecto, estableceríanse tres liñas de axudas diferenciadas:
  •  
    1. 1. A primeira estaría destinada a apoiar economicamente ás empresas con centro de traballo no Concello que contraten, a xornada                  completa e por un mínimo de dous anos, aos mozos e mozas retornados para o desenvolvemento dun novo proxecto ou a ampliación                dun xa existente no ámbito da innovación, o financiamento, a internacionalización, as industrias culturais e creativas ou a economía                    circular.
    2.  
    1. 2. A segunda liña fomentaría a posta en marcha de proxectos empresariais no Concello de Vilalba promovidos polos propios                              retornados, que acheguen un valor engadido ao tecido empresarial vilalbés e ao desenvolvemento económico e social da nosa vila e                  parroquias.
    2.  
    1. 3. A terceira liña, condicionada á concesión da primeira ou segunda liña, estaría enfocada a minimizar os gastos asociados ao                            retorno: desprazamento, mudanza, aloxamento, entre outros…
    2.  
  • · Posta en marcha dunha Plataforma Web que facilite a comunicación entre a mocidade que quere volver, as empresas vilalbesas e o              propio Concello. Nesta páxina poderíanse consultar as distintas ofertas de emprego das empresas que participan no Plan e que buscan            profesionais cualificados para formar parte do seu persoal. O obxectivo sería facilitar aos retornados/as a procura de emprego e                          reinserción laboral, ofrecéndolles a información máis exhaustiva das distintas vacantes. Todas as ofertas de emprego pasarían por un              departamento de control que avaliaría o cumprimento de todos os requisitos para participar, así coma que as empresas estean en                      disposición de ofrecer as condicións laborais esixidas.
  •  
  • · Creación dun Selo de Empresa colaboradora co Plan Municipal de Retorno do Talento, que dea visibilidade ás entidades que colaboran         coa iniciativa. O tecido empresarial vilalbés é imprescindible para conseguir o desenvolvemento socioeconómico do noso Concello, a                 xeración de emprego de calidade e o aumento da capacidade de retención e retorno do talento que converta a Vilalba nun Concello                     moderno, intelixente e sustentable. Neste senso, a posibilidade dun recoñecemento futuro ao papel esencial que xogará tamén no                       desenvolvemento efectivo do plan, requirirá do Concello ofrecerlle a lóxica visibilidade, a través dun selo de colaborador, ás empresas que         cooperen coa iniciativa, contratando a mozos/as cualificados que queiran volver a Vilalba.
  •  

Proposta 5. Nova ordenanza de tramitación, co fin de reducir e simplificar os trámites para a obtención de licenzas de actividade, funcionamento, obras, etc.. Ningunha traba (sempre e cando o emprendedor/a se manteña no marco da estrita legalidade) para a creación de novas empresas e/ou o impulso de actividades emprendedoras.

Proposta 6. Elaboración dun catálogo de propiedades municipais susceptibles de xerar actividade económica e emprego, para ofertalos a PEMES e/ou emprendedores/as locais. O Goberno Municipal chegou a recoñecer en Pleno a existencia de entre 7 e 9 infraestruturas de titularidade municipal en desuso no Concello. Para poñelas a producir delimitaríamos:

  • · A posta en marcha dun concurso de ideas no cal, a través dunha comisión transparente e pública, se ditaminarían os beneficiarios últimos da iniciativa.
  •  
  • · A formalización da posterior transferencia temporal, pola vía dun contrato de aluguer caracterizado pola única limitación do máis estrito cumprimento dos dereitos laborais e o fomento do emprego digno (no caso de haber empregados/as), fiscalizándose este aspecto a través dun protocolo de avaliación municipal contrastada, na que participarían os seus propios traballadores/as.

 

Proposta 7. Vincular a execución da nova fase do Polígono Industrial á construción dun Espazo de Coworking, isto é: un espazo físico de titularidade municipal dirixido á promoción das iniciativas emprendedoras que combine a utilización de despachos co asesoramento na xestión empresarial e a prestación duns servizos comúns para cubrir as necesidades básicas de novas empresas durante os primeiros anos da súa vida, mediante o pago dun prezo público.

Porque ter unha oficina propia, cunha boa conexión a Internet e con todas as comodidades que se necesitan para traballar cada día é algo inasumible para moitos mozos/as emprendedores, que se ven obrigados a montar a oficina nas súas propias casas. Diante desta demanda de sitios nos que fundar unha empresa propia, xorden os espazos  Coworking, ou o que é o mesmo, unha alternativa económica ao aluguer dun local individual. Un concepto que revolucionou xa o emprego tradicional en numerosas vilas e cidades galegas e que importaremos tamén a Vilalba, a través do seguintes condicionantes:

  • · O importe mensual do prezo público será o resultado de multiplicar o número de metros cadrados do despacho autorizado, cos seus dous primeiros decimais, por 2 euros durante os doce primeiros meses de ocupación do despacho e por 6 euros a partir do decimoterceiro mes.
  •  
  • · Cando a persoa ou a maioría das persoas promotoras do proxecto empresarial ou da entidade mercantil que acceda a un despacho sexan mulleres, aplicaráselles unha bonificación do prezo público a abonar nun 20 % mensual. Esta bonificación ten como obxecto promover a iniciativa empresarial da muller e a igualdade de xénero, coa finalidade de contribuír á creación de emprego e á integración definitiva das mulleres, en situación de plena igualdade, na familia, na sociedade e no mundo laboral, o que, en definitiva, pode conducir á consecución dun crecemento económico inclusivo e sustentable.
  •  

Proposta 8. Creación da Concellería de Planificación Económica, Emprego e Emprendemento, co fin de centralizar toda estratexia municipal relacionada co desenvolvemento económico e/ou políticas de emprego. Diferirá completamente da actual, sendo moito máis proactiva, potenciando a relación cordial e colaborativa co noso tecido empresarial, desburocratizando o actual modelo de intermediación clientelar e cunha dotación orzamentaria que a converta nun instrumento eficaz para lograr unha maior implantación de actividade económica no Concello coa consecuente creación de postos de traballo que isto implicaría.

A través da mesma executaríase o seguinte marco de accións:

  • · Reformulación da Oficina de Emprego Local. Formación e reciclaxe permanente do persoal técnico municipal e dos proxectos en materias de innovación empresarial, consolidación, cooperativismo e formación de persoas desempregadas. Facer do Concello a entidade de referencia no que ten que ver coa orientación laboral.
  •  
  • · Convocatoria dunha Oferta Pública de Emprego con carácter anual, garantíndose a máis estrita igualdade de oportunidades en relación ao acceso ás prazas anunciadas.
  •  
  • · Reorientación das políticas de formación para o emprego, mediante a adecuación dos procesos formativos á realidade económica do Concello e á demanda do empresariado local.
  •  

Proposta 9. Promoción do Comercio Local, pola vía da prioridade municipal no que ten que ver co seu fomento e consolidación. O Concello debe poñerse inmediatamente ao servizo do pequeno e mediano comercio de Vilalba, en base ao seguinte marco de actuacións:

  • · Impulsar, en colaboración coa Asociación de Empresarios e os comerciantes da vila, o Centro Comercial Aberto de Vilalba. Unha iniciativa, cuxo éxito e rendibilidade foi contrastada xa en numerosas vilas de Galicia e do Estado, e onde o pequeno e mediano comercio local se articula co apoio do Concello nun proxecto de urbanismo comercial, potenciando a fidelización da clientela. Unha agrupación de establecementos comerciais, hostaleiros e doutras actividades, que ofrecen cada día o mellor de si mesmos para encher de vitalidade e dinamismo as súas vilas, unidos nunha organización e baixo unha marca que nace para desenvolver accións e servizos que beneficien ao asociado e ao consumidor.
  •  

Xorde como reacción ante a proliferación de centros comerciais pechados e grandes superficies e ante o cambio producido nos hábitos de compra dos consumidores/as. O obxectivo prioritario do Centro Comercial Aberto é, neste sentido, o de converterse nun polo de atracción comercial e de servizos complementarios, tanto da vila coma das parroquias e a contorna, promovendo a variada oferta turística de Vilalba, así como o perfecto funcionamento dos servizos prestados polas empresas acollidas no seu seo.

 

 

  • · Campaña Municipal en Nadal “Nestas festas e todo o ano, consume Comercio Local” para o incentivo das compras nos comercios e tendas da vila, en tanto que que se ese diñeiro permanece no Concello, estará a se reinvestir en Vilalba, máis se cabe nunhas datas onde o consumo se dispara.
  •  
  • · Promover da man da Asociación de Empresarios un Bono do Comercio Local, con fin de incentivar e fidelizar as compras na vila.
  •  
  • · Potenciar e apoiar as estratexias colaborativas entre os comerciantes.
  •  

Proposta 10. Aposta decidida polas feiras e mercados municipais, revitalización da Feira do Capón e poñer a producir o Mercado de Abastos da Praza da Constitución, pola vía da modificación da actual ordenanza reguladora. Recuperación da antiga concepción de Vilalba, coma encrucillada de camiños, e na que as xentes da contorna se daban cita para mercar e socializar coa veciñanza de vila e parroquias. Neste senso, e ademais de reforzar as feiras mensuais e os mercados que se veñen celebrando e profundar na potenciación da Festa do Queixo de San Simón da Costa; traballaremos da man de criadores e comerciantes na revitalización do evento que honra e prestixia o noso outro máis típico produto: A sobranceira Feira do Capón de Vilalba.

A este respecto, as accións que levaremos a cabo para cumprir cos anteditos obxectivos serán as seguintes:

  • · Rectificación na decisión de trasladar ao 15 postos á localización da Praza da Constitución e proceder á recolocación dos expositores que ata, este ano se situaban na marxe esquerda da Rúa do Calvario, no espazo actualmente en desuso do Recinto Feiral Municipal (dous dos seus tres cobertizos construídos están feira tras feira baleiros). Unha solución á necesidade de aliviar a Rúa do Calvario e deixala con máis espazo para un mellor tránsito no caso de que se produzan emerxencias que, sendo totalmente acorde coa concepción orixinaria do Campo da Feira, redundaría positivamente nos intereses de comerciantes, vendedores, así coma tamén nos do conxunto dunha veciñanza e visitantes, cuxa comodidade estaría asegurada de se revitalizar o percorrido primixenio que se pensou no momento mesmo do deseño e posterior construción dunha localización que, entre todas/os, temos o deber de preservar.
  •  
  • · Promoción e revitalización do Mercado de Abastos. A praza de abastos de Vilalba non vive os seus mellores momentos. A reforma realizada hai tres anos, cun investimento de 200.000 euros, contrasta co feito de que só queda un dos catro postos que funcionaban cando as instalacións foron arranxadas e os negocios se trasladaron da planta baixa. Que aos comerciantes lles pode interesar a vitalidade dunha praza de abastos, obsérvase comprobando como noutros lugares, sexan vilas ou cidades, hai asociacións que agrupan aos donos dos negocios. Que se poden buscar novas vías parece comprobarse, á marxe dos resultados, en localidades onde as prazas de abastos se reformaron e os postos abríndose a máis sectores que o de alimentación.
  •  

Neste senso, o marco de actuacións que contemplamos é o seguinte:

    1. 1. Facilitar o acceso de novos praceiros/as aos postos do Mercado de Abastos Municipal. Para isto propoñemos unha modificación da ordenanza reguladora do servizo de mercados, mantendo os tres tipos de postos fixos, mais pasado a pagar os arrendatarios respectivamente, ao mes, de 10 a 3€, de 7 a 2€, e de 4 a 1 euros por cada metro cadrado ocupado. Tamén seguiremos mantendo a posible presenza de vendedores eventuais, mais estes estarán exentos de pagar por metro lineal cada día que acudan. Os primeiros tempos están exentos de pago, pois a modificación da ordenanza permitirá que os vendedores que necesiten afrontar uns gastos antes de empezar a súa actividade – segundo o investimento realizado (1.000 euros ou menos, de 1.000 a 1.500 ou máis de 1.500) – se vexan beneficiados por unha exención do pago decretada polo Concello que durará dous anos, dous e medio e tres anos respectivamente.
    2.  
    1. 2. Facer da Paza de Abastos o centro da nova Plataforma de Distribución Directa de Produtos Ecolóxicos e de Proximidade (que figurará no noso Programa Electoral das Parroquias) quedando os veciños vendedores/as (tanto fixos coma eventuais) deste tipo de produtos exentos de pagar por metro lineal cada día que acudan.
    2.  
    1. 3. Permitir e potenciar a diversificación de funcións, incluíndo unha oferta que vaia máis alá da venda exclusiva de alimentos perecedoiros, como carnes, peixes, froitas, verduras ou hortalizas. Facer do Mercado un lugar vivo onde os veciños/as poidan ir comprar a postos tradicionais de alimentación como ata agora pero tamén a comer, a tomar un café ou o aperitivo, mercar artesanía, degustar produtos frescos ou a asistir a unha cata ou a unha charla sobre o mundo do viño, por exemplo.
    2.  
    1. 4. Permitir e bonificar, quedando ese tramo exento de pago por metro lineal, a apertura en horario de tardes polo menos un par de días por semana, o que ao xuízo de antigos praceiros favorecería a chegada de clientes novos que, polo seu horario laboral, non poden comprar polas mañás.
    1.  
    2. 5. Prioridade municipal, tamén, para outras demandas sinaladas polos antigos praceiros no que ten que ver co acondicionamento das instalacións e a mellora das condicións de confort interno; a eliminación das barreiras arquitectónicas para facilitar o tránsito das persoas con mobilidade reducida; o correcto e continuado mantemento ou a organización municipal de máis actividades para dinamizar as vendas.
    1.  
    2. 6. Apoiar e reforzar as iniciativas que leven a cabo os praceiros/as para dinamizar o propio mercado e atraer a nova clientela.
  •  
  • · Procurar un acordo coa Asociación de Criadores, a fin de facer compatible a súa seguridade económica coa revitalización da Feira do Capón. Un cambio, que representaría un verdadeiro impulso, tamén, para o conxunto do comercio, ao tempo que botaría abaixo o actual risco de desprestixio no que pode chegar a caer a marca e que, iso si, repercutiría negativamente tanto nos intereses dos criadores coma nos do conxunto de comerciantes e veciños/as.
  •  
  • A este respecto, os elementos para o necesario debate que coma Goberno Municipal poremos enriba da mesa na nosa negociación cos criadores serán os seguintes:
  •  
    1. 1. A apertura da feira ás 11:00h.
    2.  
    1. 2. A posibilidade de fixar un número determinado de pares por criador, destinados a venda exclusiva en exposición.
    2.  
    1. 3. Entendendo que hai anos era obrigatorio levar os capóns á feira para poñerlles o distintivo, a posibilidade de non se entregar a antedita chapa de no acudir o criador/a á Feira.
    2.  

Proposta 11. Estratexia Municipal do Turismo 2019/2027. Unha iniciativa baseada na colaboración público-privada que, tomando en consideración as propias potencialidades de vila e parroquias, contemple coma horizonte a medio prazo facer do Concello de Vilalba o destino líder do turismo de interior na Provincia de Lugo, a través dunha oferta conxunta que aglutine os nosos recursos culturais, artísticos e gastronómicos, e que se proxecte aberta aos espazos territoriais comarcais máis próximos. Cos ollos postos neste obxectivo, estrutúrase en base aos seguintes eixos de actuación:

  • · Facilitar a colaboración profesional do sector, a través dunha política activa de coordinación municipal coa creación da “Mesa Municipal do Turismo”.
  •  
  • · Reforzar o posicionamento no mercado dos produtos vinculados á nosa oferta turística propoñéndolle aos profesionais do sector a implicación municipal na ampliación da actual oferta de eventos/feiras anuais ou o aproveitamento dos acontecementos culturais e deportivos de maior relevancia para a comercialización de paquetes turísticos.
  •  
  • · Reforzar o posicionamento turístico do Concello e facilitar a comercialización dos produtos que conforman a nosa oferta turística, potenciando,  a presenza de Vilalba nas comunidades de viaxeiros e asinando acordos de comercialización con axencias e operadores turísticos en liña.
  •  
  • · Reformulación total da Oficina de Turismo, mellorando a súa sinalización, aumentando o persoal dependente e reforzándoa a nivel orzamentario.
  •  
  • · Deseño e posta en marcha da App “Benvidos a Vilalba”, unha aplicación móbil que ofreza, en galego, castelán e inglés, todo o necesario para desfrutar ao máximo da nosa vila e parroquias; a información esencial para preparar a viaxe, o que o visitante non se pode perder, información xeolocalizada sobre puntos de interese (museos, monumentos, parques, restaurantes, tendas, locais de lecer nocturno…), consellos turísticos e unha completa e actualizada axenda.
  •  
  • · Creación de novas rutas turísticas guiadas á altura do noso patrimonio cultural, arquitectónico e ambiental. Liderar, en tanto que capitalidade comarcal, a posta en marcha de novos proxectos de rutas turísticas, tamén, no contexto comarcal e en colaboración cos concellos da contorna. Sirva coma exemplo a posibilidade de vincular unha visita á Torre de Caldaloba ou á lagoa de Cospeito, coa posta en valor da Pena Grande, a Roza das Modias e/ou dos nosos cemiterios neogóticos, entre outros.
  •  

· Transversalidade. O turismo non debe entenderse só como un obxectivo de seu, senón coma o resultado dunha imaxe de concello a transmitir. A mobilidade, a aposta pola peonalización, a preservación do noso patrimonio e os usos, a creatividade ou os produtos turísticos a desenvolver, serán abordados dende unha perspectiva transversal e multidisciplinar.

Proposta 12. Implantación dos Orzamentos participativos. O diñeiro do Concello é diñeiro que sae de todas e de todos, que sae do noso traballo, que sae dos nosos impostos, e sobre el tamén queremos decidir, decidir como debe ser xestionado e a que debe ser destinado.

Os Orzamentos Municipais (preto de 12 millóns de euros neste ano 2019) non poden ser unha decisión en exclusiva da Corporación, allea á participación cidadá. Non abonda tampouco coa única ambición do (necesario) trámite de exposición ao público do Orzamento. Faise necesario que a participación municipal se asente na propia dinámica e proceso de conformación do Orzamento, escoitando as demandas veciñais, das asociacións, das entidades e colectivos. E non só para propoñer senón tamén para decidir e controlar. Orzamentos Participativos, porque trátase de que todas e todos decidamos o destino, uso e control dos recursos públicos. Trátase, en definitiva, de que os orzamentos sexan o noso máis poderoso instrumento municipal de transformación social.

Unha ferramenta de participación que poñeremos en marcha, a través do seguintes condicionantes:

  • · Cantidade. Os primeiros Orzamentos Participativos da historia do Concello de Vilalba porán a disposición dos vilalbeses o 3% do total (arredor de 360,000€) para que sexan eles os que decidan onde e como gastar ese diñeiro.
  •  
  • · Requisitos e formas para participar. Todos os maiores de 16 anos empadroados no Concello de Vilalba poderán participar e facer as propostas de tres formas diferenciadas:
  •  
    1. 1. Online a través da nova Plataforma de Participación Veciñal. Os veciños/as poderán facer a súas propostas pola vía telemática, e posteriormente, abrirase un prazo de pre votación desas propostas, dando como resultado os 9 proxectos que pasarán a votación final e que poderán ser elixidos para formar parte do Orzamento Xeral.
    2.  
    1. 2. Celebraranse dúas reunións en diferentes puntos da vila e unha en cada unha das parroquias. De cada unha das reunións presenciais sairán elixidas as 31 propostas con maior número de votos, que sumadas ás 9 propostas máis apoiadas recollidas vía web, darán un total de 40 propostas que pasarán a votación final.
    2.  
    3. Poderase votar en cada unha das sesións presenciais e tamén online, co obxectivo de motivar a participación presencial no proceso e con iso o debate cidadán.
    1.  
    2. 3. Os Orzamentos Participativos bótanse á rúa. Co obxectivo de achegar o proceso á maior parte da veciñanza posible, ademais das reunións presenciais e a plataforma online, instalarase unha carpas de dinamización para a participación. Esta carpas colocaranse en diferentes puntos estratéxicos da vila dous días durante o proceso de presentación de propostas e outros dous días no prazo de votación final.
    3.  
    1. 4. Votación Final. Tras un estudo das posibilidades técnicas e económicas das propostas, e unha reunión aclaratoria aberta a todos os veciños de vila e parroquias, levarase a cabo unha criba que arroxe unha listaxe que será exposta na web municipal e sometida a votación para decidir as propostas que finalmente pasarán a formar parte do Orzamento xeral do Concello de Vilalba
    2.  
  • · Proceso Xuvenil. Paralelamente ao proceso xeral, levarase a cabo un proceso participativo destinado á mocidade vilalbesa de entre 13 e 30 anos, configurada dunha forma diferente ao proceso xeral, dándolle maior forza á participación online e en base aos seguintes condicionantes:
  •  
    1. 1. Cantidade. Suporá o 13% do total destinado para os Orzamentos Participativos (arredor de 48.000€) para que a mocidade vilalbesa se corresponsabilice e decida onde e como gastar ese diñeiro.
    2.  
    1. 2. Posta en marcha un grupo de dinamización composto polo persoal municipal, co fin de que saia á rúa e se achegue aos mozos/as para recoller os seus intereses, reforzándose aínda máis esta forma de participación.
    2.  
    1. 3. Apertura dun foro online de opinión, co fin de incentivar a participación dos máis novos, de coñecer as súas opinións e xerar debate, vinculado á nova Plataforma de Participación Veciñal. Nel a mocidade poderá debater sobre as súas necesidades e preocupacións, así como fiscalizar de primeira man os proxectos que xa se levarán a cabo grazas ás súas achegas neste proceso de participación.
    1.  
    2. 4. A análise técnica e económica das propostas recollidas e a votación final realizaranse tamén de forma online e paralelamente ao proceso xeral.
    3.  

Proposta 13. Modificación do Regulamento Orgánico Municipal co fin do establecemento dun sistema de referendos veciñais para cuestións de especial transcendencia e posibilitar a participación directa dos veciños/as nos Plenos. A modificación do Regulamento Orgánico Municipal non é un mérito trámite. Pode facer do da Vilalba un Concello que goce de medidas democráticas avanzadas.

Neste sentido, as actuacións que levaremos a cabo para conseguilo serán as seguintes:

  • · Redacción dun regulamento de consultas veciñais ou referendos, a por en marcha antes de abordar accións que podan supoñer un forte impacto (a nivel urbanístico, ambiental ou social ) no Concello. Estes serán vinculantes sempre e cando participe 1/3 do Corpo Electoral.
  •  
  • · Reformulación dos Plenos Municipais, que pasarán a ser mensuais e retransmitidos por streaming a través da páxina web municipal, onde permanecerán colgados e a disposición da veciñanza que non puido, por horarios, seguilos en directo.
  •  
  • · Establecemento en todas as ordes do día dos Plenos Ordinarios un punto para a participación veciñal, permitíndolle deste xeito a quen o solicite trasladar de xeito directo as súas demandas e críticas ao Alcalde e ao Goberno Municipal.
  •  

Proposta 14. Posta en marcha dunha Plataforma de Participación Veciñal. Cos medios actuais pódese garantir unha canle de información entre o Concello e a veciñanza onde as persoas poidan consultar todo o referente ao uso dos bens e servizos públicos. Esta ferramenta será bidireccional (recibir e dar información) para que os vilalbeses/as participen e se informen.

 

Proposta 15. Economía para as persoas: Integración de criterios sociais, ambientais e de calidade de vida na política económica municipal. Unha fiscalidade xusta. Superar o modelo económico actual baseado prioritariamente na maximización do beneficio para introducir criterios sociais, ambientais e de calidade de vida nas estratexias e decisións da administración municipal, a través do seguinte marco de actuacións:

  • · Introdución de parámetros coma a calidade ambiental, o impacto social, a distribución da riqueza, na avaliación de obxectivos e resultados.
  •  
  • · Modificación das ordenanzas fiscais para unha política tributaria progresiva e socialmente xusta coma apoio ás familias. Os impostos municipais e os seus recargos, así como as taxas e prezos públicos recollerán os principios de equidade, suficiencia e progresividade.
  •  
  • · Incremento nas bonificacións do IBI, ata os límites competenciais.
  •  
  • · Defensa do medio ambiente, coa modificación das tarifas do IVTM en función do tipo de vehículo e combustible.
  •  

Proposta 16. Nas mesas de contratación darase prioridade ás empresas que operen con cláusulas sociais e contraten a veciños/as desempregados, nunha firme aposta polo mantemento e a creación de emprego no noso Concello.

 

Proposta 17. Drástica modificación da política de subvencións municipais, garantíndose a máis estrita igualdade de oportunidades no aceso e no trato pola vía da aprobación dun regulamento específico de valoración. Ningunha axuda municipal estará condicionada por criterios arbitrarios e/ou se suposta “afinidade”.  

Proposta 18. Xestión transparente e planificada na concesión de uso dos espazos públicos utilizados polas asociacións, en base á posta en marcha duns criterios públicos accesibles e anticipadamente expostos nos taboleiros dos centros culturais e nas vías de difusión electrónica municipal. Superar a actual situación de improvisación pola vía da correcta planificación, así coma da procura constante de coidar o tradicional marco de convivencia entre as diferentes asociacións e entidades.

Unha nova dinámica de organización, para a propoñemos a:

  • · Creación dun regulamento de uso actualizado á demanda actual.
  •  

· Exposición de cuadrantes públicos unha vez teña rematado o curso municipal e onde figure a relación completa de espazos a disposición, en tanto que paso previo a unha ou varias reunións coas asociacións.

Proposta 19. Auditoría externa das contas municipais para tomar canto antes o control real sobre o gasto. Dar luz verde ao procedemento de licitación para encargar a unha empresa externa o servizo de análise das contas, entendida coma unha actuación de reforzo e colaboración á Intervención Municipal.

Unhas contas municipais levantadas, única e exclusivamente, grazas ao sacrificio duns vilalbeses/as bombardeados a golpe de taxas e a catastrazos, ao tempo que nin o primeiro membro do Goberno se apertou o propio cinto para reverter unha situación, lembremos, provocada pola xestión irresponsable de 40 anos de mandato do Partido Popular.

Esta medida ten un dobre obxectivo técnico (axudar á Intervención e mellorar o seu control) e político (aumentar a transparencia da institución), que pretendemos levar a cabo en tres fases diferenciadas:

  • · Unha primeira dedicada ao control permanente das contas.
  •  
  • · Unha segunda baseada en auditorías públicas de cumprimento sobre entes dependentes non administrativos.
  •  
  • · Unha última auditoría pública de cumprimentos sobre actos, operacións e procedementos de determinados contratos municipais.
  •  

A proposta, apóiase no Real Decreto 424/2017 que regula o réxime xurídico de control interno das entidades do Sector Público Local, e que outorga ao Interventor/a municipal novos recursos para levar o control das finanzas municipais, máis alá dos gastos e ingresos do Consistorio, alcanzando agora ao control de procedementos e contratos.

 

Proposta 20. Auditoría externa e correcta fiscalización das concesións de Servizos Públicos Municipais. A veciñanza ten dereito a saber en que se ten invertido o seu diñeiro nestes anos, pero tamén a saber en que situación se atopan os servizos públicos municipais que paga.

Porque a correcta fiscalización, así coma o necesario endurecemento do control ás empresas contratadas para prestación de servizos mediante a revisión das cláusulas de contratación e prestación é, a este respecto, unha obriga municipal; non nos tremerá o pulso á hora de abordar a resolución daquelas concesións nas que existan ou a auditoría arroxe incumprimentos.

 

Proposta 21. Redución dun 50% no custo do Goberno Municipal e límite salarial de 1816,7€ netos en 14 pagas (2,7 SMI) para as dedicacións exclusivas (Alcaldía incluída) e 1 SMI (817,3€ mensuais netos en 14 pagas) para as parciais. Nos últimos anos observamos como os salarios na política municipal medran ao mesmo ritmo que o empobrecemento da xente. Por iso dende Vilalba Aberta pensamos que as persoas que nos representan non deben vivir nunha realidade paralela, nunha burbulla que as afaste da realidade e que fai, en definitiva, que a veciñanza non se sinta identificada cos seus representantes.

É por isto, que a nosa primeira actuación coma Goberno será a da inmediata:

  • · Limitación dos salarios dos cargos públicos ata un máximo de 1816,7€ netos en 14 pagas (2149,5€ de salario mensual neto prorrateado), isto é: 2,7 SMI de 2019 para as dedicacións exclusivas (Alcaldía incluída) e 1 SMI (817,3€ mensuais netos en 14 pagas) para as parciais.
  •  
  • · Reducir nun 50% os custos do Goberno Municipal. Isto suporá un aforro anual de arredor de 90.000€

 

Proposta 22. Transparencia total. Publicación da información do Concello de xeito continuo. Estamos fartos do caciquismo e dos enchufes. Urxe abrir as portas e as ventás do Concello e é necesario que corra o aire e comece un novo tempo de transparencia.

Queremos e necesitamos un concello de cristal, con transparencia total e que deixe de percibirse coma a axencia de colocación que representou nos últimos 40 anos.

Neste senso, o marco de actuacións que consideramos inaprazable é o seguinte:

  • · Publicación das adxudicacións de contratos, os decretos e resolucións de todos os órganos municipais, incluídos os dos unipersoais como a alcaldía.
  •  
  • · Presencia da oposición nas mesas de contratación.
  •  
  • · Actuacións a coste cero como a formación do funcionarado para a transmisión de información á cidadanía.

 

Proposta 23. Rendición de contas continuada do Goberno municipal, co fin de que a veciñanza poida controlar e fiscalizar o traballo dos seus representantes públicos. A este respecto establecemos o seguintes compromisos cos vilalbeses/as:

  • · Publicación de axendas, a fin de que a veciñanza saiba con quen se reúnen os seus representantes, así coma os diferentes temas que se tratan. Faranse públicas tamén as ordes do día e as actas das reunións.
  •  
  • · Convocatoria de asembleas de rendición de contas diante da veciñanza cunha periodicidade límite de 6 meses.
  •  
  • · Política de atención inmediata á veciñanza e aos colectivos/asociacións que así o demanden. Os membros/as do Goberno Municipal contarán con un prazo límite de 48h para fixar data, lugar e hora de reunión.

 

Proposta 24. Plan Municipal de Transición Enerxética, a fin da progresiva integración das políticas de eficiencia enerxética en todas as áreas de xestión municipal. Aposta decidida polas enerxías renovables na procura dunha redución do consumo. Non temos un Planeta B e actuaremos en base ao seguinte marco estratéxico municipal:

  • · Apoio municipal para a rehabilitación enerxética en comunidades veciñais, especialmente naquelas situadas en barrios de maior antigüidade. Establecemento dunha liña de axudas específicas á rehabilitación enerxética de edificios e vivendas, así como de renovación enerxética (caldeiras, ascensores, etc), condicionadas ao cumprimento de estándares municipais de eficiencia enerxética e ao uso de materiais naturais e sostibles medioambientalmente.
  •  
  • · Posta en marcha da Oficina Municipal Contra o Cambio Climático, co fin de executar, desenvolver e fiscalizar unha Estratexia, que tamén debe ser o resultado de procesos de participación pública, tanto na fase de redefinición e revisión da mesma como do que ten que ver coa súa xestión.
  •  
  • · Información pública e accesible. Publicitar o consumo enerxético do Concello.
  •  
  • · Auditoría enerxética das infraestruturas e servizos municipais. Dar a coñecer periodicamente os seus resultados, en especial os consumos e custos asociados.
  •  
  • · Incorporación de criterios medioambientais, éticos e sociais aos contratos de obras, contratos e compras realizadas polo Concello. Actualmente a compra pública aséntase na imparcialidade nos procedementos de contratación, utilizándose practicamente de xeito exclusivo os criterios de calidade e prezo, sendo a eficiencia económica a base deste proceso. A compra pública responsable supón un avance nesta visión. O sector público pode e debe asumir un papel protagonista como líder e motor do desenvolvemento da responsabilidade social.

Proposta 25. Plan Municipal de Transición Forestal, co fin de de reverter o actual estado de abandono do noso monte, facelo economicamente rendible para a veciñanza e máis seguro diante do permanente risco dun incendio. Un triplo enfoque económico, social e ambiental, que pasa por subvertir o actual paradigma curtopracista e de hexemonía do eucalipto.

A este respecto, tres son as actuacións municipais que lle darán forma:

  • · Establecemento dunha liña de axudas anual aos veciños/as que repoboen con frondosas que, no medio ou longo prazo, resulten moito máis rendibles.  Son diversos os estudos que teñen demostrado que o castiñeiro e a produción de castañas resultaría seis veces máis rendible que as actuais plantacións de eucaliptos. A este respecto, un castañal de 15 anos correctamente atendido, pode xerar un produto anual por hectárea de entre 6000 e 8000 euros, fronte aos 1000 ou 2000 que xera un eucaliptal do mesmo tamaño. Unha cifra, calculada tendo coma única consideración a produción exclusiva de castaña, pois, a medio e longo prazo, a súa madeira é un segundo ben rendible. Ademais, existe a posibilidade de compaxinar a venda das castañas directamente con plantas de procesamento; por exemplo, a fariña de castaña ten cada vez  maior demanda entre os alérxicos ao glute e o marrón glacé é en toda Europa un produto de alto valor engadido.
  •  
  • · Bonificacións fiscais á diversificación do terreo, co fin de avanzar cara explotacións conxuntas con cultivos de cogomelos, así coma de diversificación tamén cara a práctica da apicultura (en tanto que actividades que, á parte de ser moi rendibles en se mesmas, son beneficiosas para a contorna e para o óptimo desenvolvemento dos castañais). A este respecto, facemos referencia a pioneiras e exitosas experiencias de plantación en varias Comunidades de Montes Veciñais en Man Común do conxunto do País, e que con grandes expectativas de negocio, avanzan xa na multifuncionalidade dos seus montes, así coma na diversificación de actividades coma fonte de ingresos para a súa veciñanza.
  •  
  • · Fiscalización municipal do cumprimento da lexislación vixente en materia de protección contra os incendios forestais, asinando o Concello convenios cos propietarios/as para a xestión, roza e repoboación, no marco de plans de actuacións preventivas para a protección do espazo rural e dos asentamentos de poboación. Unha decidida aposta municipal pola limpeza das faixas de protección fronte aos incendios dos que puideramos ser vítimas, da que dende hai anos son exemplos Concellos coma o de Ames ou o de Ribadeo, e que se revelou exitosa, á raíz das últimas vagas de lumes e dalgunhas imaxes moi viralizadas a través das redes sociais, nas que se podía ver como determinadas especies arbóreas autóctonas salvaran da queima os montes, protexendo ademais unha quinta á que rodeaban.
  •  

Proposta 26. Plan Municipal para o fomento e desenvolvemento da agricultura ecolóxica e de proximidade. Os estudos estiman que o mercado de produtos ecolóxicos está a medrar a un ritmo do 10-15% por ano, e que a achega dos produtos ecolóxicos ao total do mercado alimentario dos Estados membros, experimentou incrementos próximos ao 6%. Ademais, existe unha alta compatibilidade de explotacións ecolóxicas con outro tipo de negocios rurais e empresas dedicadas ao ecoturismo e, con ela, impúlsanse novas áreas de investigación relacionadas coa protección das plantas, o benestar dos animais, os recursos renovables, etc…

Mais non menos importante é a contribución que a agricultura ecolóxica pode xerar no comercio local, recortando a cadea de subministración alimenticia e fomentando o uso de diversas canles de mercado ou sistemas de repartición a partir de pedidos vía Internet, ademais doutras máis novas e diversas oportunidades de comercialización en canles curtas. De feito, os integrantes da cadea de subministración de produtos ecolóxicos están a miúdo activamente involucrados en máis dun elo e os agricultores ecolóxicos participan tamén nas fases de elaboración e comercialización.

A este respecto, as actuacións que lle darían forma ao Plan serían as seguintes:

  • · Creación dunha Plataforma de Distribución Directa con localización na Paza de Abastos e quedando os veciños vendedores/as (tanto fixos coma eventuais) deste tipo de produtos exentos de pagar por metro lineal cada día que acudan.
  •  
  • · Establecemento dunha Oficina de Asesoramento no Concello.
  •  
  • · Posta en marcha dun taller de emprego sobre agricultura ecolóxica dirixido a mozos desempregados/as con sensibilidade polo mundo rural.
  •  
  • · Subvención municipal da conversión e obtención das certificacións, pola vía do establecemento dunha dotación económica nos orzamentos 2020 a través de catro partidas específicas
  •  
  • · Lanzamento dunha campaña de concienciación veciñal para a divulgación e fomento dos valores asociados á agricultura ecolóxica.
  •  

Proposta 27. Plan Municipal de Ordenación das actuacións sobre os diferentes camiños e pistas, co fin de superar da “tradicional” política de rebacheo posta en marcha nos meses previos aos períodos electorais. Aplicación de criterios obxectivos que veñan a regular e organizar a actuación sobre as múltiples pistas e camiños da extensa rede viaria de titularidade municipal, orzamentando a atención inmediata aos casos máis urxentes e utilizando os medios propios dispoñibles, para solucionar a situación ata onde sexa posible, dándose preferencia ás vías en peor estado.

 

Proposta 28. Creación dun fondo de compensación municipal complementario ás axudas da Xunta por danos de lobo e xabaril nos cultivos e no gando. Tanto a liña de axudas por danos como a liña destinada á prevención, están a provocar un importante estado de indignación entre os gandeiros/as e agricultores das parroquias.

A este respecto, e en base ao insuficiente o límite de 1.650€ de indemnización máxima e ás cortinas de fume da Xunta para non valorar con seriedade os danos, incluíndo o lucro cesante, así coma a necesidade de pagar en tempo e evitar as actuais demoras de ata dous anos; propoñemos a delimitación dun fondo municipal de reserva, suxeito ao seguintes condicionantes:

  • · Contía. O fondo de compensación municipal percibirá, con carácter anual, das arcas municipais o 0,3€ do total Orzamentario (arredor de 36.000€)
  •  
  • · A percepción dunha axuda procedente do fondo municipal, estará vencellada á percepción dunha orde de axuda da Xunta.
  •  
  • · A cantidade de indemnización representará, no primeiro ano de funcionamento, o 50% do delimitado no baremo para o pagamento preestablecido pola Xunta. Así se un gandeiro percibe unha compensación de 658€ por un becerro de raza rubia galega ou 73€ por un cabrito de entre 6 e 12 meses, o fondo de compensación municipal reforzará as indemnizacións con 329 € máis polo becerro e 36,5 € máis polo cabrito.
  •  

Proposta 29. Incorporar ao Concello de Vilalba á fronte común de Alcaldes dos Concellos afectados co fin de esixir da Xunta que asuma a responsabilidade civil subsidiaria dos danos causados pola fauna salvaxe, cubrindo o 100% dos mesmos e o lucro cesante provocado. Dende Vilalba Aberta non podemos comprender como na última lexislatura o Alcalde non fixera absolutamente nada, a pesares de ser perfectamente coñecedor da situación e de compartir militancia política cos responsables da Consellería. Pero especialmente incomprensible resultou que, o rexedor, non estivera presente na xuntanza dos Alcaldes de Xermade, Muras, Ourol, O Valadouro e Abadín e que se concretou nunha proposta en firme diante da devandita administración competente.

  • É por isto que a nosa primeira actuación municipal será a de incorporar ao Concello de Vilalba á mesa común de de Alcaldes, co fin de:
  •  
  • · Demandar da Xunta de Galicia que asuma a responsabilidade civil subsidiaria dos danos causados pola fauna salvaxe, cubrindo o 100% dos mesmos e o lucro cesante provocado. Un posicionamento, defendido, ademais de polos produtores, por unha boa parte do sindicalismo agrario galego e referenciado neste caso pola recente denuncia do SLG á Valedora do Pobo.
  •  
  • · Demandar da Xunta de Galicia a reelaboración das ordes tanto de prevención como de axudas aos danos provocados por ataques de lobo e xabaril, en base aos seguintes condicionantes:
  •  
    1. 1. A necesidade de retirar a inclusión de requisitos tales coma a obriga de comunicar os ataques nun prazo máximo de 72 horas.
    2.  
    1. 2. A problemática engadida para os gandeiros/as que supón a actual pésima asistencia telefónica, así coma o feito de de ter que dar unha interminable listaxe de datos e ter que volver repetilos cada vez que se produce un novo incidente na mesma finca ou explotación.
    2.  
    1. 3. A necesidade de incluír as explotacións de horta profesionais e que non están cubertas porque as ordes inclúen como requisito que reciban axudas da PAC e este tipo de actividade queda excluída deses fondos.
    2.  
    1. 4. Poñer fin á arbitrariedade dos cultivos que poden ser indemnizados.

 

Proposta 30. Reverter a actual política de sulfatado, pola vía da inmediata prohibición do uso non agrario de herbicidas con Glifosato en todo o termo municipal. Aposta decidida por métodos mecánicos e/ou térmicos non contaminantes, que non danen a saúde nin o medio ambiente. Uns métodos, que xa se están a aplicar na maioría de países da Unión Europea e que teñen, ademais, un maior potencial en termos de xeración de emprego.

Concellos como Ames, Ponteareas, Marín, Arzúa, A Coruña ou Santiago xa se declararon libres deste herbicida. Vilalba será o seguinte.

 

Proposta 31. Control municipal ao respecto da recollida dos plásticos do silo. Fin do deixamento de funcións, en relación coa situación de incumprimento sistemático da normativa municipal.

O Goberno Municipal é o encargado último de velar por que os plásticos de uso agrícola se depositen nos puntos especificamente habilitados e actuaremos nese sentido, escoitando e dialogando coa veciñanza das parroquias e facilitándolle, de ser preciso, unha alternativa de recollida.

 

Proposta 32. Descentralización administrativa, pola vía da posta en marcha dun sistema de asembleas semestrais de escoita e rendición de contas do Alcalde en cada unha das parroquias. O Goberno Municipal debe achegarse á veciñanza das parroquias do mesmo xeito que á veciñanza da vila e a veciñanza das parroquias debe ter a oportunidade de achegarse ao Goberno Municipal coa mesma facilidade que a veciñanza da vila.

É por isto que queremos facer de cada unha das parroquias un pequeno órgano de representación, onde cada veciña e cada veciño, poida trasladarlle directamente ao Alcalde as cousas que lle preocupan do seu entorno máis inmediato, desde as infraestruturas aos dereitos.

Neste senso, as asembleas semestrais nas parroquias serán órganos de participación e xestión descentralizada que permitirán, tamén, a rendición de contas continuada do Alcalde e do Goberno Municipal.

Na configuración das Xuntas de Distrito terase especialmente en consideración ao tecido asociativo veciñal, social, cultural, etc., con implantación nos distintos barrios das parroquias.

 

Proposta 33. Elección do Alcalde Pedáneo por parte dos veciños/as das Parroquias. Dende 1979 o PP valeuse da figura do Alcalde Pedáneo, para perpetuar da súa política clientelar. Coa elección democrática, os Pedáneos cumpriran coa función contemplada para os mesmos na Lei de Bases de Réxime Local, isto é: representar ao Concello nas parroquias e trasladar ao Consistorio o conxunto das demandas veciñais.

Proposta 34. Plan de Peonalización Progresiva do casco antigo, pola vía da posta en marcha dunha primeira fase piloto, a desembocar na apertura dun procedemento de participación cidadá no que conxunto dos veciños/as e comerciantes afectados poderán posicionarse ao respecto dos diferentes aspectos a mellorar en base á propia experiencia e participar, despois, na redacción da definitiva Ordenanza Reguladora. Un proxecto, elaborado logo dun traballo continuado ao longo da pasada lexislatura e para o que contemplamos o seguinte marco de actuacións:

  • · Posta en marcha dunha primeira fase piloto de un ano, a facer efectiva en fins de semana e días susceptibles dun importante incremento na afluencia de visitantes (pontes, festas, festividades relixiosas, comezo do período estival, etc…).
  •  
  • Un primeiro paso, que previa análise por parte dos servizos técnicos do Concello, estaría suxeito a un marco normativo ou ordenanza provisional que regule a limitación de acceso, excepcións e os horarios de carga e descarga, entre outros. 
  •  
  • · Apertura dun procedemento de participación cidadá co fin de darlle a palabra á veciñanza e aos comerciantes afectados para que, en base á propia experiencia, fagan patentes todos os aspectos e eivas a corrixir e participen na redacción da definitiva Ordenanza Reguladora.
  •  
  • · Sometemento ao debate plenario da Ordenanza Reguladora participada, co obxectivo de aprobar a Peonalización Definitiva do casco antigo da vila e solucionar as problemáticas específicas ao respecto da mobilidade, así como dar resposta ao anhelo, tanto de residentes coma de visitantes, de recuperar para a xente e para a actividade comercial e cultural, un espazo que na súa orixe non foi pensado para a libre circulación do tráfico rodado.

 

Proposta 35. Posta en marcha dunha Comisión Especial de Seguimento que controle a redacción do PXOM fronte a parálise dos últimos 15 anos. Na pasada lexislatura e coa única abstención de Vilalba Aberta, a Corporación Municipal aceptaba por unha ampla maioría que a empresa encargada da redacción do Plan Xeral de Ordenación Municipal (Eptisa) lle cedera ese cometido a outra, logo dun cambio de titularidade que implicaba que os novos responsables decidisen desprenderse da súa división de urbanismo. Eptisa acordaba, ademais, ceder a redacción do PXOM de Vilalba a unha firma composta polo persoal que formara parte do seu organigrama antes da súa  venda a capital chinés.

Neste senso e logo tamén da argumentación de que, polo menos, os traballos de  planimetría xa realizados se aproveitarían; a aceptación maioritaria da cesión á nova empresa (Alfonso Botana) sitúan ao Concello de Vilalba nunha máis ca dubidosa tesitura, tendo en consideración os máis de 15 anos que transcorreron dende que se iniciara o primixenio proxecto de redacción dun Plan Xeral de Ordenación Municipal para Vilalba.

É por isto, que entendemos coma urxente a fiscalización e control do procedemento de redacción dun PXOM que consideramos así mesmo clave, tanto para ordenar o territorio como para dar seguridade xurídica aos veciños/as, aos propietarios das fincas, aos de vivendas xa construídas e aos de posibles construcións futuras.

Unha medida, que permitiría a fiscalización do traballo da actual empresa redactora en base aos seguintes condicionantes:

  • · Mantería a súa vixencia de levarse a cabo unha posible nova contratación co fin de exercer sobre posteriores traballos de redacción e tramitación administrativa.
  •  
  • · A súa composición seguiría o mesmo criterio que o das comisións informativas e reuniríase ordinariamente unha vez ao mes e, de xeito extraordinario, tantas veces como sexa preciso en función da urxencia dos asuntos a tratar en cada momento.
  •  
  • · O seu obxectivo entenderíase cumprido no intre no que se aprobe definitivamente o PXOM.
  •  
  • · Os seus membros (Concelleiros do Goberno e a Oposición) renunciarían expresamente a calquera tipo de retribución que lles correspondera derivada da asistencia á mesma.
  •  

Proposta 36. Naturalización urbana progresiva coa ampliación das zonas verdes e a creación de novas áreas naturalizadas na vila, usando fondos propios, así coma os procedentes doutras administracións. No seu proceso urbanizador, a vila afástase cada vez máis do entorno natural e as zonas verdes (alameda coma exemplo máis paradigmático) foron substituídas por espazos artificiais e inertes. Como consecuencia, a veciñanza perde calidade de vida e contacto coa natureza.

 

Proposta 37. Plan Municipal de Accesibilidade, co fin da progresiva eliminación das barreiras arquitectónicas no termo municipal. Contará cunha dotación orzamentaria anual en función das actuacións planificadas, e partira da primeira creación dun grupo de traballo composto por técnicos, asociacións, profesionais externos expertos en accesibilidade, e representantes dos grupos municipais para que, a modo de observatorio, realice propostas, un calendario de actuacións, e o seguimento tanto do Plan Municipal de Accesibilidade como da posterior Ordenanza reguladora.

 

Proposta 38. Posta en marcha dun primeiro carril-bici que conecte o centro da vila coa área recreativa da Madalena. Na actualidade, a mobilidade ciclista está totalmente limitada pola prioridade para a xestión do tráfico rodado nunha vila que, ao contrario do que se cre, ten unha porcentaxe de mobilidade ciclista elevada.

 

Proposta 39. Vincular a execución da nova fase do Polígono Industrial á delimitación dun parking público para vehículos de alta tonelaxe. Rúas coma a Cidade de Lugo e a Rúa Castelao deben deixar de ser un garaxe, facilitándoselle aos transportistas unha alternativa que parta da lóxica garantía da súa seguridade.

 

Proposta 40. Posta en marcha dun sistema gratuíto de lectura de discos para regular o estacionamento na Rúa da Pravia, fixándose para o mesmo un tempo máximo de 90 minutos de aparcamento e a partir do cal se daría pé a unha sanción. Unha medida que poderá levarse a cabo a través da ampliación do plantel da Policía Local e/ou pola vía da anunciada contratación de auxiliares, e que, ademais de procurar a necesaria mobilidade, favorecería ao comercio e aos negocios locais, ao tempo que melloraría a calidade de vida dos veciños/as residentes.

A este respecto, son varias localidades galegas poñen en práctica xa sistemas gratuítos para regular o estacionamento nos que se utiliza o modelo de control que propoñemos. Así, dende As Pontes ata Carballo, O Grove ou A Guarda, a mobilidade de vehículos procúrase a través dun sistema de lectura de discos de estacionamento. Na mesma liña, e ao tempo que recalcamos que a intención da mesma non é outra que a de optimizar as prazas de aparcamento (pois a iniciativa en ningún caso ten fins recaudatorios), propoñemos a súa implantación en base aos seguintes condicionantes:

  • · Faríase efectiva a ambas as marxes e precisaría da instalación de sinais e da distribución dos típicos reloxos para programar a hora, polo que non se pode delimitar un prazo exacto para a súa entrada en vigor.
  •  
  • · Ao respecto do tempo establecido, entendemos que 90 minutos deberían resultar suficientes para facer as compras ou realizar as xestións nos diferentes negocios e bancos que se distribúen ao longo da céntrica rúa.
  •  
  • · Aínda que a restrición non ten afán recaudatorio, senón disuasorio, a normativa prevista por Vilalba Aberta, establece multas de entre 50 e 70 euros, segundo a gravidade e tipoloxía da infracción, para aqueles que aparquen sen o disco ou non respecten a delimitación horaria. Estas cantidades veríanse reducidas á metade de se abonar no prazo voluntario dos 20 días posteriores á notificación.
  •  

Proposta 41. Negociar co Ministerio de Fomento a correcta iluminación da rotonda da Grandisca. En Marzo de 2010, solicitouse que a rotonda se vira beneficiada dunha iluminación da que, 9 anos despois, aínda carece. Un tempo, no cal, foron varios os contratempos e accidentes derivados da falta de seguridade que isto provoca, sen verse nin o máis mínimo avance nin reivindicación municipal.

Nin máis nin menos: Esixir o mesmo tratamento para a Grandisca que para o entroncamento da A-8 coa A-6 en Baamonde, en termos de seguridade e iluminación.

 

Proposta 42. Elaboración dun informe do actual estado da sinalización viaria no Polígono, coma paso previo á realización das melloras oportunas. Na pasada lexislatura foron varios os contratempos en forma de accidentes sufridos por algúns veciños e/ou traballadores do Polígono, debido ás numerosas carencias no seu mantemento e planificación. Pintura viaria que esmorece, abandono progresivo do coidado do firme e o máis total desleixo de funcións ao respecto da seguridade peonil e de circulación, que nos arroxan coma resultado un incontable capítulo de colisións e saltos de STOP. Urxe unha solución integral e actuaremos; pero escoitando antes a opinión dos usuarios.

 

Proposta 43. Negociar coa Deputación a conexión da beirarrúa da Rúa Cidade de Viveiro co primeiro tramo de beirarrúa no Polígono Industrial, pola vía dun arcén paralelo á LU-P-6502. Dar resposta a unha vella reivindicación de toda esa veciñanza que día a día sae camiñar, bordeando o Polígono pola LU-P-6502, isto é: a coñecida coma estrada de Lanzós. Unha estrada que, ademais de con Lanzós, conecta a céntrica Rúa Cidade de Viveiro co Polígono Industrial de Sete Pontes e cuxa concepción orixinaria representa un verdadeiro perigo para os/as peóns.

Falamos, en definitiva, dunha proposta calcada a unha iniciativa que conseguimos arrincar do Goberno Municipal en Pleno, mais sen verse nin o primeiro avance a case un ano da súa aprobación.

 

Proposta 44. Negociar co Ministerio de Fomento un cambio na sinalización dos accesos ao casco urbano dende a A8 e dende a estrada de San Xoán de Alba. Trátase por unha banda das actualmente delimitadas coma “N-634 Vilalba”, “C.P-6513 Momán, Vilalba, A Madalena” e “Vilalba, Ferrol AG-64, LU-861”, que pasarían a estar indicadas coma “N-634 Alba, Vilalba Sur”, “C.P-6513 Momán, Vilalba Centro” e “Vilalba Norte, Ferrol AG-64, LU-861”, respectivamente.

Por outra, a nosa proposta fai fincapé tamén nos accesos á vila pola estrada de San Xoán de Alba, onde as actualmente definidas coma “A Cruz, E-70 A8, Lugo, Coruña”, “A Cruz” e a “N-634 Vilalba, A Torre” pasarían a delimitarse coma “Alba, E-70 A8, Lugo, Coruña”, “Alba” e “N-634 Vilalba Sur”. Neste senso, as indicacións tanto do barrio da Cruz coma a última de Alba na N-634 en dirección Vilalba, suprimiríanse ao no atopar sentido no contexto da nova sinalización.

 

Proposta 45. Delimitación dun paso de peóns entre a beirarrúa e o comezo do paseo no muíño do Rañego, no tramo final da estrada que une a rúa Conde Pallares coa estrada de Baamonde. Non pode ser que se obrigue a cruzar aos peóns por unha estrada convencional sen ningún tipo de sinalización e na que xa houbo accidentes.

A este respecto, procederíase ademais á instalación de badenes e á redución obrigatoria da velocidade nese tramo.

 

Proposta 46. Instalación dun espello no cruce da Rúa Cuart de Poblet coa Rúa Cidade de Lugo. En ocasións, e se hai moitos vehículos aparcados nesta última, saír do cruce resulta especialmente perigoso pola falta de visibilidade e hai que actuar.

 

Proposta 47. Progresiva substitución dos actuais colectores de lixo por outros soterrados, tomando o exemplo dos que hai ao carón do Parador. Resultan máis estéticos que os tradicionais, ocupan menos espazo, elimínanse os olores porque os residuos atópanse baixo terra e ao non estar expostos ao sol, tardan máis en descompoñerse, o que resulta máis hixiénico. Na mesma liña, e ao tempo, redúcense as barreiras arquitectónicas para as persoas con dificultade motriz.

Proposta 48. Fiscalización continuada das concesións administrativas, pola vía da posta en marcha de controis municipais eficaces, coma a última trincheira fronte á conversión do modelo de xestión indirecta nunha realidade de privatización definitiva encuberta. Falamos, cómpre recordalo, dunha grande parte do orzamento municipal transferida a mans privadas e cuxa xestión, en ningún caso, é coñecida pola veciñanza. Servizos públicos, responsabilidade dunha administración – o Concello – que delega o cumprimento das condicións laborais duns traballadores e traballadoras que, aínda non mantendo unha relación laboral co mesmo, son quen de facto prestan un servizo que afecta as persoas de Vilalba.

Neste senso, as actuacións municipais que levaremos a cabo son:

  • · A presentación por parte do Concello dun informe anual de seguimento e control de todos os servizos externalizados, incluíndo os resultados técnicos e económicos, grao de cumprimento dos obxectivos previstos e das obrigas de contrato e en materia laboral.
  •  
  • · A posta en marcha dun un Observatorio Municipal dos Servizos de carácter consultivo, que teña entre os seus labores o control, seguimento, valoración e propostas de mellora dos servizos públicos municipais. Este, estaría formado polos voceiros dos Grupos, técnicos municipais e representantes sindicais das empresas concesionarias.
  •  

Proposta 49. Política de gasto austera e racional. Máxima prioridade orzamentaria para a primeira fase do Centro de Día. Resulta intolerable que as nosas familias teñan que acudir aos servizos deste tipo de instalacións en localidades como Abadín, Cospeito ou Begonte. A posta en marcha dun centro de día de xestión e titularidade públicas, aliviaría a crecente demanda, mais isto require de investimentos no curto prazo que non poden demorarse para así poñer a primeira pedra para dotar ao noso Concello dos recursos necesarios para atender ás necesidades das persoas maiores e das súas familias.

 

Proposta 50. Preparar dende xa a transición de cara a que, unha vez remate a concesión, o Concello asuma á xestión directa do servizo da Piscina e do Parque Acuático coma paso previo á súa remunicipalización. Na nosa argumentación, facemos referencia aos sobrecustes inherentes a toda adxudicación e ás posibilidades que, para as arcas municipais, suporían o aforro nas porcentaxes referidas á cota de beneficios industriais, que ata o de agora se reserva a concesionaria; nas comisións comerciais; así coma no que ten que ver co pagamento do correspondente IVE, a realizar con cada factura remitida, e que ciframos nun extra de 56.016,01€, en base ao explicitado no orzamento máximo de licitación.

 

Proposta 51. Auditoría externa dos recursos hídricos, co fin de deseñar a transición de cara a que, unha vez remate a concesión, o Concello asuma á xestión directa do Servizo de Augas. A auga é un ben universal, polo que o acceso á mesma constitúe un dereito humano básico.

Ademais, e segundo os estudos realizados dende a Federación Española de Municipios e Provincias, o aforro mínimo que se produciría pola remunicipalización do servizo estaría en torno ao 30% e sería seguramente superior, como demostran algunhas experiencias de Concellos que retomaron o control directo de servizos das mesmas características na pasada lexislatura.

 Proposta 52. Dirixirse á AGASP (Academia Galega de Seguridade Pública) a fin da  contratación temporal de máis persoal auxiliar, namentres non se cubran as vacantes de praza na Policía Local. O número de membros cos que conta actualmente o corpo (11) afástase por moito da cociente establecida pola Lei Autonómica de Coordinación de Policías Locais, e que recomenda que por cada 1.000 habitantes haxa unha media de 1,8 axentes.

Logo de anos de continuadas baixas (traslados, xubilacións..), non se actuou e foi precisamente hai uns meses, e en ano electoral, cando o Goberno Municipal procedeu a un anuncio baldeiro (o relativo á convocatoria da reivindicada oposición) sen tan sequera terse aínda aprobado a necesaria RPT (Relación de Postos de Traballo).

Con todo, e de aprobarse o – para Vilalba Aberta – inaprazable proceso de oposición libre, a fin de cubrir 3 das 4 prazas (quedando reservada a última para un eventual traslado de persoal); a incorporación dos que aproben non chegará ata o ano próximo, pois, logo das pertinentes probas, os axentes deben pasar por un período de prácticas de varios meses.

Neste senso, e co fin de que a veciñanza deixe de pagar en primeira persoa as consecuencias, solicitaremos da AGASP o chamamento da lista para cubrir de forma inmediata as seguintes necesidades:

  • · Por fin á inaceptable redución do servizo nocturno a tan só os venres, sábados e en vésperas de festivos e ampliándoo aos 7 días da semana.
  •  
  • · Reforzar a protección veciñal, rematando cos frecuentes episodios de inseguridade na vila e o polígono.
  •  
  • · Reforzar a cobertura das horas de entrada e de saída nos colexios.
  •  
  • · Mellorar a regulación do tráfico no centro.
  •  

Proposta 53. Negociación das condicións coa Xunta de Galicia, con vistas á construción dunha nova EDAR (Estación Depuradora de Augas Residuais). Cómpren solucións para unha vergoña que ano tras ano se repite cada vez que recibimos choivas de certa intensidade.

 

Proposta 54. Creación dunha Brigada Municipal de Limpeza e intervención sobre os bens arqueolóxicos municipais, co fin de acometer a limpeza dos elementos vexetais, entullos e maila sucidade superficial dos nosos xacementos arqueolóxicos. Para poñela en marcha, aproveitaríanse as diferentes convocatorias para os concellos, nas que se subvenciona a contratación de desempregados/as do municipio.

Nos últimos anos, son variados os exemplos de Concellos onde se están a desenvolver iniciativas de valorización do patrimonio municipal. Traballos que, á vez que poñen fin a tempos de esquecemento e degradación, supuxeron o inicio dunha nova etapa de ennobrecemento e revalorización de vilas e cidades..

A rigorosidade e a meticulosidade estarían sempre presentes, pois a brigada actuaríase baixo os preceptos do Decreto 199/97, do 10 de xullo, que regula a actividade arqueolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia, e cada unha das actuacións quedaría reflectida en fichas sistematizadas elaboradas ao respecto: documentaríase o antes, os procesos de limpeza e conservación, e o aspecto final. Dentro das súas competencias estarían:

  • · Limpeza vexetal mecánica, de carácter manual. Usando o material axeitado (desbrozadoras, rastrillos, sachos,…), eliminarían a cuberta vexetal que impide a súa perfecta contemplación, previndo ademais o efecto nocivo dos incendios forestais sobre os bens arqueolóxicos. En casos especiais nos que existira un problema grave de conservación, poderíase contar co apoio dos técnicos dos xardíns do Concello.
  •  
  • · Limpeza no xacemento e no seu entorno, eliminando materiais fora de contexto tales como entullos, refugallos, acumulacións de terras, etc.
  •  
  • · Puntualmente poderían acometerse traballos de acondicionamento no entorno dos xacementos –sen incidir directamente neles-, encamiñados a mellorar o seu aspecto e a percepción polo público (reparación e acondicionamento de valados, accesos, sinalizacións, etc.
  •  

Proposta 55. Posta en marcha dunha Aplicación Móbil que permita á veciñanza dispor na palma da súa man dunha liña directa co Concello, a través da que notificar calquera tipo de incidencia. Coa mesma, os vilalbeses/as poderán enviar un parte de incidencias, as 24 horas do día, durante os 365 días do ano, recibidas en tempo real, polo que a resposta será moito máis rápida.

Simplemente deberán sinalar o lugar da incidencia, engadir unha foto e, inmediatamente, esta será comunicada de maneira automática ao departamento correspondente. Unha vez sexa solucionada, o veciño/a recibirá unha mensaxe no teléfono avisándoo de que a incidencia foi resolta.

 

Proposta 56. Posta en marcha dun calendario de actividades anual entre os Centros Educativos e o Hospital Asilo, co fin de contribuír á saúde mental e felicidade das e dos maiores que alí residen. Entrarían nestas actividades outras asociacións, tales coma o asociacionismo en defensa dos animais local, pois hai estudos que demostran os beneficios para as persoas maiores de ter contacto con nenos e animais.

Proposta 57. Creación dun Observatorio Municipal da Igualdade. Contemplar ás persoas, o seu benestar e a súa calidade de vida como o centro das decisións políticas a nivel local, esixe tamén dunha maior sensibilidade ao respecto da situación social das mulleres e das actuais relacións sociais de xénero.

Dende Vilalba Aberta apostamos por avanzar cara unha igualdade real de mulleres e homes e é por isto que estamos convencidos/as de que a voz das mulleres debe ser apoiada, escoitada e promovida do mesmo xeito que acontece coa dos homes nas institucións.

 

Proposta 58. Facer que a vindeira titularidade municipal das antigas vivendas de profesores se concrete nun uso de alternativa habitacional para mulleres vítimas de violencia. Unha medida que entendemos complementaria do imprescindible traballo realizado polo CIM, e para a que propoñemos a utilización dunha propiedade que en pouco tempo será adquirida polo Concello, isto é: a do edificio orixinariamente construído para albergar vivendas de profesores na rúa Cuart de Poblet.

Optimizar, en definitiva, recursos propios co fin de reforzar os actuais servizos municipais, xerando así a necesaria tranquilidade e confianza para todas aquelas mulleres vítimas de violencias que non dispoñan dunha alternativa á vivenda unifamiliar.

 

Proposta 59. Utilización dos Principios de Yogyakarta como guía e referencia para o deseño, implementación e avaliación das políticas públicas de ámbito municipal dirixidas a protexer os dereitos das persoas LGTBI e a loitar contra a discriminación por LGTBIfobia. A este respecto as actuacións municipais que levaremos a cabo son as seguintes:

  • · Creación do Consello Municipal de Liberdade Afectivo Sexual como órgano de debate e proposta do colectivo LGTB no Concello de Vilalba.
  • Formación ao persoal da Administración Pública Local con especial atención a quen traballa en contacto coa cidadanía.
  •  
  • · Desenvolvemento de campañas públicas de ámbito municipal que contribúan a visibilizar a diversidade afectivo-sexual e de xénero e a sensibilizar á cidadanía contra a discriminación por motivos de orientación sexual, identidade de xénero i expresión de xénero.
  •  
  • · Promoción institucional das conmemoracións principais do movemento LGTBI: como o Outubro Trans, o 17 de maio (tamén día internacional contra a LGTBIfobia) e o 28 de xuño (día do Orgullo e a Liberación LGTBI). Implicación do Concello, ademais, fomentando a realización de campañas de sensibilización, charlas no instituto e con outras entidades, colgando a bandeira LGTBI no Concello, etc.
  •  

Proposta 60. Fin da dinámica de elección de Damas e Raíña das Festas, coma representantes das diferentes Asociacións nas Festas de San Ramón e Santa María.

 

Proposta 61. Eliminación de calquera expresión antidemocrática que atente contra sa e libre convivencia (simboloxía, nomes de rúas, pintadas, etc). Dar cumprimento á actual lexislación en materia de memoria democrática, en base ao compromiso que os vilalbeses/as manteñen cos valores da democracia e do cumprimento dos dereitos fundamentais do ser humano.

 

Proposta 62. Posta en marcha do proxecto “Caixa da memoria”, que recolla as pegadas de persoas e colectivos de toda condición que contribuíron e contribúen a dotar a Vilalba dunha identidade e dun sentido social e de progreso, rexistrando toda a información nun múltiple mosaico cidadán que amose e difunda ese legado.

Vilalba construíuse e constrúese historicamente con salientables contribucións individuais e colectivas, un legado que o Concello debe preservar e difundir.

 

Proposta 63. Respecto pola laicidade da institución municipal, de acordo ao principio de neutralidade relixiosa. Vilalba é, como tantos outros, un Concello diverso, no que que cohabitan veciños/as crentes e non crentes. A todos eles debémonos e ante todos eles actuaremos co debido respecto, facendo efectivo o principio de laicidade e de neutralidade relixiosa.

 

Proposta 64. Cuantificación do montante derivado da exención do Imposto sobre Bens Inmobles ás confesións relixiosas no termo municipal. Unha normativa fiscal que, en virtude do Concordato subscrito entre o Estado Español e a Santa Sé no 1979, exonera á Igrexa Católica do pago do Imposto sobre Bens Inmobles polos bens do seu patrimonio inmobiliario e que na práctica supuxo que en todos estes anos, o Concello de Vilalba non ingresase cantidade algunha polos numerosos inmobles que a Igrexa posúe no municipio, agravándose esta situación dende 2002 coa falta de ingresos polos inmobles doutras confesións relixiosas coa entrada en vigor da Lei 49/2002 de réxime fiscal das entidades sen fins lucrativos e de incentivos fiscais ao mecenado e que posibilitou que non só a Igrexa Católica, senón  calquera outra igrexa, confesión ou comunidade relixiosa tivera acceso a eses beneficios fiscais.

A este respecto, dado que foi o Estado quen de forma unilateral decidira eximir do pago dun imposto de competencia exclusivamente municipal tanto á Igrexa Católica coma ao resto de confesións relixiosas e posto que a Lei  Reguladora de Facendas Locais detalla no seu artigo 9.3 que “Cando o Estado outorgue moratorias ou aprazamentos no pago de tributos locais a algunha persoa ou entidade, quedará obrigado a arbitrar as fórmulas de compensación ou anticipo que procedan a favor da entidade local respectiva”, dende Vilalba Aberta consideramos que existe un resquicio legal, en tanto que se está a recoñecer a obriga do Estado de compensar a redución de ingresos dos concellos por este tipo de decisións. Un principio que xa foi aplicado noutras ocasións, como cando se compensou aos concellos pola decisión do Goberno de Aznar de suprimir o IAE ao 92% dos contribuíntes e en base ao cal:

  • · Seguiremos o exemplo doutros municipios do Estado e reclamaremos diante do Ministerio de Facenda a compensación económica que se derive de dita exención.
  •  

Proposta 65. Estratexia Municipal de Convivencia Intercultural a 4 anos vista, en base a un deseño participativo e que teña en conta todas as dimensións esenciais da vida en sociedade. Porase especial énfase na integración das mulleres migrantes.

Proposta 66. Constitución dun Consello Escolar Municipal para o curso académico 2020/2021, co fin de unir esforzos e optimizar recursos, implicando a profesores, alumnos, nais e pais, así coma ao conxunto da administración e do movemento asociativo. Aparcar diferenzas á hora de afrontar os asuntos relacionados coa educación, a fin de ser capaces de chegar a acordos negociados na certeza de que iso redundará en beneficio das novas xeracións, e polo tanto do noso propio futuro coma Concello.

Exemplificando, problemáticas coa a relativa ao servizo de madrugadores, serían abordadas por un órgano colexiado de primeiro nivel de importancia, cuxa posta en marcha conta, alá onde xa opera a nivel municipal, cun especial tratamento por parte das diferentes institucións, dada a importancia que, dende a maioría se lle presupón, á participación real do conxunto da comunidade educativa. Neste sentido, establecemos o seguinte marco de actuacións: 

  • · Encargar a redacción dos seus estatutos a unha comisión formada por:
  •  
  1. 1. Alcalde ou persoa en quen delegue.
  2.  
  1. 2. Voceiros/as municipais das forzas políticas con representación na Corporación.
  2.  
  1. 3. Representantes das ANPAs
  2.  
  1. 4. Representantes dos diferentes Consellos Escolares.
  2.  
  1. 5. Representantes do Movemento Asociativo.
  2.  
  1. 6. Un experto/a en materia educativa especificamente convidado para esta tarefa.
  •  
  • ·Vinculación a un prazo que non exceda en tempo ao do vindeiro curso académico para redacción do seu Regulamento e a súa posterior aprobación en Pleno, co obxectivo de que o Consello Escolar Municipal poida operar no Concello de Vilalba a partires do curso académico 2020/2021.
  •  

Proposta 67. Posta en marcha dun sistema de bonos, a trocar en establecementos do Concello, co fin de facilitar o acceso ao material escolar para as familias que o necesiten. Unha axuda municipal que, lonxe de ter un carácter asistencial, proxéctase coma unha medida de carácter universal, destinada tanto ao apoio e fomento dunha educación pública de calidade, como ao fortalecemento e defensa do pequeno comercio local e consecuentemente ao reforzo da actividade económica no Concello de Vilalba.

A este respecto, a medida estaría suxeita aos seguintes condicionantes:

  • · Para a súa posta en marcha, destinarase no primeiro ano o 0,2% do total Orzamentario (arredor de 24.000€) o que, atendendo ao gasto medio en 2019, suporía un aforro de máis do 50% para arredor de 160 familias.
  •  
  • · Delimitariamos un criterio obxectivo como a renda per cápita, pois dá prioridade á aquelas familias que menores ingresos teñen, isto é; ás que se lles supón unha maior dificultade para afrontar a volta ao colexio.
  •  
  • · O abono final por parte do Concello aos establecementos, deberá realizarse en non máis de 30 días, unha vez acabado o prazo de utilización dos bonos.
  •  

Proposta 68. Negociar para Vilalba os ciclos formativos de Explotacións Agrarias Extensivas e o de Procesos e Calidade na Industria Alimentaria, en base ás posibilidades que, en termos de formación e de inserción de emprego, suporía para a mocidade vilalbesa a posta en marcha dos dous ciclos que mellor atenden á realidade dun concello eminentemente agrario e que se caracteriza, ao tempo, por contar con dúas das mais importantes empresas de transformación de leite.

Unha iniciativa que conseguimos arrincar do Goberno Municipal en Pleno, mais sen verse nin o primeiro avance a un ano da súa aprobación.

Proposta 69. Creación do Consello Municipal da Mocidade, co fin de promover e coordinar todas as políticas municipais de adolescencia e mocidade. A participación social da mocidade provoca cambios fundamentais na opinión pública e o seu pulo é imprescindible para construír un novo modelo de concello, polo que o Goberno Municipal debe atender a este segmento imprescindible nas súas necesidades e aspiracións, fomentando o seu espírito crítico, construíndo con eles alternativas posibles aos seus problemas actuais e promovendo a participación dos mozos e mozas na elaboración de políticas de xuventude.

Debemos cambiar o concepto de ocio e apostar pola creatividade, pola participación xuvenil e a autoxestión das súas actividades. A este respecto o Consello Municipal da Xuventude centralizaría e fiscalizaría:

  • · Posta en marcha de espazos xuvenís municipais autoxestionados pola propia mocidade como forma de avanzar en dinámicas de corresponsabilidade co medio público.
  •  
  • · Organización de semanas da xuventude concibidas como espazo de proposta e iniciativa xuvenil a nivel político, asociativo, participativo e de ocio.
  •  
  • · Creación dunha rede de atención e asesoramento en materia de educación sexual e diversidade afectiva e sexual.
  • Habilitación de espazos de encontro para a mocidade nos centros socioculturais das parroquias.
  •  
  • · Impulso dende o Concello ao transporte colectivo xuvenil en horarios de ocio nocturno.

 

Proposta 70. Pacto Municipal ao respecto do financiamento do Museo de Prehistoria e Arqueoloxía e acondicionamento do seu patio exterior, co fin de que poida ampliar actividades. Poñer fin á escaseza de recursos que dende hai anos ven padecendo o MUAPV, pola vía dun grande acordo municipal que sexa quen de superar a actual situación de dependencia que a institución ten con respecto á Asociación de Amigos do Museo. Unha realidade, que está a obrigar aos seus responsables a delegar a meirande parte das súas actividades.

Neste senso e en base ás demandas da actual dirección, as actuacións municipais que contemplamos son as seguintes:

  • · Aprobación dun regulamento específico que blinde nunha cantidade fixa (soamente ampliable) a partida anual de fondos aportada polo Concello, co fin de aseguraro presente e o futuro da institución, desvinculando dos vaivéns políticos a un emblema que sobrevive única e exclusivamente grazas ao esforzo dos seus responsables.
  •  
  • · Acondicionamento do patio exterior, utilizado hai anos para diversas actividades. A escaseza de espazo é unha problemática engadida que afecta ás salas destinadas a acoller as diferentes exposicións e cómpre actuar.
  •  

Proposta 71. Elaboración dun Plan Municipal de Bibliotecas, incluíndo o deseño dunha Estratexia Municipal de Lectura, coa finalidade de reavivar a calidade do servizo. O Concello debe intervir no abandono e precarización deste servizo, así como facer crecer as franxas de idade para unha lectura crítica cara á sociedade. Máis fondos para a modernización da biblioteca (merca de ebooks para préstamo, realización de actividades infantís, dotación de libros sobre igualdade, LGTBI, libros infantís inclusivos, etc.

 

Proposta 72. Creación da Feira do Libro de Vilalba coma medida de impulso ao desenvolvemento económico/cultural local en todos os eidos, coma reforzo do pequeno e mediano comercio e facilitándoselle, ao mesmo e nese día, o acceso e utilización das instalacións e recursos municipais.

 

Proposta 73. Plan Municipal de dinamización Cultural, facilitando o acceso ás instalacións e recursos municipais en base ao seguinte marco de actuacións:

  • · Creación dun local de ensaio para os diferentes grupos musicais de vila e parroquias, favorecendo a súa proliferación e desenvolvemento.
  •  
  • · Modificación da Ordenanza de uso do Auditorio Municipal, entendéndoo coma centro cultural multidisciplinar e potenciando os seus espazos para realizar novas actividades.
  •  
  • · Apoio municipal á realización de actividades culturais de todo tipo na rúa así como impulso á colaboración cos distintos locais privados para o seu desenvolvemento.
  •  
  • · Posta en marcha dunha Sala de Cine Municipal na Casa da Cultura, cun criterio de servizo público, non competitivo. Espazo para o cine galego e o cine independente de todas as culturas.
  •  
  • · Ampliación de horarios e servizos de locais municipais, como a Casa da Cultura e/ou a Biblioteca Pública, co fin de facelos máis eficientes na súas funcións.
  •  
  • · Apoio municipal á creación de medios de comunicación sintonizables a través de radio ou internet, asentados no pluralismo político, na participación cidadá e na transparencia.
  •  

Proposta 74. Creación do Consello Municipal de Investigación e Produción Cultural, que facilite proxectos culturais no Concello. Un organismo que posibilite a creación e o diálogo cultural, así coma o desenvolvemento de talentos artísticos e novas propostas culturais. A formación e promoción no xurdimento de novos proxectos; a investigación cultural constante e a produción de ideas e accións concretas, abertas e participadas pola veciñanza; serán os seus obxectivos de mínimos.

 

Proposta 75. Organización Municipal das Festas de San Ramón e Santa María, co fin de que a veciñanza se convertan nas verdadeira protagonista. Queremos unhas festas vivas, que, sobre todo, sexan unha creación do presente e representen a pluralidade e riqueza cultural da Vilalba de hoxe. Para tal fin, impulsaremos dende o Concello o seguinte marco de actuacións:

  • · Renovación do modo de xestión e organización, a través de consultas directas á cidadanía e concursos de ideas para revitalizar as festas.
  •  
  • · Promoción dos festexos en todos os ámbitos institucionais ao longo do ano. Darase especial voz ás asociacións.
  •  
  • · Habilitación de ferramentas de participación para que os mozos/as se fagan protagonistas da construción das festas a través de iniciativas coordinadas con colexios, institutos. Igualmente, potenciarase a participación dos profesionais do ámbito da cultura.
  •  
  • · Creación dunha comisión municipal de festas aberta e representativa da sociedade vilalbesa, onde as diferentes asociacións e sectores teñan presenza directa. Este organismo sería de carácter aberto, desinteresado e non profesional, e xestionaría unha parte considerable do orzamento de festas.
  •  

Proposta 76. Organización, con carácter anual, da semana das Irmandades da Fala, destacando a súa condición visionaria na perspectiva de xénero e en estreita colaboración co Instituto de Estudos Chairegos, mais con financiación municipal. A Irmandade de Vilalba, e a iniciativa de Lois Peña Novo, foi unha das primeiras en se constituír e neste sentido, cremos, merecería que no Concello se lle rendese anualmente homenaxe ás persoas que formaron parte dela, pois a defensa da Galicia, da súa cultura e do seu idioma foron os eixos principais da súa actividade e a súa razón de ser. Honrar, en definitiva, aos vilalbeses que formaron parte dunha institución clave na defensa do patrimonio común dos galegos e as galegas, ao tempo que revitalizamos a oferta turística e, coma consecuencia, ao noso pequeno e mediano comercio. Vilalba coma vila de letras posúe toda unha evocadora tradición e imos poñela en valor.

 

Proposta 77. Creación do Consello Municipal de Deportes, co fin de centralizar a actividade deportiva no Concello, fomentando a colaboración entre os diferentes clubs e asociacións. A través do mesmo, tanto veciños/as coma representantes das entidades deportivas poderán propoñer e avaliar os nosos servizos e instalacións.

 

Proposta 78. Aplicación da máis estrita igualdade de oportunidades no que ten que ver co acceso ás diferentes liñas de subvencións. A este respecto a aposta polo deporte de base e/ou o énfase na promoción do deporte feminino (e a ampliación de seccións), serán vinculantes na nosa política de axudas municipais.

 

Proposta 79. Posta en marcha do programa Vilalba en Forma para a dinamización da actividade física nos espazos públicos, potenciando o uso de parques e xardíns para este fin. Aposta decidida polo deporte de rúa, instalando novos equipamentos, que en ningún caso impidan ou limiten a actividade, reconquistando o espazo público para a práctica do deporte como opción saudable e de ocio.

 

Proposta 80. Progresiva reconversión do Estadio Municipal da Madalena nun  verdadeiro espazo multiusos que sexa referencia para a práctica deportiva nos Concellos da contorna, en base a unha primeira acción de colocación de material sintético nas pistas de atletismo, garantíndose a máxima capacidade de absorción da forza que se aplica en cada unha das zancadas que realizan os deportistas, ao mesmo tempo que se facilite o impulso posterior dos mesmos. A capacidade orzamentaria anual e a aportación de fondos por parte doutras administracións, definirán as seguintes posibilidades de actuación.

 

Proposta 81. Reivindicación da necesaria colaboración institucional, a fin da ampliación do Polideportivo Municipal e co obxectivo de centralizar as actividades deportivas no mesmo, dotándoas dunha maior oferta de espazo e permanecendo o Auditorio Municipal coma espazo reservado a aquelas de índole artístico/cultural.

Proposta 82. Vincular a execución da nova fase do Polígono Industrial á construción dun Centro Municipal de Protección Animal, a fin da correcta recollida e atención temporal dos animais domésticos, xeralmente cans e gatos extraviados, abandonados ou vagabundos, ata a súa recuperación polos propietarios ou a súa entrega en adopción. A este respecto, dúas son as liñas estratéxicas polas que se caracterizará o novo proxecto:

  • · Será xestionado en colaboración co asociacionismo en defensa dos animais local e posibilitará albergar nas mellores condicións de espazo a entre 20 e 25 cans e a un mínimo de 10 gatos. Nesta liña, contará cunha distribución interior e outra exterior ou de esparexemento individual valada perimetralmente, ademais dunha área específica destinada á ubicación das gateiras. Dúas naves nunha, de tal forma que se poida habilitar de forma independente o uso de ambas.
  •  
  • · Dará pé á contratación directa de 2 persoas de Vilalba (unha delas con titulación veterinaria), co fin de que, en quendas de mañá e tarde, se ocupen da xestión das instalacións, organización administrativa, información ao público, así coma da atención clínica dos animais albergados.

 

Proposta 83. Aprobación dunha Ordenanza Municipal de Protección, Benestar e Tenza Responsable, co fin de protexer, defender e fiscalizar os dereitos dos animais, así coma regular os dereitos e deberes dos seus propietarios e a propia convivencia entre os animais que viven na contorna urbana e rural e os seus habitantes.

Unha profunda revisión, con respecto ao papel exercido ata o de agora polo Concello, en base aos seguintes criterios:

  • · Aumento das sancións en tres tramos diferenciados, tendo a consideración de leves (de 150€ a 500€ de multa), graves (de 500€ a 1500€) e moi graves (de 1500€ a 15000€) as seguintes infraccións:
  •  
    1. 1. Ensuciar cos excrementos dos animais as beirarrúas, vías urbanas, espazos públicos e calquera o lugar destinado ao tránsito de peóns (150€).
    2.  
    1. 2. A posesión dun can sen microchip de identificación (500€)
    2.  
    1. 3. O abandono non reiterado dun animal (1000€)
    2.  
    1. 4. A venda ambulante de cans e gatos nos mercados e as feiras (1500€)
    2.  
    1. 5. O abandono reiterado dun animal (5000€)
    2.  
    1. 6. A esterilización, a práctica de mutilacións innecesarias, as agresións físicas que producen lesións ao animal e o sacrificio de animais sen control veterinario (15000€)
    2.  
  • · Obxectivo Vilalba cara o Sacrificio Cero. Para loitar contra a lacra do abandono, as voluntarias/os en defensa dos animais no Concello de Vilalba realizan enormes esforzos, dignos de eloxio, para coidar, esterilizar e dar en adopción aos animais abandonados. Con todo, e a fin de avanzar cara a unha solución, a nova Ordenanza recollerá as seguintes medidas:
  •  
    1. 1. Campañas Municipais educativas e de concienciación social contra o abandono e a favor da adopción.
    2.  
    1. 2. Programas continuados de esterilización de cans e gatos, tanto daqueles que se atopen tutelados, como dos que vivan na rúa, no caso dos gatos. Todos os animais tutelados polo novo Centro de Protección Animal serán obrigatoriamente esterilizados, por criterios de saúde, para evitar camadas non desexadas e para garantir a esterilización antes da súa adopción.
    2.  
    1. 3. Blindaxe dunha dotación orzamentaria suficiente (soamente ampliable) para o Centro de Protección Animal e a asociación colaboradora.
  •  
  • · Aplicación do método CES (Captura – Esterilización – Solta) para o control e coidado das colonias felinas, en base ao elevado número de gatos que viven nas rúas da vila. Trátase dun modelo ético, práctico e de eficacia contrastada en numerosas vilas e Concellos, pois ao tempo que garante a defensa das necesidades das colonias, reduce e actúa progresivamente sobre a problemática da sobrepoboació
  •  
  • · Eliminación da taxa relativa á expedición ou renovación da licenza de tenencia de PPP (cans potencialmente perigosos). Non parece lóxico que se lle estea a cobrar aos veciños/as unha taxa abusiva, ao tempo que noutros concellos o custe é 0.

 

Proposta 84. Habilitación de entre unha e dúas Zonas de Esparexemento Canino (Pipicán) vía aluguer ou compra de terreos por parte do Concello. A maior sensibilidade social cara aos animais traduciuse tamén nun maior número de familias e persoas que comparten a súa vida con animais domésticos ou de compañía, en pisos ou vivendas urbanas. Animais que, a pesares dos esforzos e desvelos dos seus donos, pasan encerrados máis de 20 horas nas vivendas e cuxas saídas para correr, socializar e xogar se reducen aos límites dunha correa por imperativo legal.

Neste senso, a delimitación de entre unha e dúas zonas verdes valadas, coa iluminación adecuada, papeleiras, sinalización vertical e pensadas para que os animais poidan permanecer (acompañados dos seus donos) soltos, axudará aos cans para desafogar as súas enerxías, librarse por un intre da correa e facer exercicio xogando e  socializando entre eles, o cal é básico para ter cans sans, felices e sen comportamentos problemáticos. E todo iso nunha contorna segura onde non corren risco de ser atropelados ou perderse.

 

Proposta 85. Creación da Concellería de Defensa Animal que centralice as competencias e estea asesorada polo asociacionismo en defensa dos animais local. Un departamento con competencias exclusivas no ámbito da defensa dos animais, que facilite o labor da Administración á hora de evitar as prácticas ilegais ou que supoñan un prexuízo para estes. Ademais, habilitarase, a través da mesma, un teléfono gratuíto que facilite á veciñanza toda a información relativa á protección dos animais: contactos coas asociacións, co Centro Municipal de Protección Animal, comunicación con Protección Civil ou coa Policía ou Garda Civil para a interposición de denuncias por malos tratos, etc.

 

Proposta 86. Vilalba Libre de Circos con Animais Salvaxes. A Unesco prohibiu en 1978 a explotación dos animais cun fin lúdico e a nova lexislación afirma que as instalacións circenses non respectan o benestar animal ao non ter a capacidade de satisfacer as condicións fisiolóxicas, mentais e sociais dos animais. Ademais, a vida circense comporta horas e horas de transporte dunhas cidades a outras en reducidas gaiolas e, a miúdo, atados en espazos insalubres e que chegan a alcanzar nalgúns casos temperaturas extremas. Por estas razóns, non autorizaremos a instalación deste tipo de espectáculos elevando a rango de ordenanza municipal a prohibición.

Proposta 87. Medidas transversais. Aposta institucional decidida pola inclusión promoción do galego. Un Goberno Municipal que saiba argumentar e contestar correctamente e dunha maneira clara e contundente os ataques e preconceptos que existen contra a lingua galega. Cómpre elaborarmos un novo discurso atraente e innovador en favor do uso do galego, a través do seguinte marco de actuacións:

  • · Aposta por políticas que fomenten o plurilingüísmo. Coñecer novas linguas sempre a partir do galego é unha riqueza e unha valía.
  •  
  • · Revitalización da lingua galega en Vilalba, a partir da elaboración dun diagnóstico cuantitativo e cualitativo de partida da situación do galego no concello. Unha análise lingüística cuantitativa e cualitativa, isto é: Puntos fracos, fortes, ameazas e oportunidades, como primeira medida para sermos capaces de enfrontar unha estratexia eficaz para a lingua.
  •  
  • · Marcar obxectivos anuais de incremento no número de falantes de lingua galega, mediante a incorporación de novos falantes e do mantemento dos que xa a falan.
  •  
  • · Apoiar o desenvolvemento cultural, en todas as áreas de coñecemento na lingua galega, sen discriminacións de calquera tipo, pois ela é a maior riqueza do noso pobo.
  •  
  • · Promover a normalización lingüística como senda transversal en todas as políticas municipais.
  •  
  • · Avaliar e procurar o cumprimento de todas as políticas lingüísticas levadas a cabo desde a administración e, polo tanto, dende o Concello.
  •  

Proposta 88. Medidas na Administración. Os traballadores municipais, deben ser exemplares no emprego da lingua galega, e deberán comprometerse a mellorala dende un punto de vista lingüístico, usándoa de forma correcta. A este respecto, estableceranse os seguintes mecanismos e recursos:

  • · Creación dun Servizo Municipal de Normalización Lingüística que desenvolva e coordine as accións de promoción da lingua galega.
  •  
  • · Prioridade do uso do galego a nivel municipal como obriga institucional e en todas as actividades realizadas dentro do concello e dende o concello.
  •  
  • · Establecemento de que nos pregos de condicións dos concursos se inclúa de oficio a cláusula de que “as ofertas e estudos técnicos que se acompañen deberán, polo menos, estar redactados en galego”.
  •  
  • · Liderar o proceso de que todos os concursos públicos teñen que ser enviados polos fornecedores na lingua propia como discriminación positiva. Para iso habilitaranse recursos e ferramentas.
  •  
  • · Establecer que todos os departamentos e organismos dependentes do Concello teñan a lingua galega como lingua xeral de referencia oral e escrita, así como a súa utilización de todos os cargos electos no exercicio das súas funcións.
  •  

Proposta 89. Medidas na Educación e no Ensino. Incrementar o número de galegofalantes en vila e parroquias, por medio do sistema educativo e da transmisión familiar. Realización de actividades de promoción do galego entre as crianzas, en vinculación coas familias, atendendo a ruptura interxeracional do idioma, a través do seguinte marco de actuacións:

  • · Realización de campañas de sensibilización coa comunidade educativa e nos centros educativos.
  •  
  • · Apoio, promoción e difusión das campañas ou actividades levadas a cabo polas entidades da sociedade civil e do movemento de defensa da lingua que podan axudar.
  •  
  • · Posta en marcha de talleres de lectura” de avós e netos, onde a xente maior transmita a lingua vinculándoa á realización de diferentes e variadas actividades. Estas actividades estarían centradas tanto en nenos, mozos como, en xeral, en persoas que desexaren mellorar o uso do galego co exemplo dos nosos maiores, ao tempo que se valoriza e incrementa a autoestima lingüística colectiva. Sería unha maneira tamén de empoderar a xente maior, darlle valor e prestixio, facendo que se sintan importantes, tendo en conta que a sociedade actual tende a desvalorizar os nosos maiores.
  •  
  • · Elaboración de programas de educación lingüística para migrantes que desexen aprender galego.

 

Proposta 90. Medidas no lecer e o tempo libre. Fomentar o uso do galego nas áreas da relación e comunicación (cultura, música, ocio, deporte, etc…) e nos medios de uso habitual (TICs, Internet) da mocidade, a través do seguinte marco de actuacións:

Realización de campamentos de verán de inmersión lingüística, que fomenten a idea da visión internacional da nosa lingua.

  • · Creación dun club infantil-xuvenil desde o que se organice unha programación estable de actividades, en galego.
  •  
  • · Aposta por grupos de música galegos para as festas e festividades organizadas polo Concello.
  •  
  • · Promoción de concursos de música de diversos estilos (rock, metal, pop, indie, fusión, folk etc…) para grupos e bandas musicais que empregaren o galego como lingua vehicular.
  •  
  • ·Promoción de concursos literarios (narrativa, poesía, teatro, etc…) en galego e dirixidos á mocidade de diversas idades ata os 30 anos, promovendo e respectando as diversas normativas para o galego.

 

Proposta 91. Medidas sobre memoria e lingua. Recuperación da Memoria Histórico/Lingüística do noso Concello. Realización de estudos sobre patrimonio cultural (lingua, toponimia, antroponimia, historia, costumes, festas, arquitectura etc…) en colaboración con todas as entidades dedicadas a este fin. Vilalba é rica en nomes de lugares, sobre todo microtoponimia, nomes de leiras, regos, carreiros etc. Ao medrar a vila e as leiras seren convertidas en casas, eses nomes belísimos, preservados por xeracións, quedaron esquecidos.

A este respecto, as actuacións que contemplamos son as seguintes:

  • · Establecer que todos os traballos topográficos e cartográficos que faga ou encargue o Concello teñan que levar incorporada a recollida da microtoponimia consonte o sistema deseñado pola Comisión de Toponimia e que o material toponímico recollido sexa remitido ao SITGA, para a súa organización e posta á disposición da sociedade na rede.
  •  
  • · Corrección de toda a sinalización castelanizada do Concello, incluíndo tamén a toponimia etc…
  •  
  • · Realización de campañas de sensibilización social sobre a nosa toponimia, microtoponimia, antroponimia, etc…
  •  
  • · Catalogación e marcación física de todo o patrimonio arquitectónico abandonado do Concello.

 

Proposta 92. Medidas na economía. Apoio e difusión de todo o tecido e empresarial que faga uso do galego nas súas actividades económicas, a través da creación dun distintivo municipal “Establecementos amigos do Galego”  para aqueles comercios, bares, e empresas de todo tipo que usen, dean servizo e teñan a súa propaganda, nome e derivados en galego.

Os establecementos que así o fixeran, poderían poñer este distintivo nos seus locais, así como aparecer nunha listaxe na Web Municipal.