Foi en marzo de 2015 cando un grupo de veciños e veciñas de moi distintas procedencias, pero unidos pola crenza de que existía outra forma de entender a política municipal, nos embarcamos nun proxecto que dende o primeiro intre xerou unha grande ilusión e fixo que un bo número de vilalbeses/as viran na autoorganización e na participación activa da veciñanza, unha ferramenta útil para mudar as cousas.

Nacía así Vilalba Aberta, non para ocupar un espazo máis no mercado electoral, senón coma unha metodoloxía para o protagonismo e o empoderamento de toda esa veciñanza farta de caciquismo e do “ti máis” entre Goberno e oposición, entendendo que implicarse na política é fundamental porque se non a fas ti fancha outros, e cando cha fan outros róubanche a democracia, o Concello e a carteira.

O 24 de Maio dabamos a sorpresa. Con algo menos de 2 meses de vida e sen endebedarnos en millóns de euros para unha campaña a nivel nacional, senón con achegas individuais, falando na rúa, con pancartas caseiras e con inxentes doses de ilusión e traballo desinteresado, 646 veciños e veciñas confiaban en nós nesa xa histórica primaveira municipal de 2015, onde candidaturas coma a representada en Vilalba por Vilalba Aberta se fixeron cos gobernos dalgunhas das máis importantes cidades e concellos, isto é: Compostela, A Coruña, Ferrol ou Sada en Galicia e Madrid, Cádiz, Zaragoza ou Barcelona, entre outras, no conxunto do Estado.

Os vilalbeses/as puxérannos na senda, pero cun oito por cento dos votos non se goberna. Dende entón, traballamos día a día co fin de proxectármonos coma a alternativa de Goberno que a xente agarda que sexamos, mais sen esquecernos nunca de quen somos: a veciñanza que sen ter unha intencionalidade previa, se viu facendo política pola falta de respostas, pola emerxencia social existente e pola ausencia de honestidade dos que dicían representala.

Esa, e non outra, é a razón pola que impulsamos esta plataforma cidadá. A razón de construír unha candidatura de confluencia, con vocación de maiorías, que teña presenza nos barrios da vila mais tamén en cada recuncho das parroquias e que nos permita recuperar o Concello de Vilalba dunha vez para a súa xente.

Non somos un partido político nin tampouco unha coalición e fuximos das vellas lóxicas de na construcción de espazos de participación que, respectando a identidade ideolóxica de cada un, vaian máis aló da suma aritmética das vontades que os integran. 

Sabemos que non hai fórmulas máxicas para resolver as dificultades que nos atoparemos, mais as mellores experiencias demóstrannos que se nos organizamos a partir de obxectivos e prácticas concretas, é posible alcanzarmos metas que parecerían a día de hoxe imposibles.

Porque a pesares da dureza da crise, continúa aberta unha greta histórica que non podemos nin queremos desaproveitar. Porque se somos capaces de imaxinar outra Vilalba, teremos o poder de transformala. 

É por isto que te convidamos a facelo xuntos. Por nós, polos que nos precederon nese empeño e polos que se nos sumarán xeración tras xeración.

As Municipais de 2019 son o momento para o que nacemos e ímolo conseguir contigo.