Modesto Renda, defenderá no Pleno “a tramitación e resolución con carácter de urxencia das axudas de incorporacións e plans de mellora correspondentes á convocatoria de 2025.”
O Vicealcalde instará á Conselleira de Medio Rural a “rectificar” co ánimo de favorecer o relevo xeracional das granxas e explotacións das parroquias do Concello.
Vilalba, 23 de Marzo de 2026 – Vilalba Aberta volve tomar a iniciativa ao respecto dos problemas do rural. A formación municipalista, vén de anunciar o rexistro dunha iniciativa pensada para salvagardar o relevo xeracional das granxas e explotacións das parroquias do Concello.
Así o explicou o seu voceiro municipal e Vicealcalde de Vilalba, Modesto Renda, quen contextualizou a moción que defenderá no Pleno da urxencia de “instar á Xunta de Galicia a rectificar na súa idea de non resolver as axudas de incorporación e plans de mellora de 2025 e xuntalas coas convocatorias de 2026 e 2027.”
“Preto do 70% das persoas titulares de granxas xubílanse nos próximos anos e a previsión é que as incorporacións cubran tan só o 5%. Diante deste contexto, que fai a Consellería do Medio Rural? Non resolver as axudas para novas incorporacións”, denunciou.
Así, dende Vilalba Aberta trasladarase ao Pleno a preocupación sobre que vai pasar con todos eses veciños/as gandeiros, agricultores e produtores que pediron a incorporación en 2025, que organizaron a súa vida contando con esa axuda sempre anual, que xa fixeron importantes investimentos económicos contando con esa axuda sempre anual, que tiveron que coller a granxa por xubilación, etc… mais tamén que pode pasar no futuro, isto é: que as persoas que solicitaron en 2025 se atopen con impedimentos para poder solicitar en 2026 ou que non se cumpran os requisitos.
“Como formación política defensora dos intereses dos nosos veciños/as por enriba de calquera consideración partidista, Vilalba Aberta non pode concibir que os mozos/as que queren apostar por un proxecto no rural teñan que estar dous anos agardando a que se resolva unha convocatoria, cando nalgúns casos xa se incorporaron ou fixeron investimentos contando con ela”, denunciou un Renda que instará publicamente á Conselleira de Medio Rural a “resolver con carácter de urxencia a convocatoria de 2025” pois, entenden dende VA, “é unha cuestión de xustiza.”
Ademais, dende o Grupo Municipal de Vilalba Aberta solicitarán que, no caso de que non chegue o orzamento previsto pola Consellería para tratar esta cuestión, se faga unha convocatoria específica no ano 2026 para as persoas que queden fóra da resolución de 2025 por criterios de prioridade, garantindo as condicións de 2025.
Por último Modesto Renda, elevará a pregunta á Consellería sobre que pasará co presuposto destinado ás axudas, xa que – explicou – “tendo en conta que o ano pasado cun orzamento de 30,5 millóns de euros non foron suficientes para cubrir a totalidade das solicitudes, que acontecerá agora cos 53 millóns cos que se pretende cubrir dúas convocatorias. Cantas máis quedarán fóra?”.



