Vilalba Aberta é unha organización política cuxo ámbito de actuación é o termo municipal de Vilalba. Veciños/as coma ti, que confluímos na defensa dos intereses de Vilalba e as súas parroquias en base ao noso compromiso coa necesidade de recuperar a dignidade dunha acción política baseada na exemplaridade democrática, tamén a nivel municipal.

Vilalba Aberta toma as súas decisións, de xeito democrático e integrador, en asembleas que son abertas a todas aquelas persoas que desexen participar e a actividade da nosa organización réxese por uns principios políticos e organizativos que establecen a Asemblea Xeral como órgano fundamental na toma de decisións.

Na mesma liña, as nosas candidaturas ás eleccións municipais elabóranse de xeito democrático a través dun proceso de primarias abertas veciñais, abertas á participación de toda a cidadanía vilalbesa, sen distinción. 

 

 

UN POUCO DE HISTORIA

 

Vilalba Aberta presentouse por primeira vez ás Eleccións Municipais de 2015, obtendo 646 votos e un representante na Corporación Municipal. 

Froito desta confianza, durante catro anos tivemos a oportunidade de levar a cabo unha labor de oposición responsable, seria e en positivo, que fixo posible que catro anos despois dobraramos a nosa representación institucional, acadando 983 votos e dous representantes na Corporación Municipal.

Pero foi nas Eleccións Municipais de 2023 cando se efectuou o noso despegue definitivo. Vilalba Aberta foi o partido que máis medrou (+616 votos fronte ó +424 do PP) e acadou 3 representantes na Corporación Municipal.

Pasamos dos 983 votos de 2019 a 1.599, quedando a só 560 do PSOE e sendo decisivos para evitar a maioría absoluta do PP.

Como consecuencia, VA cogoberna Vilalba dende a Vicealcaldía e xestiona directamente as áreas de Urbanismo,Mobilidade Infraestruturas Rurais,Desenvolvemento Industrial, Cultura, Turismo, Comercio e Promoción da Língua.

 

O FUTURO, DEPENDE DE TI

 

Dende o mesmo intre do noso nacemento, traballamos para facer posible unha administración municipal ao servizo do interese xeral da veciñanza e que invista os recursos de xeito equitativo entre os núcleos urbanos e as parroquias. Que mellore e transforme os servizos sociais, o medio ambiente, o urbanismo, o deporte, a cultura, a educación e a igualdade de oportunidade no acceso aos postos de traballo que xera o Concello.

Un horizonte para o que, agora máis que nunca, é vital a participación e a confluencia de todos os veciños/as que coincidimos neste obxectivo.

É por isto, que te convidamos a dar un paso adiante. Sumar, en definitiva, forzas para concentrar ideas e ilusións e así afondar e mellorar o noso proxecto.

Sabemos que non hai fórmulas máxicas para resolver as dificultades que nos atoparemos, mais as mellores experiencias demóstrannos que se nos organizamos a partir de obxectivos e prácticas concretas, é posible alcanzarmos metas que parecerían a día de hoxe imposibles.

 Porque se somos capaces de imaxinar outra Vilalba, teremos o poder de transformala. 

Por nós, polos que nos precederon nese empeño e polos que se nos sumarán xeración tras xeración.

En 2015 chegamos ao Concello e cada vez que se abren as urnas dobramos representación. Pero isto non é máis que o comezo e o seguinte paso ímolo conseguir contigo.