Orzamentos e fiscalidade

Dende a asemblea de Vilalba Aberta vimos de dar a coñecer a nosa postura perante os Orzamentos presentados polo Goberno Municipal de cara á aprobación das contas do Concello para o exercicio 2018. Neste senso, e logo de definirmos de “vergoña institucional” a falta de seriedade exhibida polo Alcalde ao fixar o debate orzamentario nun punto máis da orde do día dun Pleno Ordinario e desbotar por terceiro ano consecutivo un procedemento de negociación encamiñado á procura de acordos e consensos, é a nosa vontade a de anunciar que vincularemos o sentido do noso voto á aceptación por parte do Goberno dunha batería de medidas enmarcadas nalgúns dos parámetros programáticos máis recoñecibles de Vilalba Aberta, isto é: o aforro e a máis estrita eficiencia no gasto público coa a erradicación do despilfarro nos gastos do Goberno e do persoal de confianza e a súa contrapartida coa inversión en políticas de emprego e no gasto social coma garantía de progreso e benestar para o conxunto da veciñanza.

Na mesma liña se pronunciaba hoxe o noso voceiro e edil na Corporación, o compañeiro Modesto Renda, cualificando de “inmoral” que a partida destinada a sufragar os “gastos” dos Órganos de Goberno se fixara en 187.000 euros, namentres que o fomento do emprego en Vilalba e a relativa a políticas para o rural tan só perciban do Concello un 0,6 e un 0,002% dun total orzamentario, fixado para 2018 en 12.084.460 euros.

“O Alcalde debería de explicarlle á veciñanza porque saca peito dunhas contas municipais saneadas única e exclusivamente grazas ao sacrificio duns vilalbeses/as bombardeados a golpe de taxas e a catastrazos, ao tempo que nin o primeiro membro do Goberno e amigos se apertou o propio cinto para reverter unha situación, lembremos, provocada pola xestión irresponsable da dupla Baamonde/Criado na alcaldía” declaraba un Modesto Renda que será, en tanto que noso único Concelleiro, o encargado de defender no debate do vindeiro xoves o que dende Vilalba Aberta vimos a definir coma “Plan de racionalización e de eficiencia no gasto público”. Unha emenda, destinada a reforzar as partidas de fomento do emprego e medio rural, ámbalas dúas fundamentais no actual contexto de despoboamento e regresión dun sector primario que, ao igual que no conxunto da comarca, constitúe un factor determinante na nosa pequena e mediana economía local.

Neste senso, propoñemos unha drástica baixada nos gastos de “Goberno” coa limitación a un máximo de 3 salarios mínimos interprofesionais para as dedicacións exclusivas (salario do Alcalde incluído) e medio para as parciais. Un importante aforro para unhas arcas municipais que se verían favorecidas, tamén, coa revisión das condicións dun persoal de “confianza” que dende Vilalba Aberta consideramos a perpetuación do clientelismo e da dinámica caciquil dentro do consistorio. Pretendemos, con todo, que o Goberno Municipal lle devolva á veciñanza o sacrificio que esta fixo para deixar a débeda pública a cero e que o diñeiro aforrado repercuta en máis emprego, máis inversión e máis gasto social para que a recuperación chegue á economía das familias.

Deixa unha resposta

O seu enderezo de correo electrónico non será publicado. Os campos obrigatorios están marcados con *

Deixar resposta