Nete é a parroquia fixada para a que será a segunda parada das nosa “Redes de Parroquia”. Logo da inaugural de Santaballa, que superou as previsións iniciais en base ao importante número de veciños/as que se achegaron, dende Vilalba Aberta trasladaremos desta volta a nosa dinámica de asembleas abertas a San Cosme de Nete, co fin de coñecer de primeira man as súas necesidades e incorporalas á axenda política da corporación.
“ A acollida en Santaballa foi fantástica e, logo de subirmos as fotos do encontro ás nosas redes sociais, xurdiron máis peticións de Asociacións de Veciños doutras parroquias que querían que nos achegaramos”, apuntaba esta mañá a nosa Concelleira, Mª Xosé Fernández.
Na mesma liña se pronunciaba hoxe o noso voceiro municipal, Modesto Renda, poñendo en valor “o respecto e o agarimo co que a veciñanza de Santaballa acolleu a Vilalba Aberta, así coma o imprescindible de facer política “a pé de parroquia ” pois “nos despachos do Concello os problemas do rural non se ven por arte de maxia”
Dende Vilalba Aberta remarcamos unha vez máis a importancia de dar resposta ao que tantos veciños das parroquias dixeron semanas antes da celebración das Eleccións Municipais: “As reunións nas parroquias, durante os catro anos e non só en campaña electoral” e contextualizamos a nosa aposta decidida polas parroquias na necesidade de cumprir co compromiso adquirido coa veciñanza de levar as nosas asembleas ás 29 parroquias do Concello de Vilalba.
É por isto que animamos á veciñanza de Nete a participar, achegándose hoxe martes día 26 – 22h – á Casa Escola da parroquia. Así mesmo, non queremos deixar pasar a oportunidade para trasladar o noso “profundo agradecemento” á directiva da Asociación de Veciños de San Cosme de Nete por “permitir facer posible” este novo encontro.