A responsable de Organización de VA, Mónica González, anunciou hoxe que o noso Grupo Municipal pedirá explicacións ao goberno en relación coa reparación do panteón que homenaxea aos “Caídos”, na parroquia de San Xoán de Alba.
Unha interpelación, que chega un ano e dous meses despois de que o goberno do PSOE anunciara a bombo e pratos a vindeira catalogación de elementos que incumpran a lexislación en materia de Memoria Histórica, paso previo para a súa retirada.
Así, González censurou que o executivo socialista “non só non cumpra nin cos seus compromisos nin coa lexislación vixente”, se non que, aínda por riba, permita unha restauración “abertamente ilegal” que, por se fora pouco, “non contaría coas preceptivas autorización de Patrimonio e Camiño de Santiago”, ámbalas dúas, obrigatorias e derivadas da súa ubicación.
Dende Vilalba Aberta lembramos, ademais, á Alcaldesa que segundo a Lei 52/2007, no seu artigo 15, “as administracións públicas, no exercicio das súas competencias, tomarán as medidas oportunas para a retirada de escudos, insignias, placas e outros obxectos ou mencións conmemorativas da exaltación, persoal ou colectiva, da sublevación militar, da Guerra Civil e da represión da Ditadura.”
É por isto que instaremos ao goberno a cumprir a lei asumindo este compromiso co fin de facer valer os principios de “verdade, xustiza e reparación”, rematando González a súa intervención denunciando que, ao tempo que para o veciño de a pé “todo son trabas”, o Concello fomente o mesmo “urbanismo á carta” do que durante anos fixeron gala os sucesivos gobernos do Partido Popular.