Existe un consenso xeneralizado entre as diferentes administracións, ao respecto da necesidade de reverter o actual estado de abandono do noso monte. Mais para iso, resulta imprescindible no contexto actual, facelo economicamente rendible para a nosa veciñanza.
CONTEXTO E EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
Que un monte coidado é menos vulnerable diante do permanente risco dun incendio, semella tan incontestablemente certo coma o feito de que a explotación sustentable da nosa masa forestal, suporía unha saída produtiva clave para a veciñanza do noso Concello. Un verdadeiro dique de contención, en consecuencia, diante da asumida lacra do despoboamento.
Falamos, pois, dun triplo enfoque económico, social e ambiental, que, ao noso xuízo, debería pasar por subvertir o actual paradigma curtopracista e de hexemonía das invasoras.
A este respecto, dúas son as actuacións a través das cales poderiamos conseguir que os nosos montes fosen realmente produtivos, isto é: por unha banda, o establecemento dunha liña de axudas aos veciños/as que repoboen con árbores autóctonas que, no medio ou longo prazo, resulten moito máis rendibles (como é o caso do castiñeiro); e por outra, o decidido apoio municipal á diversificación do terreo, co fin de avanzar cara explotacións conxuntas con cultivos de cogomelos, así coma de diversificación tamén cara a práctica da apicultura.
O REPOBOAMENTO CON AUTÓCTONAS, COMA FONTE DE EMPREGO E RENDABILIDADE PARA A VECIÑANZA
Son diversos os estudos que teñen demostrado que o castiñeiro e a produción de castañas resultaría seis veces máis rendible que as actuais plantacións de eucaliptos. A este respecto, un castañal de 15 anos correctamente atendido, pode xerar un produto anual por hectárea de entre 6000 e 8000 euros, fronte aos 1000 ou 2000 que xera un eucaliptal do mesmo tamaño.
Unha cifra, calculada tendo coma única consideración a produción exclusiva de castaña, pois, a medio e longo prazo, a súa madeira é un segundo ben rendible. Ademais, existe a posibilidade de compaxinar a venda das castañas directamente con plantas de procesamento; por exemplo, a fariña de castaña ten cada vez maior demanda entre os alérxicos ao glute e o marrón glacé é en toda Europa un produto de alto valor engadido.
Na mesma liña, e no que ten que ver coa nosa alusión á explotación conxunta con cultivos de cogomelos ou coa apicultura, (en tanto que actividades que, á parte de ser moi rendibles en se mesmas, son beneficiosas para a contorna e para o óptimo desenvolvemento dos castañais) facemos referencia a pioneiras e exitosas experiencias de plantación en varias Comunidades de Montes Veciñais en Man Común do conxunto do País, e que con grandes expectativas de negocio, avanzan xa na multifuncionalidade do noso monte, así coma na diversificación de actividades coma fonte de ingresos para a súa veciñanza.
O REPOBOAMENTO CON AUTÓCTONAS COMA MEDIDA DE PROTECCIÓN FRONTE AOS INCENDIOS
A concesión dunha axuda municipal para repoboar terreos forestais con frondosas, fomentaría, ademais, a necesaria limpeza das faixas de protección fronte aos incendios dos que puideramos ser vítimas. Un decidido apoio á materialización destes espazos limpos, pola vía da aposta por especies autóctonas (freixos, castiñeiros, nogueiras, carballos, cerdeiras, bidueiros, entre outras…,) e que ben puidera ser directamente organizado polo Concello, encargándoas este a un viveiro, para, posteriormente, entregalas aos propietarios/as forestais que o soliciten.
Axudarmos a cumprir, en definitiva, coa lexislación vixente en materia de protección contra os incendios forestais, a fin de que cando se produza un lume non teñamos que laiarnos.
Unha aposta municipal, da que dende hai anos son exemplos Concellos coma o de Ames ou o de Ribadeo, e que se revelou exitosa, á raíz das últimas vagas de lumes e dalgunhas imaxes moi viralizadas a través das redes sociais, nas que se podía ver como determinadas especies arbóreas autóctonas -castiñeiros, carballos, sabugueiros, oliveiras…- salvaran da queima os montes, protexendo ademais unha quinta á que rodeaban.
Non se trataba de nada novo, tan só da constatación de que certas árbores tardan máis en arder e non favorecen a extensión dos incendios, a diferenza do que acontece con especies pirófitas coma o eucalipto ou o piñeiro.
Falamos, en definitiva, de iniciativas que en moitas ocasións se levaron a cabo logo de asinar o Concello convenios cos propietarios e propietarias para a xestión, roza e repoboación, no marco de plans de actuacións preventivas para a protección do espazo rural e dos asentamentos de poboación.
Concretamente e no caso de Ames, trátase dun proxecto pioneiro, en tanto que falamos dun dos poucos concellos galegos nos que se aposta por unha política activa de prevención, dando valor ao seu monte.
FASES E PRAZOS QUE PROPOÑEMOS
O primeiro paso é para Vilalba Aberta, que o Concello de Vilalba proceda á delimitación e posterior publicidade, a través das súas diferentes canles de comunicación, dun prazo para a solicitude de axudas ao repoboamento con frondosas. Neste senso, reivindicamos do Concello que facilite aos interesados/as a posibilidade de solicitar no consistorio un formulario para pedir estas subvencións.
A posterior apertura dunha liña de axudas, delimitada previo consenso dos grupos con representación municipal e a través dunha partida específica nos Orzamentos, estaría establecida en función das solicitudes recibidas e da superficie afectada. A este respecto, teríase en conta a clase de terreo do que se trata á hora de definir o número e tipo de árbores que se poden plantar.
Na mesma liña, a entrega de plantas para reforestar eses terreos, configuraríase a razón dunha árbore por cada 49 metros cadrados en superficie forestal e unha por cada 100 en fincas de uso agropecuario, de acordo co que establece a Lei de Montes de Galicia.
Por ultimo, a nosa proposta fai referencia á organización dunha ou varias xornadas de sensibilización, a fin de informar á veciñanza e ás comunidades de montes, responsables da xestión, sobre as distintas posibilidades, así como para fomentar e incentivar outras formas de aproveitamento dos nosos montes e acerca do cumprimento da normativa contra incendios.