Vilalba Aberta trasladará ao vindeiro e último Pleno Ordinario da lexislatura a problemática relativa ao descontrol municipal na reciclaxe dos plásticos do silo nas parroquias. Unha denuncia, que chega logo de contrastar o noso voceiro e Candidato á Alcaldía, Modesto Renda, o deixamento de funcións do Goberno Municipal, en relación coa situación de incumprimento sistemático da normativa municipal establecida polo mesmo en sesión plenaria.
“O Goberno Municipal é o encargado último de velar por que os plásticos de uso agrícola se depositen nos lugares da parroquias especificamente habilitados” declaraba esta mañá un Modesto Renda, que afeou a “total pasividade do Goberno Municipal e máis do Alcalde”, pois, remarcou, “de nada serve establecer a norma se non se traballa e fiscaliza o seu correcto cumprimento”
As parroquias escollidas para comezar coa acción á que facemos referencia, foron, a comezos de 2018, Codesido, Insua e Alba e os puntos de recollida de plásticos de silos consistiron en recintos de 15 x 15 metros valados perimetralmente cun muro e una valla, nos que se podía entrar con furgoneta. Progresivamente, o resto das parroquias contaron con puntos de recollida similares para, en palabras do Alcalde, “intentar controlar os vertedoiros”.
“A acción estaba motivada, segundo explicou no seu momento o Alcalde, porque na época de apertura de silos, os plásticos que non se recollen correctamente son moi contaminantes… e que nos atopamos un ano despois? Descontrol na reciclaxe; colectores non habilitados cheos ao carón das vivendas; e ao mesmo Alcalde que sacaba peito, coleccionando no despacho os sucesivos avisos e reclamacións.” Sentenciou o noso Candidato.
Na mesma liña se pronunciará o vindeiro mércores, trasladando ao Pleno as desoídas reivindicacións veciñais e a fin de arranxar un problema que carrexa un impacto social moi negativo, tendo en conta ademais dos problemas de salubridade, o impacto pouco decoroso que pode xerar nos visitantes que se achegan ao Concello nos meses previos ao verán.
AUMENTO DO CANON A URBASER
Modesto Renda non quixo deixar pasar a ocasión para ironizar sobre o recente aumento do canon á adxudicataria da recollida de lixo no Concello de Vilalba. “Hoxe fago miñas as palabras do ex concelleiro vilalbés, Xosé Manuel Irimia: A dous meses das eleccións municipais e a un ano escaso de vencer o contrato con Urbaser, o Goberno Municipal acorda que hai que recoller o lixo polas parroquias con máis frecuencia, motivo polo que a empresa vai recibir máis de 57000 euros a maiores do estipulado. Tardaron case que 20 anos en acordar o que xa estaba acordado, o mesmo tempo que a empresa leva incumprindo o contrato e utilizando a Rúa Castelao coma garaxe.” Remarcou.