Vilalba Aberta fará súas as reivindicacións da veciñanza da Rúa San Roque, logo de termos coñecemento das molestias relativas á imposibilidade do acceso aos garaxes privados durante as máis de catro semanas de obras.
Unha limitación de máis dun mes de duración que, ao noso xuízo e na liña do reivindicado pola veciñanza afectada, esixe da pertinente compensación pola vía dun desconto equivalente na Taxa de Pasaxe de Vehículos.
Neste senso, dende Vilalba Aberta trasladaremos tamén a indignación veciñal ao respecto do que cualificamos coma “remate cutre” da Rúa, en referencia á utilización de formigón barato e en contraposición ao formigón impreso e á pedra utilizada diante da casa do Alcalde.
“Formigón de recheo nunha das esquinas máis comerciais da vila e materiais nobres con pedra de máis de 10 cm diante da vivenda do Alcalde” denunciaba esta mañá á prensa o noso compañeiro e edil, Modesto Renda, que pedirá así mesmo explicacións diante do que definiu coma “unha incuestionable revalorización de bens” en contraste co aplicado en San Roque.