Interpelaremos ao Alcalde por considerarmos indignante que as/os comerciantes da zona sufran día a día as problemáticas derivadas da total ausencia de sinalización.
Na mesma liña nos pronunciaremos no vindeiro Pleno, a fin dunha resposta diante das reiteradas eivas ao respecto do seu alumeado.
Dende a asemblea de Vilalba Aberta vimos de anunciar que o noso voceiro na Corporación, o compañeiro Modesto Renda, sairá no vindeiro Pleno Ordinario de Maio en defensa dos veciños/as da Rúa Plácido Peña, a fin dunha correcta sinalización da mesma e na procura de respostas diante das reiteradas deficiencias en materia de iluminación.
A nosa asemblea recolle deste xeito as cada vez máis habituais queixas dos veciños/as da zona por se consideraren agraviados en comparación cos de outras rúas, pois, ademais das repetidas eivas na cuestión do alumeado – aspecto este que Vilalba Aberta xa ten denunciado diante o pleno – as/os comerciantes da rúa están a sufrir día a día as problemáticas derivadas da total ausencia de sinalización, co que isto supón de elemento de distorsión á hora da chegada de provedores, etc…
Porque ao noso xuízo, o Goberno Municipal non se pode permitir o luxo de tratar coma veciños/as de segunda aos que o son dunha das rúas máis céntricas, en tanto ca eixo fundamental para a pequena economía da vila, por se tratar dunha localización básica pola súas interconexións. Neste senso, ben agradecidos aos veciños/as e comerciantes que se puxeron en contacto con connosco e agardando xa arrincar non só unha resposta, senón que a vinculación do Alcalde a unha solución que veña a poñer fin a unha situación que cualificamos de inaudita e indignante.