Vilalba Aberta, vén de facer pública a segunda das iniciativas que defenderá, xa como Grupo Municipal na oposición, neste Pleno Ordinario de Xuño. Unha proposta integral de reordenación da mobilidade urbana que parte da necesidade de favorecer a ampliación de terrazas ao tempo que a seguridade e a distancia social entre os peóns, como medida de axuda ao sector hostaleiro no Concello de Vilalba.
O noso voceiro, Modesto Renda, lembrou na súa alocución á prensa que xa no seno do Goberno de Coalición, Vilalba Aberta alertou a principios de Maio da necesidade “comezar canto antes a traballar, da man do equipo técnico do departamento de urbanismo,” co fin de que, no intre no que os establecementos hostaleiros puideran retomar a súa actividade, “o Concello de Vilalba tivera preparada e publicitada xa a posta en marcha dunha proposta”.
A restrición para a súa apertura do 50% das mesas das terrazas, e a imposibilidade de atender ou consumir no interior dos locais, semellaba un motivo de peso; mais lamentablemente, a proposta caeu en saco roto e os hostaleiros, que xa perderan unha grande parte da súa facturación por mor da imposibilidade de manter os seus negocios abertos, viron como a falta de determinación do Concello de Vilalba, non só impedía a posibilidade de camiñar cara a recuperación, se non que, a diferenza do que acontecía en moitos dos Concellos da contorna, contribuíu a xerar un importante malestar no conxunto dos profesionais vinculados, en base á continua indefinición, cando non, directamente a abertas contradicións ao respecto das indicacións trasladadas dende o consistorio.
Neste senso a iniciativa, que ao xuízo da nosa vicevoceira municipal María Xosé Fernández “ será máis que ben recibida” entre un sector hostaleiro, o vilalbés, que, remarcou, “é de vital importancia en termos de impacto económico e de xeración de postos de traballo para a veciñanza.”
MARCO DE CONSIDERACIÓNS
1ª. Vincular o permiso de ampliación das terrazas aos dous anos de exención do pago da correspondente taxa, aprobada recentemente en Pleno Extraordinario
2ª Establecemento dunha canle única de comunicación municipal (Número de teléfono) áxil, eficiente e coordinada, a fin de solucionar todas aquelas dúbidas que, máis alá do comunicado xa aos propietarios no momento de coñecer as necesidades / posibilidades de ampliación en cada caso, poida resolver todos aqueles problemas e novas dúbidas que a este respecto vaian xurdir.
3ª En tanto que para algunha das ampliacións haberá que tomar medidas encamiñadas á redución do peso do tráfico rodado no contexto das principais arterias de comunicación, tomar en consideración ás seguintes actuacións concretas:
- No relativo á Rúa da Pravia e Campo de Puente: Ata o cruce da Rúa Domingo Goás, establecemento de dirección única cara Mondoñedo con aparcamento só a unha beira da vía (beira esquerda en dirección Mondoñedo), facilitando así mobilidade, seguridade e distancia social das persoas e a devandita posibilidade de ampliación.
- Peonalización selectiva (piloto) da Praza de Santa María, e prohibición do aparcamento na Praza Coronel Pena, regulando o horario de carga e descarga ás primeiras horas da mañá.
- Vixilancia e fiscalización continuada da Peonalización definitiva da Rúa Basanta Silva, en base ao estrito cumprimento do horario de carga e descarga establecido.
Porque que tratar de favorecer na medida das nosas posibilidades e competencias o impulso de todas aquelas medidas encamiñadas a que os veciños/as profesionais da hostalería poidan, canto menos, salvar unha pequena parte da tempada, é, máis alá dunha responsabilidade, unha verdadeira obriga para o conxunto da Corporación Municipal.