Dende a asemblea de Vilalba Aberta trasladaremos ao vindeiro Pleno Ordinario de Marzo as reivindicacións dos veciños/as da Rúa do Lameirón, relativas ás continuadas deficiencias no estado do seu firme. Un calexón, cuxa saída cara a Rúa de Ribadeo padece inverno tras inverno as consecuencias das primeiras augas e a continuada aparición de fochancas producidas ao se levantar a súa capa superior e coa dispersión da gravilla.
“A veciñanza do Lameirón leva anos falando co Concello e sempre se atopa con largas” declaraba esta mañá á prensa o noso voceiro e edil, o compañeiro Modesto Renda, quen non deixou pasar a ocasión para denunciar ao Concello pola continuada aplicación de recheo de obra coma única solución na zona. Unha “ocorrencia” lembrou, que “desaparece coas primeiras choivas do ano e o único que fai é atascar os sumidoiros da veciñanza”
Neste senso se pronunciará no Pleno, a fin da aplicación por parte do Concello de criterios obxectivos, que veñan a ordenar a actuación sobre as múltiples pistas e camiños co único obxectivo da inmediata atención dos casos máis urxentes, utilizando os medios propios dispoñibles e dando – por suposto – preferencia ás vías en peor estado que, coma a do Lameirón, son visibles en infinidade de núcleos do municipio.