Hai dous anos que Nadia Rio (29 anos e veciña de Carballido) apostou por emprender no rural. A pesares dos momentos baixos, asegura sentir unha “grata satisfacción” por poder quedar onde naceu e seguir co traballo dos seus avós. Hoxe, coincidindo coa celebración do Día Internacional da Muller Traballadora, únese ao proxecto de Vilalba Aberta e tocaba conversar con ela.
Cales foron os factores que te levaron a tomar a decisión de emprender no rural?
Pois o principal factor foi a pandemia do Covid-19. Neses meses de confinamento estiven no ERTE e despois de moito pensalo e analizar a situación actual decidinme a dar este paso. Tamén as ganas de emprender no meu pobo e intentar darlle vida e traballo a xente do meu Concello.
Porque a túa actividade laboral previa non tiña que ver co agro, non?
Non, eu veño de traballar dende os 16 anos na hostalería. Un traballo que me encanta e sigo exercendo. De feito na miña casa sempre tivemos taberna, ultramarinos, pódese dicir que a hostalería vaime na sangue. E sigo loitando por poder poñela a funcionar de novo. Todo sexa polo rural e por estas ganas de volver darlle vida ó noso
Falemos de obstáculos. Sentiches o apoio da administración no intre no que comezaches os trámites legais?
Pois por desgraza teño que dicir que non, tamén era un momento moi delicado e complexo que estabamos a vivir pero en liñas xenerais non. Hai certas cousas que deberían cambiar para a xente que empezamos dende cero no rural. Entre moitas, a información que se da dende as administracións
E no Concello, cal foi a túa experiencia coa administración local?
Neste caso non podo dicir moitas cousas a favor, ou ben por que en moitos aspectos non e traballo deles ou por que noutros non fixeron o seu traballo como correspondía. Direi que a dia de hoxe sigo esperando a resposta a unha reclamación de marzo do 2021 e creo que con iso xa o digo todo, menos mal que o problema se arranxou grazas a VA que me axudou nese momento a darlle un empuxón.
Cres que as dificultades serían as mesmas se o teu proxecto non fora no rural?
Definitivamente non, evidentemente calquera proxecto ten os as súas dificultades iso esta clarísimo, pero hai certas cousas que no rural son mais complexas. Ó final dependes de factores externos, ti calculas a produción en base á sementeira; pero despois entra a climatoloxía, a terra, cuestións que están fóra do teu control. Non é un traballo fácil
E de non ser muller?
No meu traballo pouco importa se es muller ou home, as dificultades son as mesmas a nivel administrativo. Pero se falamos a nivel social, direiche que non é o mesmo.
Se fora idea dun home estaría mellor visto e ninguén diría nada, Como muller tiven que escoitar varias veces un “esta tola”, “todo iso nada”. Non é que me influíra a nivel psicolóxico en demasía; pero si pode chegar a xerar dubidas de se estás facendo as cousas ben.
Pero ao final dáste conta que se foras un home ninguén diría nada. Eu teño a sorte de ter uns pais que sempre me apoian e unha nai marabillosa que sempre me inculcou que unha muller pode facer todo o que se propoña. Medrei coa imaxe desas mulleres do rural que traballaban fora da casa e aínda fan os traballos do fogar cando chegan, como miña avoa, que tivo tres fillos de solteira e saía traballar as leiras, alindar o gando e criar os seus fillos. Para min son a alma do rural, as mulleres somos fortes e capaces de facer máis cousas que atender os labores do fogar, malia que aínda hoxe en dia algúns se neguen a velo e insistan en poñernos nese sitio.
Mais teño a esperanza de que nun futuro podamos deixar estas diferencias atrás, aínda que non esquecer para non repetir os mesmos erros e darlles un futuro mellor as seguintes xeracións
Que consello lle darías a unha rapaza que estea dubidando entre emprender no rural ou non?
Pois diríalle que é algo que se ten que considerar con todos os pros e contras na mesa. Que busque toda a información posible nas administracións pero sobre todo coa xente que xa traballa niso que lle vai contar a realidade o 100%.
Pero se ten ganas e forza que tire para diante, porque sentira a satisfacción de ver como o seu traballo pouco a pouco da froitos
Hai futuro para a muller traballadora no rural?
Rotundamente si, co apoio e mentalidade adecuada sempre hai futuro. Sexa muller ou home.