O acordo de investimentos nas parroquias acadado por Vilalba Aberta co Goberno segue a materializarse. Desta volta a quenda será para as obras de renovación do vial municipal que comunica o acceso Este do Polígono Industrial co núcleo de Bidueiros e remata no vial municipal 065_092, na parroquia de Goiriz.
Trátase dun vial moi utilizado por veciños e viaxeiros, debido a que forma parte do percorrido do Camiño de Santiago no tramo que comunica as vilas de Abadín e Vilalba. Por este motivo, ademais do proxecto foi necesaria a autorización da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia para realizar a actuación.
Este vial exerce una labor vertebradora de relevancia para os veciños do núcleo de Bidueiros, ao comunicalos coa capitalidade municipal e o parque empresarial mais importante da contorna. A súa lonxitude total ascende a 960 metros, con ancho medio afirmado de 4.10 metros.
Cun orzamento de 25.000 euros, os traballos servirán para a renovación do pavimento existente na estrada, mantendo a súa tipoloxía pero mellorando a súa regularidade e acabado superficial cos mesmos materiais e técnicas construtivas de orixe. Deste xeito, a estrada conserva as súas características orixinais e prolonga a súa vida útil.