Sae a licitación a renovación dos primeiros accesos vías de parroquias froito do acordo entre o Goberno e VA. Un desbloqueo máis que fundamental en materia de investimento pois, sen este acordo, o Concello non tería apenas marxe para executar (as contas continúan prorrogadas dende o último ano do PP) o que se traduciría nun ano perdido para o rural.
PRIMEIROS TRABALLOS COMPROMETIDOS
Os primeiros traballos terán lugar no acceso a Corvite (Vilalba); ao núcleo de Pumariño (Goiriz); a pista Os Muíños (Sancovade); o acceso a Vesura e As Veigas (Santaballa); os accesos a Vilate e Fontevella (Lanzós); o acceso a Broz (Goiriz); o acceso ás Veigas (Corvelle); os accesos a Igrexa, O Valiño, A Revolta e A Carboeira (Román), e o acceso a Os Tineos (Tardade).
SEGUNDA QUENDA DE ACTUACIÓNS
A renovación de accesos e vías nas parroquias de Nete, Ladra, Distriz e Rioaveso contarán cun orzamento que rondará os 70.000€.
Unha das actuacións será nos accesos á escola de Nete, no barrio do Curro, o principal núcleo de poboación da parroquia. Nel atópanse a igrexa e o cemiterio parroquial, así como a escola municipal, que actualmente se utiliza como centro de reunión e actividades veciñais.
O acordo posibilitará tamén a renovación dos accesos ás vivendas do barrio dos Castros (Nete). Un vial de titularidade municipal sen pavimentar que parte da estrada municipal 065-403 e da acceso a varias vivendas do propio barrio.
A terceira das tarefas será unha pavimentación no barrio de Lourixe, en concreto na vía municipal 065_207, que parte dende a estrada autonómica LU-541 e atravesa os barrios de Lourixe e Aguiar, ata rematar na estrada provincial LU-P-6506.
A licitación inclúe así mesmo a rexeneración da vía de acceso ó barrio de Aguiar e do tramo de acceso a Fontechousa dende a LU-P-6511 (parroquia de Distriz). Por último, renovará o camiño de acceso ao núcleo de Vilamartín, dende a LU-120.