Goberno

O novo Goberno de Vilalba sairá dun acordo entre PSOE e Vilalba Aberta, froito dos diferentes encontros entre ambas formacións ao longo das últimas semanas. Así, e en base a un acordo programático de mínimos inicial, o equipo sumará aos edís da Agrupación Socialista un de Vilalba Aberta, polo que o reparto de áreas neste goberno de coalición incluirá ao noso voceiro e edil, Modesto Renda. 

Na sesión plenaria de organización aprobáronse as distintas delegacións que asume cada concelleiro e concelleira mediante decreto da alcaldesa socialista, Elba Veleiro.

Así, Rodrigo Pavón, primeiro tenente de alcalde, será o encargado de Espazos cidadáns, Relacións coa veciñanza e Servizos; Modesto Renda será o novo Concelleiro de Turismo e Comercio Local; Marta Rouco, a de Políticas sociais e Réxime interno; Luis Álvarez, Economía, Facenda, Infraestruturas e Urbanismo; Vanesa Siso, Cultura, Comunicación e Igualdade; Ignacio Criado, Medio ambiente, rural e promoción do emprego; Antía Rama, Educación, Infancia, Mocidade, Feiras e Mercados e Xosé Teixeiro, Deportes.

En canto ao réxime de dedicacións, a alcaldesa Elba Veleiro terá unha dedicación exclusiva con xornada laboral completa, cunha retribución bruta de 45.000 euros anuais (baixando o salario con respecto ao anterior rexedor) e Modesto Renda, concelleiro de goberno por Vilalba Aberta, asumirá unha dedicación exclusiva con xornada laboral completa e cunha retribución bruta de 23.000€.

Ademais, o concelleiro Rodrigo Pavón e as concelleiras Vanesa Siso e Antía Rama contarán cunha dedicación parcial do 65%, e o edil Luis Fernández do 15%.

Na súa declaración á prensa, Modesto Renda destacou a “exemplaridade e a responsabilidade das partes no proceso de negociación” e o positivo do “comezo dunha nova etapa na que o diálogo será imprescindible para afrontar, dende unha óptica de progreso e estabilidade, os grandes retos do Concello”

Na mesma liña se pronunciou Elba Veleiro, remarcando que “a principal motivación para este mandato é ter estabilidade no goberno para poder traballar o mellor posible de cara á veciñanza, garantindo que as accións e prioridades conten co maior apoio para saír adiante, traballando en conxunto e remando a favor dun goberno progresista e que defende por riba de todo a igualdade de oportunidades”. 

Deixa unha resposta

O seu enderezo de correo electrónico non será publicado. Os campos obrigatorios están marcados con *

Deixar resposta