O voceiro de Vilalba Aberta, Modesto Renda, denunciou na mañá de hoxe a “incapacidade e total falta de planificación e organización interna” do Goberno en minoría do PSOE en Vilalba.
A través dunha rolda de prensa á que acudiron varios membros do grupo de coordinación de Vilalba Aberta, ademais da edil vicevoceira do noso Grupo Municipal, Mª Xosé Fernández; Renda censurou a “abraiante inacción municipal” en relación á “necesaria por urxente aprobación” duns Orzamentos Municipais de cara a unha anualidade, a de 2020, á que lle restan 5 meses para rematar.
Neste senso, e ao tempo que definiu de “incomprensible” e de política de abandono “sen precedentes”, o feito de que a finais de xullo nada se saiba ao respecto “máis alá de que o equipo de goberno nin tan sequera fora quen de pechar a conta xeral do 19”; o noso voceiro quixo remarcar que Vilalba Aberta se oporá a calquera intento do PSOE de gobernar “de costas á veciñanza que votou cambio” prorrogando os Orzamentos do PP por “deixadez”.
“Unha vez máis, o Grupo Municipal Socialista tómalle o pelo tanto aos grupos con representación como ao conxunto dos veciños/as de vila e parroquias”, ao falar nos medios de comunicación da súa vontade de chegar a acordos, cando á altura do mes de agosto, seguimos sen contar cun simple borrador sobre o cal poder comezar a traballar”, apuntou.
Unha realidade municipal e de goberno diante da que, ao xuízo de Vilalba Aberta só caben dúas opcións: Ou que o Goberno Municipal, “do mesmo xeito que acontenceu coa conta xeral do 19, sexa incapaz presentar unha proposta de Orzamentos Municipais”, ou que o “preconizado cambio do PSOE” fora finalmente gobernar “por decreto” cos Orzamentos do PP, diante dos que “o Grupo Municipal Socialista votou en contra en maio de 2019”
Na mesma liña se pronunciou a nosa compañeira, Mª Xosé Fernández, lembrado que “no seno do Goberno de Coalición, Vilalba Aberta presionou e fixo a súa parte” con vistas á aprobación “en tempo” dun orzamento ao que “non se nos permitiu contribuír” e que debeu presentarse como marca a lei a finais de 2019 para entrar en vigor en xaneiro de 2020. “Hoxe, rozando xa o mes de agosto e con Vilalba Aberta expulsada do Goberno, seguimos nas mesmas.” Lamentou.
OS AUTÓNOMOS E AS PARROQUIAS, OS PRINCIPAIS PERXUDICADOS
Dende Vilalba Aberta tamén se alertou das consecuencias directas que a actual situación de parálise terá no curto e medio prazo. A este respecto, Modesto Renda incidiu moi especialmente na necesidade de “cumprir” con aqueles veciños/as que “desenvolven os seus proxectos de vida nas parroquias”, así como con aqueles que “dependen economicamente da supervivencia de sectores produtivos, tales como o comercio, a hostalería e o sector servizos” nun contexto “tan complicado” como o que xerou a crise económica e social derivada da aparición do virus.
“Prorrogar os orzamentos do PP é negativamente decisivo tamén en termos de políticas de inversión e gasto público pois “apenas se vai executar, o que se traducirá nun ano perdido para Vilalba, xusto no peor dos momentos”.
Na mesma liña, Renda cualificou de “intolerable” que non se saiba nada do Informe Técnico de Intervención, de que marxe de cambios admite o documento de 2019, ou doutras cuestións de carácter máis técnico que inflúen no mesmo. “Preocúpanos saber que vai ocorrer cos investimentos do orzamento prorrogado que non se realizaron e que foron un compromiso coa cidadanía. En definitiva, cuestións que urxen e que dende o equipo de Goberno non nos aclaran”, remarcou.
É por isto, que Vilalba Aberta incluirá xa o debate ao respecto da cuestión orzamentaria, pola vía dunha interpelación directa á Alcaldía no Pleno Ordinario deste xoves. Unha iniciativa coa que, ademais de información, solicitaremos a inmediata remisión dunha copia íntegra do proxecto do orzamento que estaba en marcha antes da ruptura do pacto de goberno, co fin de poder comezar, canto antes, a traballar, en base a acordos amplos e de consenso sobre o mesmo.