Vilalba Aberta segue sumando colectivos ao seu proceso de escoita de entidades e asociacións. Así, a formación reuniuse este luns coa directiva da Asociación de Apicultura Serra da Carba, co obxectivo de “contrastar os últimos detalles do seu Programa”.
A xuntanza, que se celebrou na Casa Escola da Pedragosa, permitiulle ao seu candidato á Alcaldía, Modesto Renda, explicar a “aposta estratéxica” de VA pola apicultura e a produción ecolóxica e de proximidade.
Tal e como explicou o candidato, “a materialización deste proxecto non só contribuiría á protección destes polinizadores, senón que achegaría as abellas a grandes e pequenos a través de visitas guiadas ao espazo.”
Renda, que apelou a “investir no presente para recoller no futuro”, contextualizou a proposta na necesidade de “proxectar a apicultura como unha potencial fonte de ingresos e creación de emprego, cun enorme potencial nas zonas rurais con maior grao de despoboamento.”
Con todo, lembrou, a contribución máis importante da apicultura á sociedade non é só de índole cultural ou económica, senón de carácter ambiental. “As abellas son as responsables da polinización dunha alta porcentaxe das plantas, incluíndo cultivos para a alimentación humana, chegando a aumentar de maneira considerable a súa produción. En suma, a achega da apicultura é dun valor incalculable”, explicou.
Unha opinión compartida pola nº2 da formación, Mª Xosé Fernández, quen vinculou o compromiso de VA coa necesidade de “fomentar unha apicultura responsable e respectuosa, seguindo un modelo de produción sostible que prioriza o benestar das abellas e a súa función restauradora do ecosistema”.