As reaccións ao anuncio do Alcalde, relativo á previsión municipal dun Pleno Extraordinario de aprobación dos Orzamentos para esta semana, non se fixeron agardar. E foi de novo Vilalba Aberta, e a través dun comunicación á prensa, a primeira en pronunciarse.
Denunciamos a absoluta falta de planificación e criticamos que se pretenda aprobar o instrumento político máis importante para un Concello pola vía rápida, sen un procedemento serio de negociación e de presentación de emendas e por medio dun Pleno improvisado, cuxa posible data – cómpre lembrar – os Grupos Municipais coñecemos a través dos medios de comunicación.
Unha mostra máis da falta de seriedade e rigor que se deriva da caótica xestión do Partido Popular no Concello de Vilalba, ademais dun intolerable desprezo á veciñanza que en 2015 optou por confiarlle o seu voto ás diferentes forzas da oposición municipal.
En palabras do noso voceiro e Candidato á Alcaldía, Modesto Renda, o xeito de facer do Goberno Municipal “non fai máis que reafirmar a fuxida cara adiante dun PP, que chega ao nivel de vender un ‘show’ de goberno exemplar, cando en realidade nin tan sequera compre cos mínimos esixibles en canto ao dereito á información dos Grupos Municipais e da veciñanza que a solicita.”
Na mesma liña, cualificou de “gravísimo” que nin tan sequera se nos facilitara a documentación de referencia, o cal, ademais de limitar a capacidade efectiva da oposición para realizar e cumprir coa súa labor de fiscalización e control, atenta directamente contra a democracia municipal e o dereito dos veciños/as de estar informados puntualmente do que se fai co seu diñeiro.
A este respecto non descartamos que, do mesmo xeito que en 2016, dende Vilalba Aberta se proceda á convocatoria dunha serie de accións de protesta, coincidindo coa celebración da sesión extraordinaria.