“Polo noso, consume comercio local.” Ese é o lema da nova campaña en favor do comercio local que vimos de impulsar, coincidindo co comezo da festividade do Nadal. Unha iniciativa, a desenvolver nas redes sociais e a través da pegada de carteis publicitarios en vila e parroquias, coa que pretendemos apoiar as compras na vila xa que, se ese diñeiro permanece na contorna, estará a se reinvestir no municipio, máis se cabe nunhas datas onde o consumo se dispara.
Apostamos dende Vilalba Aberta por revitalizar o comercio local pola calidade e amabilidade que ofrece. No comercio local temos a oportunidade de verlle a cara a quen nos vende e, ademais, sabemos de onde veñen vos diferentes produtos. Temos, así mesmo, a certeza do que aí hai, ao tempo que non podemos esquecer o dinamismo e a cohesión social que achega aos diferentes barrios e parroquias.
A este respecto, contrapoñemos a nosa idea coa incapacidade manifesta do Goberno Municipal de por en marcha unha campaña municipal en Nadal para o incentivo das compras nos pequenos comercios, coma un primeiro paso de cara á posta en marcha dun Plan Municipal de Medidas en Defensa do Pequeno e Mediano Comercio. Un apoio dende o consistorio, que para Vilalba Aberta debería estar especificamente consensuado cos comerciantes e representantes das PEMES locais, a fin dunha estratexia de información e guía que promocione e facilite o coñecemento dos diferentes comercios segundo a oferta.
Vilalba Aberta, que no seu programa electoral de 2015 incluía xa a posta en marcha de cláusulas sociais nos contratos e licitacións, dando prioridade a pequenas empresas e autónomos coa finalidade de manter o emprego no Concello, volve así a reivindicar tamén a necesidade de promocionar o comercio de proximidade e o emprendemento familiar, en tanto que “ tipo de comercio que realmente xera barrio”. Nesta liña, denuncian que a “falta do apoio” ao pequeno comercio provén tamén das “trabas burocráticas, os tempos e os permisos”.
ILUMINACIÓN DE NADAL
A tardanza e actual falta de iluminación é outra das nosas preocupacións, pois durante a campaña de Nadal, o centro está (tarde e mal) máis cuberto en contraposición a outras zonas tristes e apagadas.
Así mesmo, para Vilalba Aberta son imprescindibles medidas municipais que favorezan a vinculación do comercio de proximidade ás novas tecnoloxías. Neste senso, a rexeneración urbana é outra materia pendente ao noso xuízo, xa que rexeneración urbana e comercio deben ir da man.