O Candidato de Vilalba Aberta á Alcaldía, Modesto Renda, rexistrou este venres unha petición de comparecencia da Alcaldesa co obxectivo de que dea conta da situación do comedor da Escola Infantil. A formación municipalista pretende así que a rexedora explique diante das familias afectadas o porqué dos continuados incumprimentos do equipo de goberno, situando a problemática da conciliación no centro do debate político municipal.
“O goberno creou as expectativas falando de ampliar de 45 a 75 as prazas, recuou despois coa posibilidade das dobres quendas e, por último, limitou a teórica ampliación a soamente 9 prazas”, explicou o candidato. Renda, que censurou a falta de seriedade dun goberno que “a 20 días do inicio do prazo de preinscricións non comunicou absolutamente nada”, instou á Alcaldesa a “mudar a política das promesas pola planificación e a previsión a medio prazo”.
A posible baixa de matrículas que se derivaría da deficiente xestión municipal é outra das preocupacións de VA. Para argumentalo, Renda puxo o exemplo dun primeiro fillo/a con praza e un segundo/a que quedaría fóra. “Sen compromisos reais, as familias rematarán por penalizar un centro que sempre foi modelo e a menor matrícula peores estándares, menos servizos e menos actividades” lamentou. “O que tantos anos costou construír, non pode perderse por desleixo dunha ou varias administracións”.
Unha opinión compartida pola Nº 3 de VA, Tamara Rodríguez, que contextualizou a iniciativa na necesidade de “trasladar ao Pleno a indignación das familias traballadoras”. Rodríguez definiu as políticas de conciliación como unha “prioridade a nivel municipal” e criticou a política do “titular e do fume en prensa”, que logo “non se corresponde coa realidade.”