“O Goberno Municipal acumula solicitudes e reclamacións sen que a cidadanía reciba resposta algunha”. Así vén de facer público Vilalba Aberta, cuxo Grupo Municipal vén de rexistrar unha petición de comparecencia da Alcaldesa de cara ao Pleno Ordinario do vindeiro mes de Marzo.
Dende a formación municipalista, denuncian que teñen coñecemento de ata 27 peticións paralizadas, é dicir, que non obtiveron resposta aínda superando o prazo máximo que ten cada concelleiro/a e/ou departamento para emitir unha resolución desde que recibira a solicitude. Así, outras 9 reclamacións asignadas e repartidas entre as diferentes áreas do goberno están pendentes de resolución dentro do prazo, mais a escasos días de caducar.
URBANISMO, INFRAESTRUTURAS, MEDIO AMBIENTE E ALCALDÍA: AS ÁREAS CON MÁIS ATASCO E FALTA DE INFORMACIÓN
En cifras absolutas, a Concellería de Urbanismo e Infraestruturas é a que ten máis reclamacións/peticións de información sen resolver. Pero está case empatada coas áreas de Medio Ambiente e coa Alcaldía en termos de atasco e falta de información.
Así, segundo os datos extraídos das denuncias veciñais recollidas por Vilalba Aberta, a Concellería que dirixe Luís Fernández Álvarez conta con 15 peticións de información sen resposta, das cales 4 están en prazo, mais a piques de finalizar. Dúas máis que Alcaldía e catro máis que Medio Ambiente que, respectivamente, suman 9 e 7 solicitudes que aínda non obtiveron unha resposta a pesares de cumprir co tempo máximo legal.
“Cando a administración non responde se concede o acceso á información ou o denega denomínase silencio administrativo”, explicou o voceiro da formación, Modesto Renda, quen lembrou que o artigo 20.4 da Lei de Transparencia recolle que “transcorrido o prazo máximo para resolver sen que se ditou e notificado resolución expresa entenderase que a solicitude foi desestimada”.
“DESPREZO E FALTA DE INTERESE”: AS PALABRAS MÁIS REPETIDAS POLOS VECIÑOS/AS SEN RESPOSTA ÁS SÚAS RECLAMACIÓNS.
“Dende Vilalba Aberta censuramos que concelleiros/as que perciben un salario que proven dos impostos dos vilalbeses e as vilalbesas, coleccionen no despacho os sucesivos avisos e reclamacións”, lamentou Renda, ao tempo que agradecía a confianza da veciñanza en Vilalba Aberta, en tanto que “altofalante da súa indignación.”
Unha visión compartida pola súa compañeira e vicevoceira municipal da formación, Mª Xosé Fernández, quen recordou á Alcaldesa que a veciñanza pode entender que se “cometan erros” e, inclusive, que “todas as peticións non poidan ser atendidas”; mais o que nunca pode comprender é que se lle “ignore ou desprece” e neste senso a iniciativa que veñen de presentar.