Vilalba Aberta segue a presentar as diferentes propostas que darán forma ao seu Programa de cara ás Eleccións Municipais de Maio.
Logo de comezar centrándonos no relativo ao desenvolvemento económico, emprego e emprendemento e antes da presentación do conxunto do noso programa económico, fixada para o vindeiro Luns; vimos de dar a coñecer a primeira das nosas propostas en materia de urbanismo e mobilidade, coa presentación dun proxecto para a peonalización progresiva do casco antigo.
Falamos, pois, dun plan de peonalización segmentado, dado que parte da posta en marcha dunha primeira fase piloto, a desembocar na apertura dun procedemento de participación cidadá no que conxunto dos veciños/as e comerciantes afectados poderán posicionarse ao respecto dos diferentes aspectos a mellorar, en base á propia experiencia e participar, despois, na redacción da definitiva Ordenanza Reguladora.
Unha proposta, elaborada logo dun traballo continuado ao longo da presente lexislatura e para o que establecemos o seguinte marco de actuacións:
POSTA EN MARCHA DUNHA PRIMEIRA FASE PILOTO
A nosa proposta delimita a posta en marcha dunha primeira fase piloto dun ano de duración, a facer efectiva en fins de semana e días susceptibles dun importante incremento na afluencia de visitantes (pontes, festas, festividades relixiosas, comezo do período estival, etc…)
Unha fase que, previa análise por parte dos servizos técnicos do Concello, estaría suxeita a un marco normativo ou ordenanza provisional que regularía a limitación de acceso, as excepcións e os horarios de carga e descarga, entre outros.
PROTAGONISMO ACTIVO DE RESIDENTES E COMERCIANTES
A posterior apertura dun procedemento de participación cidadá, estaría pensada co fin de darlle a palabra á veciñanza e aos comerciantes afectados para que, en base á propia experiencia, fagan patentes todos os aspectos e eivas a corrixir e participen na redacción da definitiva ordenanza reguladora.
DEBATE DA NOVA ORDENANZA E DEFINITIVA PEONALIZACIÓN
O sometemento a debate plenario da nova ordenanza reguladora participada, sería o último paso de cara a aprobación dunha peonalización definitiva do casco antigo da vila que, estamos convencidos, viría a solucionar as problemáticas específicas ao respecto da mobilidade, así como a dar resposta ao anhelo de moitos veciños/as e visitantes, de recuperar para a xente – co conseguinte despegue da actividade económica, comercial e cultural – un espazo que na súa orixe non foi pensado para a libre circulación do tráfico rodado.