Conciliación

Vilalba Aberta vén de presentar a que será a primeira das súas iniciativas de cara ao Pleno Ordinario de Xullo. Un sistema municipal de cheques axuda para a conciliación, como medida de apoio para as familias traballadoras que, do mesmo xeito que aconteceu coa aprobada proposta de Programa Municipal de axudas directas a autónomos e Pemes, quixemos trasladar, explicar e contrastar, antes da súa exposición e rexistro cos sectores económicos implicados, desta volta, a través dunha xuntanza coas responsables das ludotecas da vila, isto é: Minds, Larilandia e VeoVeo.

Ambiciosa á par que realista e inspirada nas liñas de axudas á conciliación postas en marcha por parte do Concello de Ribadeo, a iniciativa que hoxe vimos de facer pública concíbese, ademais, complementaria á antedita de axudas directas a autónomos e pemes, en tanto incidirá no necesario impulso á actividade económica do concello (sector do ocio infantil), pola vía do tanto ou máis necesario apoio á conciliación da vida laboral e familiar, en base a un límite de gasto por cheque/unidade familiar de 150€/mes no caso de un/unha menor; de 300€/mes no caso de dúas/dous; e de 500€/mes no suposto de tres ou máis.

Con respecto ao financiamento, dende o Grupo Municipal de Vilalba Aberta teorizamos en base a dous supostos ben diferenciados, isto é: contemplando tanto a posibilidade de que o Goberno Municipal axilice a urxente elaboración duns orzamentos de crise para a anualidade 2020, como a de que, unilateralmente decida prorrogar os de 2019.

Neste senso, en ámbolos dous contextos, a viabilidade da iniciativa estaría asegurada xa para a presente anualidade, pois “financiaríase con cargo á aplicación orzamentaria do 4% do total do remanente de tesourería do Concello de Vilalba (o que suporía unha inversión de arredor de 160.000€, neste primeiro ano), con vistas a ter continuidade en base ao volume de solicitudes contrastadas, quedando así, limitada e vinculada nos sucesivos exercicios a un máis axustado importe consignado para esta finalidade, pola vía dunha partida específica nos Orzamentos Xerais da corporación no que resta de lexislatura 2019/23.

En resumo: a concesión dos cheques axuda podería poñerse en marcha dun xeito áxil, previa tramitación do correspondente expediente de modificación orzamentaria no caso de que a dinámica de parálise do Goberno Municipal persista nos meses previos ao comezo do curso, polo que, haxa ou non haxa orzamentos, a proposta de Vilalba Aberta é asimilable, realista economicamente, áxil en termos de tramitación e, sobre todo, proxéctase asentada en criterios de progresividade.

Nesta liña, os cheques axuda previstos outorgaríanse ata esgotar o máximo previsto de 160.000€ para a primeira anualidade, sendo o departamento de servizos sociais o encargado da valoración e seguimento do proceso. Ademais, e resoltas as solicitudes presentadas no prazo establecido da convocatoria e non esgotándose o crédito establecido na mesma, quedaría aberta a posibilidade, previo acordo da Xunta de Goberno Local, de acordar a realización dunha segunda convocatoria destas axudas, ditando, para o efecto, as normas necesarias para a súa execución dentro do exercicio 2020.

 

FUNDAMENTO LEGAL, OBXECTO E ÁMBITO DE APLICACIÓN

 

A iniciativa atopa fundamento legal nos artigos 25 de la Lei 7/1985, de 2 de abril, Reguladora das Bases de Réxime local e 17 da Lei 38/2003, de 17 de novembro, Xeral de Subvencións e ten por obxecto a regulación xurídica da prestación de axudas ás familias empadroadas e residentes en Vilalba para colaborar a paliar os gastos familiares derivados da conciliación da vida laboral e familiar.

 

PERSOAS BENEFICIARIAS

 

Poderán ser beneficiarios/as do sistema municipal de cheques para a conciliación  as/os proxenitores ou titores legais de nenas e nenos menores de 10 anos que acrediten o cumprimento dos seguintes requisitos:

 

1º. A/o menor/a deberá estar empadroado no Concello de Vilalba. Asemade, tanto a nai ou no seu caso o pai solicitante ou o/a titor/a legal deberán estar empadroados e ter a súa  residencia habitual no Concello de Vilalba. No caso de separación ou divorcio este requisito só será esixible a/ o proxenitor/a que tivese a garda e custodia.

 

Que a renda da unidade de convivencia non supere os 1500€ netos mensuais se ten un fillo/a ao seu cargo ou 1800€ netos mensuais con dous ou máis fillos ao seu cargo.

 

3º Non dispor de bens inmobles, distintos á vivenda habitual, sobre os que se posúa un dereito de propiedade, que, polas súas características, valoración, posibilidade de explotación ou venda, indique a existencia de medios suficientes para atender a necesidade para a que se solicita a axuda

 

4º. Será requisito obrigatorio que, se hai unha parella, traballen fóra do fogar os dous membros da unidade familiar e en horarios coincidentes.

 

5º. Entenderase por conciliación da vida laboral e familiar todos aqueles casos de:

 

  • Ampliación da formación: estudos secundarios, universidade, preparación de oposición ou certificados de profesionalidade, cursos de formación ocupacional e exames.

 

  • Motivos laborais: horario laboral e/ou horas extra.

 

  • Urxencias: casos de enfermidade da persoa que se fai cargo das crianzas (coidador/a) e/ou hospitalización dalgún membro da familia.

 

  • Motivos sociais: familia formada por un só proxenitor/a que cumprindo os criterios económicos, non estea desenvolvendo tarefa profesional algunha e se acredite que está nunha situación psicosocial difícil e se valore necesaria a socialización da/o menor.

 

CONTÍA DOS CHEQUES

 

A contía da axuda corresponderase cun total por cheque/unidade familiar de 150€/mes no caso de un/unha menor; de 300€/mes no caso de dúas/dous; e de 500€/mes no suposto de tres ou máis.

O aboamento poderá facerse de xeito mensual, unha vez se acredite mediante a oportuna xustificación o cumprimento dos requisitos para o acceso aos cheques axuda e as solicitudes resolveranse por orde de chegada ata esgotar a consignación orzamentaria contemplada.

 

OBRIGAS DAS PERSOAS BENEFICIARIAS

 

As persoas beneficiarias do sistema municipal deberán cooperar co Concello cada vez que se lles requira documentación co obxecto de verificar que seguen a cumprir os requisitos. Ademais, deberán informar de todos os cambios que se produzan na situación económica, laboral e familiar que deron lugar á concesión ou denegación desta axuda.

 

PROCEDEMENTO

 

A presentación das solicitudes realizaríase a través do Rexistro Xeral do Concello, acompañadas do conxunto da documentación requirida e o prazo para presentar as solicitudes tería unha duración anual.

 

Na seguinte ligazón, poderás ler a iniciativa ao completo e consultar con máis detalle a nosa proposta de documentación obrigatoria, así como a de procedemento de tramitación á que se axustaría.

 

Deixa unha resposta

O seu enderezo de correo electrónico non será publicado. Os campos obrigatorios están marcados con *

Deixar resposta