Vilalba Aberta levará ao Pleno Ordinario de Setembro a inaceptable situación que se deriva do total deixamento de funcións do Concello, ao respecto das súas responsabilidades co MUPAV (Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba).
Unha realidade, que cualificamos de insostible e que, tal e como denunciou na mañá de hoxe o noso voceiro municipal, Modesto Renda, “acadou o límite do tolerable” nos días posteriores á inundación ocasionada pola rotura dunha tubaxe o pasado día 13 de Xullo.
O incidente, que danou a maioría dos chans do museo, así como as portas e paneis das paredes, obrigou á dirección do Museo a buscar unha fórmula para poder abrir ao público, pois – explica Renda – logo das continuadas chamadas e solicitudes “só atoparon do Concello a autorización verbal da alcaldesa, de cara á adquisición e instalación dun sistema de alfombras de caucho, por parte da Asociación de Amigos do Museo”.
A este respecto, o noso voceiro cualificou de “intolerable” que, “do mesmo xeito que acontecía cos gobernos do PP”, teña que ser a sociedade civil, ante a “desidia e inacción do equipo de goberno”, a que “asegure a prestación dun servizo público”, pola vía da posta en marcha dun precario sistema de acceso que, “se non se actúa de inmediato, o paso do tempo converterá en permanente”, remarcou.
“A conservación e mantemento do edificio é unha obriga que Concello desatendeu durante demasiado tempo, co consecuente deterioro da infraestrutura. E se o desleixo do actual goberno en minoría do PSOE ameaza con empeorar máis se cabe a situación, Vilalba Aberta non vai consentilo” Sentenciou.
Na mesma liña se pronunciou a nosa compañeira, Mª Xosé Fernández, lembrando que a maioría dos turistas que chegan a Vilalba visitan o MUPAV e a imaxe que ofrece o edificio “é dun total e absoluto abandono”. Un aspecto, lamenta, que se suma ao “nulo interese” por parte dos “inxentes recursos patrimoniais abandonados en vila e parroquias”.
É por isto que urxirán ao Goberno do PSOE a asumir as súas obrigas no que ten que ver co mantemento dos espazos públicos que ocupa o MUPAV, a fin dunha axeitada prestación do servizo público, así coma de cara a velar pola correcta conservación do patrimonio histórico do Concello.
PACTO MUNICIPAL AO RESPECTO DO FINANCIAMENTO
Poñer fin á escaseza de recursos que dende hai anos ven padecendo o MUAPV, pola vía dun grande acordo municipal que sexa quen de superar a actual situación de dependencia que a institución ten con respecto á Asociación de Amigos do Museo, esa é a outra finalidade da iniciativa que Vilalba Aberta defenderá no vindeiro Pleno Ordinario.
“Chamamos a escoitar as demandas da dirección, ao tempo que reivindicamos a negociación dun acordo de consenso que, a través dun regulamento específico, “blinde nunha cantidade fixa a partida anual de fondos aportada polo Concello”, apuntou a este respecto Renda.
Un verdadeiro Pacto Municipal que, agardamos, asegure o presente e o futuro da institución, desvinculando dos vaivéns políticos a un emblema que sobrevive única e exclusivamente grazas ao esforzo dos seus responsables.
Na mesma liña, urxiremos ao Goberno a emendar as deficiencias en forma de filtracións de humidade. Unha incumprida promesa do Goberno que dende Vilalba Aberta consideramos de absoluta prioridade a fin de que nin o patrimonio bibliográfico nin o arqueolóxico sufran ningún tipo de dano.