Dar resposta ao crecemento da nosa base social, organizar a presenza permanente nas parroquias e afianzar a VA como alternativa de goberno en 2023. Estes son os obxectivos que fundamentan a reorganización interna coa que Vilalba Aberta pretende pór as bases para a constitución dun partido-movemento que lle dispute a alcaldía a PP e PSOE.
Así o avanzou a nosa vicevoceira municipal, Mª Xosé Fernández, no contexto da presentación da asemblea/festa coa que Vilalba Aberta presentará aos vilalbeses/as a súa nova Coordinadora e proxecto político.
FUNCIONAR COMO UN EQUIPO DE GOBERNO, XA DENDE O EXERCICIO DA OPOSICIÓN
Elixida por sufraxio de entre os participantes da nosa asemblea, a nova Coordinadora nace como un órgano executivo, sempre subordinado ao mandato da propia asemblea e estruturado en once responsabilidades, a cuxa cabeza se atopará o/a novo Responsable de Organización.
“Se aspiramos a ser goberno en 2023, temos que comezar a funcionar como tal”, explicou Fernández, en relación co amplo reparto de tarefas.
Con todo, a nosa vicevoceira reservouse a posibilidade de dar “ningún nome” ata a propia celebración do acto do día 9, pois, explicou “cómpre ser respectuosos cos tempos que nos demos na última asemblea”.
“Aínda non podemos falar de perfís; mais o documento estatutario no que estamos a traballar separa as responsabilidades institucional e orgánica, consagrando a máxima de unha persoa un cargo, co que isto representa en termos de oportunidade de que cada vez máis compañeiros/as dean un paso adiante” apuntou.
ÁS MUNICIPAIS COMO PARTIDO, CHAMAMENTO Á UNIDADE E PORTAS ABERTAS A TODAS AQUELAS PERSOAS QUE POÑAN POR DIANTE OS INTERESES DE VILALBA
O citado documento consagra tamén que Vilalba Aberta concorrerá ás eleccións municipais co seu propio partido instrumental e unicamente coa marca “VA”, descartando formar parte de ningún “paraugas instrumental” con outras candidaturas ao longo do País.
“As portas están abertas e a nosa man está tendida a todas aquelas persoas que antepoñan os intereses do noso Concello por enriba de calquera outro” lembrou Fernández.
Así mesmo, na nosa reformulación interna tamén latexa a vocación expresada publicamente por Modesto Renda por facer de Vilalba Aberta unha organización “cada vez máis transversal”, reforzando o contacto co asociacionismo veciñal, empresarial e cultural. “Sumar cada vez a máis xente” a unha formación que, en palabras de Fernández, aspira a “unir á veciñanza en torno a ideas de sentido común”.
“MÁIS QUE UN PARTIDO”: O LEMA ELIXIDO PARA UNHA PRESENTACIÓN CON MICRO ABERTO Á VECIÑANZA E QUE REMATARÁ CUNHA FESTA
Para presentar o novo proxecto político, a asemblea de Vilalba Aberta deseñou unha grande asemblea de micro aberto a todas as persoas que desexen participar (entrada libre ata completar aforo). Preténdese así, dar inicio a esta nova etapa predicando co exemplo e poñendo en valor a necesidade de darlle voz aos vilalbeses/as.
Mª Xosé Fernández, que vinculou o crecemento de Vilalba Aberta co traballo realizado en “permanente contacto coa sociedade civil”, avanzou as intervencións de Mónica González e a do noso voceiro municipal, Modesto Renda, que tomará a palabra xusto antes do inicio do micro aberto.
O debate, rematará con unha festa na propia carpa habilitada amenizada polos irmáns Fanego, vilalbeses e integrantes do “Dúo Estrellas”.