Vilalba Aberta anunciou hoxe a volta da súa pioneira iniciativa “Rede de Parroquias”. Suspendida pola aparición da Covid no mes de Marzo de 2020, estamos a falar dunha serie de encontros “parroquia a parroquia” deseñados pola nosa asemblea co obxectivo de coñecer de primeira man as necesidades da veciñanza do rural e incorporalas, logo, á axenda política da corporación.
Así, e despois das cinco primeiras de Santaballa e Nete, Ladra, Oleiros e Carballido (todas elas celebradas con anteiroridade á chegada da Covid) Vilalba Aberta visitará Corbelle co fin de celebrar a que será a sexta parada da agardada xeira.
“En Marzo do pasado ano vímonos obrigados a suspendelas nun exercicio lóxico de responsabilidade; pero toda vez que a situación epidemiolóxica nolo permite, non podiamos máis que retomalas”, explicou o noso voceiro municipal, Modesto Renda.
Á xuntanza, fixada para o vindeiro xoves día 28, ás 20.30h, na Casa Escola da parroquia, seguiralle outra, apalabrada xa, a celebrar entre este mes e o próximo na parroquia de San Simón.
COMPROMISO ELECTORAL
“Dende Vilalba Aberta queremos dar resposta ao que tantos veciños das parroquias nos dixeron semanas antes da celebración das Eleccións Municipais: As reunións nas parroquias, durante os catro anos e non só en campaña electoral”, apuntou a responsable de organización de Vilalba Aberta, Mónica González.
Unha visión, compartida por un Modesto Renda que contextualizou a iniciativa na necesidade de cumprir co compromiso adquirido coa veciñanza nas diferentes xuntanzas nas parroquias na campaña das Municipais. “A iso nos comprometemos e iso será o que faremos: Visitar e escoitar unha a unha ás 29 parroquias do Concello de Vilalba.”
GRANDE ACOLLIDA POR PARTE DA VECIÑANZA
“A acollida da iniciativa antes da Covid foi fantástica e, dende a celebración da primeira en Santaballa, sucedéronse as peticións de Asociacións de Veciños doutras parroquias que querían que nos achegaramos”, apuntou González.
Na mesma liña se pronunciou Modesto Renda, poñendo en valor “a predisposición e iniciativa da veciñanza das parroquias que nos contactaron, así coma o imprescindible de facer política “escoitando aos veciños das parroquias” pois “son sempre os máis damnificados polo conxunto dunhas administracións, lembremos, chamadas a velar polos seus intereses do mesmo xeito que o fan polos veciños/as do casco urbano”.
É por isto que animamos á veciñanza de Corbelle a participar, achegándose o vindeiro xoves á Casa Escola da parroquia. Así mesmo, dende Vilalba Aberta non queremos deixar pasar a oportunidade para trasladar o noso profundo agradecemento á directiva da Asociación de Veciños de Corbelle por permitir facer posible este novo encontro.