Tres meses despois de traslardamos ao Pleno a vulneración dos dereitos laborais por parte da adxudicataria, vémonos na obriga de volver saír na defensa das traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar.
De novo denunciamos o continuado incumprimento do convenio, os festivos non retribuídos e as quilometraxes á conta das traballadoras, entre outras “prácticas” totalmente asumidas pola empresa, e ás que cómpre sumarlle a persistencia das represalias contra todas aquelas que denuncian.
Unha situación límite dende o punto de vista das traballadoras, que atopa a súa base na total falta de control por parte do Concello coas empresas concesionarias. Falamos, cómpre recordalo, de empresas que, en conxunto, reciben miles de euros dos vilalbeses/as, e que actúan sen ningún tipo de supervisión municipal.
Na mesma liña se pronunciaba hoxe o noso voceiro no Concello, o compañeiro Modesto Renda, criticando a “falta de firmeza” do Alcalde e a “complicidade” do Goberno coas adxudicatarias. “A cidadanía ve perplexa como, sistematicamente, o Goberno Municipal actúa de maneira cómplice, por acción e por omisión, coas empresas concesionarias desamparando a unhas traballadoras que, aínda non mantendo unha relación laboral co Concello, son quen de facto prestan un servizo fundamental que afecta ás condicións de vida de veciñas e veciños de Vilalba.”
A este respecto, e ao tempo que asumimos que a defensa e potenciación do público non forme parte da folla de ruta do Goberno Municipal, volveremos trasladar a problemática ao Pleno, lembrándolle a este respecto ao Alcalde que a súa aposta decidida polo modelo de prestación privada sobre os nosos servizos públicos, non o exime da súa responsabilidade, atribuída pola lei, como garante último da súa xestión.
Responsabilidade, que lle impón unha serie de obrigas que non rematan no proceso de contratación, pois continúan ao longo da vida dun contrato, durante o cal, debe velar xunto ao seu equipo de Goberno polo bo cumprimento e desenvolvemento do servizo.
Ademais, e ao tempo que facemos nosas as lexítimas reivindicacións das traballadoras, volveremos defender tamén diante o Pleno a absoluta urxencia da posta en marcha de procedementos de control e fiscalización sobre as concesionarias, a fin de garantir que a prestación dos servizos municipais atenda ás necesidades básicas da veciñanza á que están suxeitos e ao máis estrito cumprimento dos dereitos laborais de todos e cada un dos traballadores/as encargados de materializalos.