A asemblea de Vilalba Aberta emitiu o pasado venres unha comunicación de urxencia, logo do fatal accidente que tivo lugar no interior do mesmo desguace que o Alcalde asegurara non necesitar de ningún tipo de licenza por parte do Concello, ao non albergar xa actividade algunha. Un tráxico suceso que, entendemos, esixe da inmediata comparecencia do Alcalde e o seu goberno.
Para comprender a gravidade do acontecido, cómpre remontarse ao pasado mes de outubro onde, logo de contrastar e advertirmos da situación de absoluta irregularidade relativa ao cambio de actividade que lle sucedeu ao cese e á posterior venta dos terreos e a nave sobre a que se asentaba a antiga empresa de prefabricados de Sancovade, esixiron xa a comparecencia do Alcalde, a fin de que os vilalbeses/as puideran coñecer a verdade do acontecido. A resposta non se fixo agardar, e foi no contexto dunha entrevista radiofónica – e non a través dunha rolda de prensa pública tal e como pedía a formación asemblearia – cando o popular Agustín Baamonde recoñecía que o novo uso dos terreos non constaba como tal no arquivo municipal. Unhas explicacións que, logo das probas aportadas por Vilalba Aberta e a denuncia dos veciños afectados, significaban na práctica que o desguace de camións de Sancovade – ben visible ao carón da circunvalación – estaba a operar dende había aproximadamente un ano sen que ninguén no Goberno Municipal fixera nada diante da ilegalidade manifesta que supón unha muda destas características nunha zona especificada coma chan rústico a efectos de administración.
Neste senso a nosa solicitude de urxencia a fin de depurar responsabilidades, pois logo de pedirmos en Novembro un Pleno Extraordinario de Reprobación en base a unhas declaracións que cualificabamos de burla á veciñanza, a actividade tal e como viña advertindo o compañeiro Modesto Renda a través dos posteriores plenos, continuaba a levarse a cabo coa entrada e saída de vehículos de alta tonelaxe, o demostrable do movemento de terras na finca e maila existencia de persoal operario e en horas intempestivas no interior da nave.