Dende a asemblea de Vilalba Aberta queremos facer nosas as reivindicacións das PEME e autónomos locais e esixiremos a instalación inmediata de cámaras para rexistrar a entrada e saída de vehículos así coma unha reformulación na vixilancia policial nocturna.
Vimos de rexistrar, con vistas ao vindeiro pleno de Xaneiro, un Rogo relativo á instalación de cámaras de vídeo-vixilancia a fin de contrastar a entrada e saída de vehículos no polígono industrial.
A reclamación, situada no contexto da inseguridade provocada polos últimos roubos e que dispararon de novo as alertas entre as PEME e autónomos locais, busca ademais unha reformulación na vixilancia policial a fin de mellorar a súa efectividade a nivel de prevención.
A metodoloxía que supón a instalación das cámaras e os seus obxectivos son únicos. De ningunha outra maneira se garante mellor a protección mediante un sistema de identificación de persoas que coa cobertura que dan as cámaras, e son variados os exemplos de concellos, nos cales, ben sexa en edificios de carácter público coma en recintos e parques empresariais, as cámaras de vídeo-vixilancia teñen demostrado ser unha arma altamente disuasoria, tranquilizadora e eficaz.
Neste sentido, non queremos deixar pasar a oportunidade para apelar á responsabilidade das forzas políticas vilalbesas con presenza noutras institucións, a fin de que transladen esta problemática e actúen en defensa dos seus veciños e veciñas pasando por enriba de calquera lóxica ou interese partidista.