Vilalba Aberta presentará no pleno ordinario do vindeiro venres dúas mocións que pretenden por una banda dar resposta á situación de emerxencia social pola que unha parte dos vilalbeses e vilalbesas están a pasar e por outra, levar a cabo unha das reivindicacións que dende o asociacionismo e a veciñanza de Vilalba, con máis forza se esixiu durante a pasada lexislatura como é a da información e a transparencia por parte do Goberno Municipal no relativo á concesión dos servizos que teñan a consideración de públicos e que na actualidade son xestionados por empresas privadas alleas á realidade vilalbesa e con intereses contrapostos aos do conxunto dos veciños e veciñas do noso concello.
O Plan de Rescate Veciñal, composto por 7 medidas contretas en materia de seguridade alimentaria, pobreza enerxética, axudas tributarias a familias con problemas económicos e cuxo custo situamos entre o 0,2 e o 0,3 do total do orzamento municipal; encádrase no contexto da dramática situación pola que, segundo os últimos datos de Setembro de 2015, 1.030 veciños e veciñas que engrosan as listas do paro están a pasar; o que unido á crecente tendencia á precarización do emprego (con traballos cada vez peor pagados e contratos de menor duración que se van encadeando sucesivamente, sen ningunha seguridade laboral), está a provocar que cada vez máis persoas do concello vexan severamente danada a súa capacidade para satisfacer as necesidades mais básicas das súas familias. Veciños e veciñas que se atopan con non poucas dificultades á hora de afrontar os custos das facturas de recursos básicos como a auga, a electricidade ou o gas.
Neste sentido, dende a asemblea de Vilalba Aberta cremos que é obriga do Concello proporcionar esta serie de servizos básicos de atención á cidadanía, especialmente á que se atopa en situación de necesidade, para garantir a saúde, o benestar, a dignidade e a boa convivencia de todos os veciños e veciñas; polo que se é en situacións de emerxencia cando deben tomarse medidas de emerxencia, a este conxunto de medidas, en Vilalba Aberta chamámoslle Plan de Rescate Veciñal.
No tocante á segunda das mocións, relativa á publicación dos expedientes de contratación dos servizos xestionados por empresas privadas; dende Vilalba Aberta consideramos que durante a pasada lexislatura, foron varias as problemáticas que ilustraron perfectamente as nefastas consecuencias da xestión privada que sobre os nosos servizos públicos se está a practicar. En concreto, foron as condicións laborais das e dos traballadores de empresa adxudicataria do servizo de recollida de lixo e con maior crudeza, se cabe, as dos traballadores e traballadoras da Piscina Municipal, así coma as consecuencias que para todos os veciños e veciñas ámbolos conflictos tiveron, e que provocaron a mobilización unitaria de veciños e traballadores reclamando ao Concello solucións, que máis alá da arrogancia e a reafirmación, novamente no modelo de xestión privada, este non foi quen de dar.
Neste sentido, ademáis da análise que da calidade dos servizos, as condicións nas que son prestados e o propio papel do Concello como garante de ambas cousas, en tanto que, responsable último da prestación dos devanditos servizos públicos e polo tanto de canto se deriva das fórmulas de xestión escollidas; dende Vilalba Aberta queremos poñer énfase no tocante á transparencia na concesión dos servizos que teñan a consideración de públicos a fin de conseguir do Concello que garanta aos veciños e veciñas a información que lles permita demandar a prestación duns servizos de calidade e, no seu caso, exercitar os seus dereitos.
Para elo, ademáis de esixir a Publicación do expediente de contratación dos servizos xestionados de xeito indirecto (Recollida do Lixo, Auga, Piscina e Conservatorio), demandaremos do concello que recolla nos pregos de cláusulas administrativas as previsións necesarias para garantir, como mínimo, aos usuarios os seguintes dereitos: A obter información sobre as condicións de prestación do servizo público; a presentar queixas sobre o funcionamento do servizo, que deberán ser contestadas de forma motivada e individual; a obter copia selada de todos os documentos que presenten nas oficinas da concesionaria, con relación á prestación do servizo; e a esixir,por último, das autoridades públicas o exercicio das facultades de inspección, control e, no seu caso, sanción para emendar as irregularidades na prestación do servizo.
Dende aquí as podedes descargar: