Un recoñecemento, sen dúbida, merecido en base á súa importantísima obra literaria, ao seu traballo renovador no eido pedagóxico, á súa loita a prol do noso idioma, así coma polo seu demostrado amor a Vilalba.
Dende a asemblea de Vilalba Aberta consideramos acaído facelo coincidir coa retirada do rueiro vilalbés dos apelidos dun dos militares que se ergueron contra a legalidade da 2ª República.
Os homes e mulleres que nos organizamos en torno á asemblea de Vilalba aberta, considerámos que cómpre honrar a figura de Agustín Fernández Paz, falecido o pasado 12 de xullo, dándolle o seu nome a unha rúa vilalbesa.
Neste sentido, pensamos que o máis acaído – e que sería moi do gusto de Agustín – sería facelo coincidir coa retirada do rueiro vilalbés dos apelidos dun dos militares que se ergueron en 1936 contra a legalidade da 2ª República, isto é: o xeneral Nevado Bouza. Unha magnífica ocasión para trocar o nome desa rúa e, en cumprimento da Lei de Memoria histórica, retirarlle o recoñecemento público a unha persoa cuxa conduta foi un exemplo de todo o contrario da democracia que queremos honrar e afortalar, e, de paso, lembrar para sempre a un vilalbés que foi, antes que nada, un exemplo de dignidade.
Agustín é, sen dúbida, merecedor de que unha rúa da nosa vila leve o seu nome pola súa importantísima obra literaria, polo seu traballo renovador no eido pedagóxico , pola súa loita a prol do idioma galego e polo seu demostrado amor a Vilalba.
Mais tamén o é porque foi un referente humano e cívico para milleiros de persoas, desde a súa postura rexa, baril, que exerceu a dignidade sempre, como cando en 2010 rexeitou o premio da Cultura Galega que lle outorgou a Xunta de Galicia, pola súa total disconformidade coa súa política lingüística.
Estamos convencidos de que Vilalba, A Terra Chá e a Galiza enteira, gañarán moito por partida dobre con esta retirada do noso rueiro dun dos símbolos da España fascista que en 1936 dobregou coas botas militares a forza dos votos cidadáns e a súa sustitución por un gran escritor e un nidio referente moral da Galiza de hoxe.
Que exemplo preferimos para a nosa mocidade? Quen é mellor para a nosa cidadanía? Pensamos que o goberno municipal de Vilalba, como a súa poboación, escollerá sen dúbidas a opción de seguir “limpando” o noso rueiro de “señores da guerra” e embelecelo con homes de paz e concordia, coma o Agustín Fernández Paz.