Vilalba Aberta trasladará ao Pleno o malestar veciñal ao respecto da xestión municipal dos espazos públicos utilizados polas asociacións. Un sentir, agudizado no pasado mes de setembro froito das deficiencias na coordinación dunhas instalacións municipais, destinadas a satisfacer as demandas de uso da veciñanza en xeral e do movemento asociativo en particular.
Denunciamos a arbitrariedade e a falta de transparencia na súa concesión e apuntamos á total falta de planificación municipal coma a responsable última de episodios de malestar entre asociacións, así coma das incertezas que sofren cada inicio de curso os diferentes entes culturais e deportivos.
A este respecto, a tardanza na adxudicación de horarios está a impedir a correcta programación tanto dos propios responsables dos colectivos coma das familias que toman parte das actividades.
Para a nosa compañeira María Xosé Fernández, “o orgullo que para Vilalba representa o feito de contar con un movemento asociativo tan rico e cunha tradición de colaboración tan consolidada, debería esixir dun Goberno Municipal atento e previsor, ademais de receptivo a todas aquelas propostas que estas lle acheguen ao respecto das súas necesidades.” Unha visión, compartida polo noso voceiro, o compañeiro Modesto Renda, que na mañá de hoxe contextualizaba a urxencia da iniciativa na “necesidade de superar a actual situación de improvisación pola vía da correcta planificación, así coma da procura constante de coidar o tradicional marco de convivencia entre as diferentes asociacións e entidades.
É por iso que reivindicamos unha xestión transparente e igualitaria na concesión de uso destes espazos, en base á posta en marcha duns criterios públicos accesibles e anticipadamente expostos nos taboleiros dos centros culturais e nas vías de difusión electrónica municipal. Unha nova dinámica de organización, para a propoñemos a creación dun regulamento de uso actualizado á demanda actual, así coma a creación de cuadrantes públicos unha vez teña rematado o curso municipal e onde figure a relación completa de espazos a disposición, en tanto que paso previo a unha ou varias reunións coas asociacións.
Unha proposta, a defender no vindeiro Pleno Ordinario de Novembro, que se completa coa reivindicación da necesaria colaboración institucional a fin da ampliación do polideportivo municipal. Unha idea – recollida da man dunha proposta veciñal – que ten por obxecto último o de sondear a posibilidade de centralizar as actividades deportivas, dotándoas dunha maior oferta de espazo na devandita instalación e permanecendo o auditorio municipal coma espazo reservado a aquelas de índole artístico/ cultural.
Na mesma liña, a nosa iniciativa remata facendo tamén referencia á colaboración institucional na procura do acondicionamento dos polideportivos dos centros educativos. Unha reivindicada mellora que, ademais de nas condicións dos centros e o alumnado, repercutiría positivamente en tanto que potencial espazo.