Vilalba Aberta vén de anunciar o lanzamento dun proceso de participación veciñal de cara á necesaria negociación duns Orzamentos Municipais para o noso Concello. Baixo o nome de Participa Vilalba e a través dunha novidosa ferramenta de participación online, o noso Grupo Municipal porá a disposición dos veciños/as de vila e parroquias a posibilidade de decidir bloque a bloque o conxunto das propostas coas que urxiremos á necesaria negociación ao Goberno en minoría do PSOE en Vilalba.
En palabras do noso voceiro municipal, Modesto Renda, Vilalba Aberta “toma unha vez máis a iniciativa” fronte a un PSOE, que “hai tempo renunciou ao cambio, decidindo gobernar por decreto cos orzamentos do PP”. Neste sentido, Renda destacou moi especialmente o feito de que a nosa formación “se desmarque unha vez máis do xeito de facer dos partidos políticos”, en tanto que, ademais dun “inédito proceso” de participación veciñal; “Participa Vilalba nace co obxectivo de implicar á veciñanza, involucrando tanto aos barrios da vila, como a cada unha das parroquias, así como aos traballadores/as e autónomos, en tanto que principais afectados pola gravísima realidade económica consecuencia da Covid.”
“Os Orzamentos Participativos son un compromiso electoral de Vilalba Aberta, mais tamén do PSOE e nós, aínda que na oposición, si cumprimos co programa e coa veciñanza”, sentenciou.
Na mesma liña se pronunciou a nosa compañeira e tamén edil, Mª Xosé Fernández, remarcando que, fronte á “política de anuncios baleiros” do equipo de goberno municipal, “Vilalba Aberta aposta por darlle a voz á veciñanza”, co fin de “poñer de relevancia a intelixencia colectiva, a través dun proceso participativo que faga posible que decenas de veciños/as tomen parte na creación, discusión e priorización das súas inquedanzas.”
“O que hoxe anunciamos pretende ser un proxecto colectivo que demostre que se pode facer política doutro xeito, coa participación da xente e sen concibir á veciñanza coma se se tratara dunha clientela á que convencer”, apuntou.
FASES E PRAZOS DO PROCESO
O procedemento está programado para o vindeiro luns día 2 de Novembro, e porase en marcha pola vía da presentación en redes da plataforma de participación online. Na mesma, todas as persoas empadroadas no Concello poderán enviar as súas propostas ata o mércores 11 do mesmo mes.
Neste senso, e unha vez expirado o prazo, activarase un procedemento de avaliación a fin de analizar a viabilidade xurídica e económica das achegas para, de seguido, establecer unha síntese e conclusión.