Acordos

O Grupo Municipal de Vilalba Aberta e o Grupo de Goberno no Concello de Vilalba (PSOE) veñen de asinar un acordo que subscribe a votación favorable no pleno extraordinario que se celebrará mañá, xoves 5 de agosto, para a incorporación de remanentes de tesourería co obxectivo de financiar unha serie de actuacións consensuadas por ambas forzas.

Incorporaranse á anualidade 2021 polo procedemento de modificación orzamentaria un total de 1.414.544,07 euros para poñer en marcha iniciativas que redunden na mellora da calidade de vida de vilalbesas e vilalbeses, prestando especial atención ao mantemento e rexeneración de vías no rural, á humanización e accesibilidade dos espazos do núcleo urbano e ao apoio a pemes e autónomos/as afectados polo peche obrigatorio das súas actividades por mor da crise sanitaria da COVID-19.

 

PLAN DE AXUDAS A AUTÓNOMOS E EMPRESAS

 

O primeiro dos acordos asinados por PSOE e Vilalba Aberta é o relativo á dotación de crédito para o Plan de axudas a autónomos, partida que poderá estar dispoñible tras o peche da liquidación e a incorporación deste crédito extraordinario. Esta liña de axudas, cun importe de 350.000 euros, estará destinada ao apoio do tecido produtivo e social de Vilalba para atenuar as consecuencias negativas provocadas pola pandemia e aliviar a economía dos sectores implicados.

Deste xeito, aprobaranse unhas bases para a xestión e distribución de ditas axudas, sendo destinatarias as empresas cuxa facturación anual non supere os 500.000 euros, e aos autónomos/as do Concello de Vilalba sempre que o seu establecemento se vise obrigado a pechar como consecuencia da crise sanitaria ou sectores que se visen especialmente afectados. O importe de cada axuda establecerase en función da actividade que desenvolva a persoa beneficiaria e variará entre os 850 e os 5.000 euros.

 

MANTEMENTO E REXENERACIÓN DE VÍAS NAS PARROQUIAS

 

O segundo punto consensuado abrangue a dotación de crédito para a execución de diversos proxectos de obra en diferentes vías municipais. Destinaranse 44.500 euros á pavimentación e rexeneración de vías na parroquia de Samarugo, 68.000 euros para a conservación e mantemento de vías na parroquia de Alba, 60.000 euros á conservación e mantemento de vías na parroquia de Rioaveso, 68.858,34 euros á mellora de vías municipais en Nete, Ladra, Distriz e Rioaveso, 164.000 euros en actuacións de mellora de diversos accesos a núcleos nas parroquias de Goiriz, Corvelle, Santaballa, Lanzós, Román, e outras, 24.982,34 euros no proxecto de mellora no vial de acceso a Bidueiros, 89.057,82 á pavimentación e mellora de vías municipais nas parroquias de Insua, Torre, A Costa e Ladra, 76.746,67 euros no proxecto e renovación da rede de abastecemento de auga nos accesos á Igrexa de Sancovade desde o núcleo urbano, e 169.000 euros á mellora de accesos a barrios de Corvelle, Goiriz, Román, Carballido e Costa.

 

MELLORA DA ACCESIBILIDADE NO CASCO URBANO

 

Ademais, tamén se realizarán actuacións no casco urbano de Vilalba, como a humanización da Travesía dos Castros desde o seu cruce coa Rúa do Calvario ata o cruce coa Avenida Terra Chá (142.781,82 euros), aglomerado en Avenida Terra Chá (48.346,98 euros), demolición do parque acuático na área recreativa da Madalena co fin de mellorar as instalacións e eliminar un equipamento que non cumpre coas medidas de seguridade (48.399,19 euros) e o acondicionamento dunha praza na rúa da Emigración (59.870,91 euros).

 

DESBLOQUEO FUNDAMENTAL EN TERMOS DE INVESTIMENTO

 

O noso voceiro municipal, Modesto Renda, contextualizou os acordos na necesidade de “cumprir con aqueles veciños/as que desenvolven os seus proxectos de vida nas parroquias”, así como con aqueles/as que “dependen economicamente da supervivencia de sectores produtivos tales como o comercio, a hostalería e o sector servizos, nun contexto tan adverso como o que xerou a crise económica derivada da Covid.”

Renda, que defendeu a política do entendemento e do pacto como “única que mellora a vida dos vilalbeses/as”, explicou que o pactado entre Vilalba Aberta e o Partido Socialista supón “un desbloqueo fundamental en termos de políticas de inversión” pois, do contrario, o “Concello non tería apenas marxe para executar, o que se traduciría nun ano perdido para Vilalba, xusto no peor momento.”

Na mesma liña, tanto el como a Alcaldesa de Vilalba, coincidiron en afirmar que o acordo é un paso adiante nesta lexislatura, poñendo sempre por diante os intereses da veciñanza de Vilalba.

Deixa unha resposta

O seu enderezo de correo electrónico non será publicado. Os campos obrigatorios están marcados con *

Deixar resposta