O pasado 28 de xuño celebrouse o Día Internacional polos Dereitos do colectivo LGBT, unha data de celebración e reivindicación onde celebramos o que ata o de agora conseguimos e reivindicamos todo aquilo que aínda nos falta por percorrer. A igualdade formal, que imposibilita a discriminación das parellas do mesmo sexo, por un lado, e permite a adecuación de nome e sexo ás persoas transexuais, por outro; logrouse grazas á loita dos colectivos de homosexuais, lesbianas bisexuais e transexuais, a pesar das trabas e obstáculos que as mentalidades conservadoras de sempre puxeron, primeiro á aprobación e despois á execución do marco reformista que a facía posible.
Pero isto non é suficiente xa que a LGBTfobia segue a estar presente na nosa sociedade, máis se cabe en realidades semirurais como é o caso tanto da comarca en xeral coma do noso concello en particular, o que fai máis ca en ningún outro contexto necesario o impulso de medidas contundentes para erradicar calquera tipo de discriminación.
Todos os días nos encontramos noticias onde se insulta e se discrimina tanto nas escolas coma nos centros de traballo, polo que dende a asemblea de Vilalba Aberta reclamamos neste día, unha sociedade máis libre, máis xusta e máis diversa, alzando especialmente a nosa voz por todas e todos aqueles que, ben sexa ao longo da vila coma das parroquias, non poden expresar a súa sexualidade con liberdade e sofren diariamente o odio, o rexeitamento e a marxinación por querer vivir a súa realidade persoal dun xeito digno.
Denunciamos os casos de LGBTfobia no noso concello e sumámonos ás reivindicacións do colectivo LGBT porque ningunha sociedade pode ser considerada coma democrática e plural se se manteñen ou alimentan situacións de exclusión e de fustrigamento social cara a unha parte dos seus membros.
Cómpre seguir, polo tanto, traballando, para consolidar os logros obtidos, e para facer fronte á discriminación social, que persiste e tardará en desaparecer, dado o seu arraigamento profundo na mentalidade colectiva despois de séculos de homofobia e transfobia. Por iso ten pleno sentido seguir celebrando e reivindicando con ocasión do 28 de Xuño, o Día Internacional polos dereitos do colectivo LGBT así coma traballando dende a rúa e as institucións a fin de que consigamos unha sociedade e un concello de persoas plenamente libres e iguais.
Vilalba, 29 de Xuño de 2015