A través dunha moción rexistrada esta mañá con vistas ao Pleno do día 26, vimos de propoñer ao Concello que proceda á instalación, tanto na vila coma nas parroquias, de colectores dedicados especificamente á recollida de aceite doméstico usado.
Un aceite, o que cada día empregamos nos nosos fogares, que por cada litro contamina 1.000 de auga e pasa por ser un dos residuos máis contaminantes que xeramos ademáis de representar, na actualidade, una das causas principais da contaminación das nosas augas coma consecuencia directa do seu vertido incontrolado.
A implicación do Concello a este respecto, limítase dende 2005 a instar aos veciños/as a que o depositen no punto limpo, fórmula esta, que resultou e continuará a resultar un fracaso mentras non se realice un proceso de concienciación da veciñanza para que refugue o aceite usado de forma adecuada e se lle facilite, sobre todo, a forma de facelo instalando colectores onde poidan depositalo dun xeito máis cómodo, xa que é a actual solución, a que en moitas ocasións fai desistir aos nosos veciños/as da reciclaxe do aceite doméstico, pois tras acumulalo na casa, hai que trasladarse logo ata unha localización nada próxima para moitos deles, o que se traduce no feito de que, unha vez utilizado, o aceite doméstico usado se verta polos desaugadoiros á rede de sumidoiros, xerando atascos e malos cheiros nos canos das nosas casas. Un problema ambiental que o é tamén social, co incremento de custo de mantemento das depuradoras ou as obstrucións nos canos domésticos e o que isto representa tanto para as economías familiares coma para as propias arcas municipais.
Neste sentido, ademais de evitar a contaminación e redundar nun importante aforro tanto para veciños/as coma para o Concello; a reciclaxe do noso aceite usado, a través dun proceso industrial, pode ter tamén utilidades enerxéticas, farmacéuticas e cosméticas, entre as que destacan a fabricación de xabóns, biodiesel, vernices naturais etc., sendo esta labor realizada en moitos casos por ONGs ou a FEAPS onde se fomenta o emprego de calidade para discapacitados elaborando biodiesel.
Son varios xa os concellos que, a día de hoxe recollen a devandita fracción a través de colectores, polo alto valor enerxético e as diversas aplicacións que merece en tanto que, son varias tamén, as diferentes patentes e empresas que operan neste sector. Algunhas, ademais de recoller o aceite usado, dispensan envases limpos para poder levar á casa cada vez que se deposita outro cheo de aceite.
Uns sistemas que permiten incrementar os limiares da reciclaxe deste residuo especial do fogar e que, ademais dun adecuado dimensionamento dos colectores situados na vía pública, tanto na vila coma nas parroquias, xunto á citada posta en marcha dunha campaña informativa a través dos medios municipais para informar sobre o porqué da reciclaxe de aceite usado e os seus posibles usos; poderían contribuír a unha xestión máis correcta dos nosos residuos e facer a reciclaxe máis fácil aos nosos veciños/as.