O Grupo Municipal de Vilalba Aberta compareceu hoxe co fin de valorar o Pleno Ordinario do pasado xoves. Unha sesión plenaria – a última deste 2020 – na que, ademais de urxir ao Goberno á negociación dos Orzamentos, se deu luz verde á iniciativa coa que pretendiamos instar á Alcaldesa a solicitar da Deputación a firma dun convenio de colaboración que asegure o financiamento do necesario Centro de Día e posibilite a súa apertura na presente lexislatura.
A proposta de resolución, que saíu adiante cos votos de PSOE, Vilalba Aberta e a abstención do Partido Popular, vinculará ao equipo de goberno municipal a negociar tanto co ente provincial coma coa Xunta de Galicia (un engadido que posibilitou o acordo entre o PSOE e VA) a posta en marcha dun servizo público fundamental para a veciñanza de vila e parroquias.
“Dicíamos que era preciso moverse e con traballo e cintura política acadamos o noso obxectivo” declarou o noso voceiro municipal, Modesto Renda. Neste senso, e ao tempo que cualificou o acordo como “unha vitoria do sentido común”, urxiu á Alcaldesa a “non perder un día máis diante da Deputación e a Xunta”, pois, “o Centro de Día é un compromiso ineludible coa veciñanza que votou cambio”.
Na mesma liña se pronunciou a nosa concelleira e vicevoceira municipal, Mª Xosé Fernández, que, do mesmo xeito que Renda, instou á Alcaldesa a mudar pasividade por iniciativa a fin de que a posta en marcha do centro poida ser unha realidade na presente lexislatura. “Diante da inacción, mover ficha era unha obriga e agora o balón está no tellado do Goberno” remarcou.
ADAPTAR A ESTACIÓN DE AUTOBUSES INDEPENDIZANDO AS DÁRSENAS: A MELLOR OPCIÓN PARA VILALBA ABERTA
“Cando compartiamos Goberno, transmitímoslle ao PSOE a nosa idea de reclamar a titularidade da estación de autobuses con vistas a proxectar alí o Centro de Día, independizando e adecuando as dársenas co fin de compatibilizar os dous servizos”. Así explicaba Renda a xa coñecida postura de Vilalba Aberta en relación coa ubicación. Unha visión, que tal e se expuxo no Pleno semella asumida polo Goberno Municipal. É por isto, que a negociación á que a Alcaldesa quedou vinculada debera, ao xuízo de Vilalba Aberta, ter por obxectivo último que o convenio poida ser unha realidade – previa presentación do proxecto – toda vez que se faga efectiva a titularidade municipal.
“É sabido que a Xunta é a primeira interesada en transferir a infraestrutura e de aí a urxencia de avanzar na cuestión da financiación.” Apuntou Renda.