Covid19

O Grupo Municipal de Vilalba Aberta compareceu hoxe de urxencia, co obxectivo de reclamar da Alcaldesa a inmediata reactivación da Comisión Municipal de seguimento da Covid.  Unha a solicitude, rexistrada xa na sede electrónica do Concello, e a través da que se reivindica a “urxente convocatoria” dunha comisión, constituída por decreto da Alcaldía no pasado mes de Marzo e da que nada se sabe, logo da inaugural do mes de Abril.

En palabras do noso voceiro municipal, Modesto Renda, “cómpre unha análise e posta en común semanal da situación sanitaria do municipio, que nos permita anticipar, dun xeito máis áxil á par que eficiente, a toma de decisións en caso de necesidade”.

Unha metodoloxía colexiada e plural, lembrou, “xa delimitada a imaxe e semellanza do que xa está a funcionar noutros Concellos, onde a opinión dos técnicos e forzas de seguridade municipais conte de verdade, e na que a presenza dos grupos municipais da oposición estea asegurada.”

Renda remarcaba así, o noso posicionamento en relación coa actual situación de alerta, ao tempo que lamentou que, dende que Vilalba Aberta non está no goberno, a unidade municipal no que respecta á loita contra a pandemia “quedara en papel mollado”.

“Tanto no Goberno como na oposición e ao respecto da Covid, Vilalba Aberta sempre foi leal; pero non pode ser que, coa que está caendo, a comisión de seguimento tan só se convocara unha vez en oito meses”, sentenciou.

Unha opinión compartida pola nosa compañeira e vicevoceira municipal, Mª Xosé Fernández, quen contextualizou a solicitude na necesidade de pór en marcha, de novo, esta comisión “por responsabilidade, para realizar un seguimento exhaustivo dos casos en tempo real e compartir aquela información e datos que permitan realizar as correspondentes previsións sobre o que poida pasar e preparar os diferentes servizos a fin de reaccionar de forma inmediata.”

Deixa unha resposta

O seu enderezo de correo electrónico non será publicado. Os campos obrigatorios están marcados con *

Deixar resposta