Reivindicamos do Concello que solicite ás compañías subministradoras a firma dun convenio de colaboración que lle permita a recepción dun aviso previo en caso dun corte por mor da falta de pagamento en calquera dos fogares de Vilalba.
Someteremos a debate a nosa proposta, relativa á creación dun fondo de emerxencia nos orzamentos de 2017, a definir polo conxunto dos grupos con representación en consenso plenario.
Na actualidade, máis de tres millóns de fogares non poden pagar as subministracións básicas para cubrir as súas necesidades de enerxía debido ao continuo incremento do seu custo. Segundo datos do INE, dúas de cada dez familias tiveron dificultades para acender a calefacción este inverno.
O mesmo ocorre co gas, dúas subministracións fundamentais e básicas para garantir un mínimo de calidade de vida.
A este respeito, os sucesivos ditames do Comité Económico e Social Europeo indican que a loita contra a pobreza enerxética é unha prioridade social que necesita apoio a todos os niveis e instan a emprender accións urxentes que partan do recoñecemento dun dereito de acceso universal á enerxía, pois estamos a falar dunha situación que está a supoñer que moitos cidadáns estean neste momento elixindo entre pagar os recibos da luz, gas e hipoteca ou garantir a manutención da súa familia.
Os recentes cambios normativos no sector eléctrico non están a facer senón empeorar esta situación, encarecendo aínda máis a factura eléctrica dos galegos e as galegas, que xa pagamos a factura da luz máis cara do conxunto da Europa continental.
Neste sentido, é especialmente vergoñento que as familias non poidan pagar os seus recibos de luz e gas mensuais, namentres que empresas como Endesa ou Iberdrola teñen beneficios astronómicos, isto é; máis do dobre que o resto de empresas do sector no resto de Europa.
Se botamos unha mirada rápida ás contas de resultados das grandes subministradoras de luz e gas non se albisca que padezan ningún tipo de crise. Nos primeiros 9 meses de 2013 Endesa chegou a obter un beneficio de 1.551 millóns. Iberdrola máis aínda, 2.275 millóns e Gas Natural Fenosa alcanzou un beneficio neto de 1.445 millóns no total do exercicio.
Parece lóxico, pois, que a nosa responsabilidade, en tanto que representantes municipais, sexa a de nos posicionar diante das compañías, a fin de garantir estas subministracións aos fogares cando as nosas veciñas e veciños non poidan facerse cargo das facturas por unha situación de falta de recursos económicos, pois a luz e o gas son servizos básicos que deben ser entendidos como dereitos inalienables e non como bens mercantilizables.
É por isto, que defenderemos diante do pleno municipal que o Concello solicite ás compañías subministradoras de luz e gas a firma dun convenio de colaboración que lle permita a recepción dun aviso previo (1 a 2 meses) no caso dun corte na subministración por mor da falta de pagamento de luz e gas en calquera dos fogares de Vilalba. Unha información, que levaría aparellada unha rápida actuación e colaboración dos Servizos Sociais para evitar o devandito corte do servizo. Na mesma liña, os contratos de subministración de todas as dependencias municipais quedarían supeditados ao cumprimento destes requirimentos por parte das empresas subministradoras
Ademais, pularemos pola creación, para o exercicio de 2017, dun fondo de emerxencia nos orzamentos municipais cunha dotación orzamentaria a definir polo conxunto dos grupos con representación en consenso plenario.